"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amor. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de agosto de 2022

A pesar dos tempos que corren

"Hay quien cree que lo más difícil de este oficio es vencer a la página en blanco, cuando lo aterrador es defender la página escrita ante quien quiere borrarla", escribe o meu admirado Sergio del Molino na columna que hoxe dedica ao acoitelamento de Salman Rushdie ("Lo que no perdonan a Salman", El País, 13/08/2022). Debería recortar a cita e pegala no escritorio, tela en fronte coma un espello onde mirarse cando as palabras parezan non querer ser convocadas (invocadas). 

Todo o malo é empezar: agora tecleo, tanto tempo despois que mesmo nos cruzamos cunha pandemia, e déixome levar pola música do teclado. Tamén axuda ter un intre de calma; non por ser verán, agosto e en vacacións ten por que ter un máis tempo libre. Tamén axuda ter un cuarto propio; escribo isto no meu vello cocho de Cando, onde, como xa dixen unha vez, escribín a maior parte do que levo feito, mesmo a maior parte destas entradas, cada vez máis independizadas daquela/desta miña caverna platónica. Elixo deliberadamente o portátil que me dura desde hai xa once anos. É unha silenciosa sorte de superstición (é o mesmo modelo de portátil que tiña João Tordo e similar a un que tiña Haruki Murakami). Que lonxe quedan xa aqueles anos nos que, ilusamente, cría que nunca ía escribir a computadora. E a máquina só a empregaba para pasar a limpo. Lembrei o tacto daquel duro teclado (cunha tecla defectuosa, como toda máquina de escribir), mentres vía unha antiga entrevista televisiva a Francisco Umbral. Dicía el sentir verdadeiro pracer ao teclear na máquina. No maxín poño de menos esa sensación, que tamén debín experimentar nalgún momento, mais irrompe deseguido a lembranza do puro padecemento e tantas veces irritación ante o erro que precisaba ser riscado, emendado con líquido corrector, cando non era inevitable rachar o folio e volver comezar, cal Sísifo mecanógrafo. Só agora, mentres redacto esta entrada nun teclado mol e con posibilidades múltiples de doada rectificación do escrito, podo conceder que haxa pracer nesta música discreta de ir xuntando letras nun cyborg piano que escribe. 

Así como a Rushdie non lle perdoan nin a resistencia nin a risa, lembro que na entrevista Umbral advertía que a expresión da intimidade, na que el se prodigaba intencionadamente, era algo aceptado de mala gana, e polo tanto podía molestar. Por iso hai lectores que non lerán blogues coma este, aínda que viñesen bater por un casual con estas confesións públicas dos nosos tempos. Mais por aquí seguiremos, preguiza mediante. Que as vacacións son as non-vacacións de quen temos a teima de ir xuntando letras coma quen xunta cadáveres (exquisitos). Xa teño expresado isto outras veces, e non deixa de ser un lugar común, mais comentouno con maior acerto Ernesto Castro, xove filósofo cuxa canle de Youtube sigo con moita frecuencia: as vacacións son a época máis creativa para quen nos dedicamos ás actividades académicas. Sigo tamén, co mesmo degoro, a canle de seu pai, Fernando Castro, de quen xa levaba lido tantos textos, sen pórlle cara, no Cultural do ABC, o cal dalgún xeito me aproxima máis a el. Precisamente matinaba hoxe na entrevista a Salman Rushdie que publicamos no Artes & Letras, cando xa eu me estaba a desprender dos labores de coordinación. Ía ser eu quen o entrevistase (cando veu á Coruña inaugurar o X Congreso Mundial de Semiótica), mais preferín encargarllo ao meu compadre Manolo do Río, non só polo meu pésimo nivel de inglés, senón porque entendín que a el lle faría maior ilusión. Evidentemente, foi unha gran entrevista. Oxalá Rushdie siga a dar moitas máis. 

