O 13 de marzo, domingo, foi un día proveitoso, do cal deixei constancia no anárquico diario que vou escribindo cando teño vagar. Para non cansar a quen lea, só vou reescribir aquí un treito do que foi esa xornada:
Estaba nun bar de Burela, tomando café, lendo a cachos e distraidamente xornais e revistas. Tiña aberto sobre a mesa El País e, nas páxinas dedicadas a Galicia, batín cun titular que me chamou a atención: "Me pondría el velo solo por fastidiar". Despois de ler a reportaxe, pareceume que o título era capcioso, pois xogaba a acender a alarma atávica do racismo que, supostamente, denunciaba.
Pero como contrapartida levei a grata sorpresa de descubrir que un dos testemuños era o de Leila Fathalla, a quen tiven a sorte de dar aulas no IES Xulián Magariños, de Negreira, no 2006, o ano que comezaba a miña labor como profesor substituto de lingua galega. Leila tiña daquela quince anos e cursaba o Programa de Diversificación Curricular de 3º da ESO. Teño moi bo recordo da xente daquel curso. Lembro que o día que cheguei me sorprendera o ben que Leila falaba galego, e así llo fixen saber: "Xa levo aquí desde os sete anos, eh!", foi a resposta que ela me deu. A súa historia cóntase nesta noticia e eu alégrome moito polos seus éxitos. E non escribo isto porque pense que tiven algo que ver na súa evolución educativa, pois creo que o único mérito é seu. Eu só me limitei a recordala sempre como unha alumna intelixente e con ganas de aprender.
O caso é que lendo isto o café parecía saberme aínda mellor. Tiña vontade de compartir con alguén a miña satisfacción e aproveitei que a camareira viña retirar algo da mesa para amosarlle a noticia:
"Mira, esta rapaza da foto foi alumna miña".
A camareira, sorprendida, tarda un intre en reaccionar:
"Carai, pois si que debe prestar ler iso".
"Moito. Aínda que non o creas, estou moi emocionado".
E, a falta de bágoa, unha pinga de café deixouse caer sobre a folla do xornal.
P.s.: En canto saín da cafetaría fun a un quiosco, porque quería conservar esta páxina. Por iso non hai aquí mancha de café.
A Bernardo Penabade e Juan Sama, que axudaron a facela posible, vai dedicada esta entrada.