                                 Portada de Artes & Letras Galicia, suplemento do ABC, nº 10, outubro de 2009.
                                            Inclúe a "Conversa co encantador de Mumbai", por Manolo do Río, pp. 2-3.

E por hoxe abonda. Volvo instalarme no silencio descontinuo. Espero que sexa noutro non tan duradeiro. Que fixen en todo este tempo?, preguntaredes. Contaréivolo mellor nunha entrada vindeira. Hoxe só quería volver escribir por mor dun aniversario (como sabedes son moi dado á numeroloxía e ás efemérides): hai xusto dez anos que comecei con Eva a relación pseudoepistolar que derivou no que hoxe temos. Mais xa vedes como me vou enredando noutros temas... Escoitades esa campaíña? Chegamos á marxe dereita do papel. E xa podemos arrincar o folio. Imaxinade que isto é unha carta de amor, imaxinade que levou escribila dous anos, oito meses e vinte e oito noites... 

domingo, 28 de xullo de 2019

Coa primeira luz do día

"Qui ti posò, ma pria mi dimostraro
li occhi suoi belli quella intrata aperta;
poi ella e 'l sonno ad una se n'andaro.
A guisa d'uom che 'n dubbio si raccerta
e che muta in conforto sua paura,
poi che la verità li è discoperta,
mi cambia' io; (...)"

Purgatorio, canto IX, vv. 61-67

Estes versos copieinos no meu perfil de Facebook o 13 de decembro do ano pasado. Calquera pretensión enigmática queda difuminada ante os entendedores do inmenso poema de Dante, axudados pola referencia final. Ao comprobar que só unhas dez persoas premeran no "gústame" sentín que eran a inmensa minoría, da que tamén eu quería formar parte, polo menos nese intre virtual. Era xusto o día de Santa Lucía. Pola tarde fora á misa a Tarás, na capela dedicada á mártir de Siracusa. En Outes especificamos: Santa Lucía do inverno, porque tamén en Tarás hai a festa de Santa Lucía do verán, cando o día xa lle quitou todo o que puido á noite. Mais eu prefiro as misas vespertinas do inverno, cando o humilde templo, algo apartado entre o monte, está na semipenumbra. Téñolle unha querenza especial ao contorno porque aí sacáronlle ao finado de meu padriño (morreu hai tres anos, 3; tres meses, 3, despois de que tamén morrese miña madriña) unha foto de grupo nos anos corenta, a foto da banda de música na que el tocaba. 
Pola noite, ao chegar á casa busquei o canto de Dante no que aparece Santa Lucía. Débolle o recordatorio ao cura (quen ía dicilo!), que tivo un arrebato erudito para consignar o feito no seu sermón. Desta maneira foi como me deixei emocionar polos versos que, ao escoitalos cos ollos, ía facendo meus. Se vos é moi duro lelos na lingua de Dante (tamén a min me custa, porque non é aínda o actual italiano; é lei de vida que os fillos miten aos pais, pero vaia...) velaquí tedes unha versión españolizada:


"«Sus bellos ojos en que amor lucía,
me señalaron esa brecha abierta,
y tu sueño se fué, cuando partía.»
Como quien en sí mismo a ver no acierta,
y que cambia en confianza su pavura
cuando al fin la verdad ve descubierta;
tal cambié yo, (...)"

Trad. Bartolomé Mitre, 
ed. Centro Cultural "Latium" 
(Buenos Aires, 1922)

Na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes pódese descargar de balde.
Si, xa vexo (grazas, santiña, polo don da vista) que o tradutor tomou certas licenzas. E iso que na portada do libro consta que é "Traducción en verso ajustada al original". Hai quen cambia o que din os libros, como hai libros que cambian a quen os le. Tamén, e quen sabe se foi xa no medio do camiño da nosa vida (da miña e da de Eva), cambiei eu, "pasando a amargura" (era este o fragmento que suprimín na cita de Dante), cando veu ao mundo Lucía, a nosa filla.



 Esta foto fíxenllela a Eva e a Lucía na igrexa de Cee,
ante a imaxe de Santa Lucía. Foi o día de San Xoán de 2019,
cando levamos a nosa filla a Lires, a coñecer o mar.

P.s.: Remato esta entrada coa primeira luz do día 28 de xullo, xusto un ano despois de que eu e Eva arrancásemos para o hospital de Santiago, coa primeira luz do día, mentres as contraccións ían en aumento. Ás 20:28 horas do 28 de xullo de 2018 nacía a nena (á vista está que o seu número ten que ser o oito; Dante, quen tanta fe puña no simbolismo dos números, escribiu con 18 anos o primeiro poema dedicado a Beatriz e consideraba que a idade perfecta era ata os 81 anos -nos dous casos, 1+8 ou 8+1, ocúltase o 9, isto é, o amor, ou 3 veces 3-). Por iso programei esta entrada para que o intre exacto do aniversario coincidise coa nova etapa do blogue, tras case 3 anos de sequía (isto foi pura coincidencia, como tamén o é que vaia para outros 9 que o botei a andar). Estes días estou a traballar para facer algúns cambios (poucos, o que poida ir discorrendo; os cambios importantes, como entenderedes, van tendo lugar na vida, na vida terreal, é dicir, non precisamente nestoutra vida virtual, que tampouco é eterna). Por agora xa está enlazado ao dominio que merquei en .gal. Acompaña así a Lucía nos primeiros pasos (aínda non anda e xa se nota que sofre por non falar!). Nós, eu con vós, seguiremos falando (e agardemos que desta vez sexa antes de que o faga a nena ou igual teriades que agardar cerca doutro ano). 


Sempre o 3, sempre os tres...

sábado, 13 de agosto de 2016

Catro anos de felicidade


 De las estrellas que admiré, mojadas
por ríos y rocíos diferentes,
yo no escogí sino la que yo amaba
y desde entonces duermo con la noche.

Pablo Neruda

Cando teño insomnio acórdome do meu amigo Mario. Como tantas outras cousas que compartimos, ambos combatemos esa noite de arañas brancas que habita na noite co mesmo remedio: un libro predilecto. Deste xeito facemos da necesidade de durmir virtude, e ábrese unha imprevista oportunidade de gozar da lectura.
Mais desta vez non fago así. En vez dun libro abrín o portátil. A voz encadernada de Mircea Cărtărescu repousa nunha esquina da mesa da cociña. Na esquina oposta eu redacto isto. Moitos anos atrás el empezou a escribir o seu longo poema Levantul ("O Levante") na mesa da cociña: "e eu era un amargado profesor nunha escola pública ao fondo de Colentina, recén casado e cunha nena recén nacida no carricoche. Así que comecei O Levante nunha esquina da mesa da cociña cuberta cun mantel de hule; escribía a máquina cunha man e coa outra movía o carricoche polo sucio sintasol da cociña". Involuntariamente emulo a situación (con hule, mais sen o deprimente sintasol; tamén sen filla, e coa miña vella máquina de escribir xa gardada para sempre) coa amarga certeza de que nunca serei quen de escribir como el o fai. Algún día tereime que preguntar que lía antes de ler a Mircea Cărtărescu.

Mario xa me advertiu que desde que naceu a súa filla (hai xa tres anos!) apenas pode ler. Dada a situación, imaxino que o insomnio será agora máis ben provocado do que espontáneo. Nos últimos tempos a vida cambiounos moito aos dous, meu amigo vello. Claro que se eu non leo tanto como antes é só por ser tan can.
O insomnio prendeu en min pouco despois das cinco da mañá. Antes de tomar a determinación de erguerme, e de coller o libro (antes de que as cousas se torcesen e eu acabase aquí escribindo), as arañas brancas tecíanme nos ollos imaxes da tea inmóbil dos meus soños. Deixei durmir a Eva e deixeime atrapar nesa tea, coa esperanza de poder librarme do texto. E vivir para contalo.
Mentres redacto estas liñas, a estas horas da alborada, hai xusto catro anos, en Moaña, poñiamos fin á celebración da voda de Vítor e Andrea. Vítor foi das primeiras persoas que coñecín en Filoloxía, tal como relatei no discurso lido na cerimonia; empezaba así:
"Eu non sei moito sobre o amor, apenas sei que nos aparva e nos fai felices ou nos fai desgraciados.
Eu non sei moito sobre o amor, e iso que tivemos que estudalo a fondo. Conocín a Vítor nesa mili con pouca instrución e moitas manobras que se chama carreira, onde fixemos os amigos que antano se facían no exército. Non tivemos arrestos pero collemos algúns vicios, como o de intercambiar boas lecturas, unha adicción que nin eu nin Vítor conseguimos superar. Non sei se el lembra o arduo traballo que fixemos buscando enumeracións nas putas cantigas medievais; Vítor foi listo e escolleu as Cantigas de Amigo, a min tocáronme as de Santa María, e repartimos á metade as de Amor; por iso digo que estudamos o amor a fondo. (...)".
Escribino nun tempo récord (para min), dous folios en pouco máis dunha hora, o tempo que faltaba antes de marchar para Moaña. Sempre deixo todo para o último día.
Relelo agora lévame aos anos compartidos con Vítor, cando eu pasaba poemas a limpo na miña vella máquina de escribir, absolutamente seguro de que nunca na vida ía escribir con computadora (pobre de min, ignoraba que ía tardar pouco en utilizala, por imperativos laborais; mais podo dicir, non sei se con orgullo, que aprendín a manexar unha computadora, e un teléfono móbil, cando xa tiña vinte e tres anos feitos, o cal me facía levar polo menos uns cinco anos de retraso con respecto á miña xeración). Comecei a carreira no século XX e remateina no século XXI, literalmente.
A pesar das présas coas que o redactei, aquel foi un discurso bastante celebrado polos convidados. O tipo triste e cincento que eu era converteuse por un día no poeta con zapatos de cristal. Era "o colega escritor do Vítor". Todo o mundo quería vir saudarme para darme os parabéns. Todo o mundo quería tomar unha copa comigo. Todo o mundo quería fotografiarme. Todo o mundo me solicitaba amizade no Facebook. Mais a normalidade non tardou en regresar. Aínda que xa non volvería ser tan triste nin tan cincento.


   Que atenderá todo o mundo? 
De quen son eses zapatos de cristal?

Na mañá do 12 de agosto de 2012, sen gana de durmir, acabei deambulando polos bares do porto de Moaña. De vez en cando achegábame a visitar o mar de Vigo, o mar maior dos poetas do ano mil douscentos e pico. Intercambiaba co mar cromos da miña xuventude (isto é un verso, modificado, dun poeta moi novo que coñecín en Compostela, e non volvín saber del, cando aínda utilizaba a miña máquina de escribir). Lembro a sensación de irrealidade ofrecida pola cidade de Vigo, tan preto, entre a calima. Semellaba que estirando o brazo podería tocar as fauces dos altos edificios. O mar ofrecíame a estúpida acuarela dos meus soños. Aquela mañá experimentei, como diría Vítor, unha epifanía. Quentaba o sol, que fixera eu da vida?
Pola tarde, xa na casa de meus pais, estes faláronme dunha rapaza; a filla dunha amiga deles que eu non coñecía. Precisamente viñan de visitala. Miña nai, traballando duramente contra a miña solteiría, tamén lle falara de min á rapaza. Díxolle que me buscase no Facebook, que eu perdía moito o tempo por alí.
Entón, o día 13 de agosto, cando me conectei, xa diluídas as peticións de amizade da xente da voda, vin a solicitude de Eva. Tiven o presentimento de que era a moza da que me falaran meus pais. E era. Comezamos a chatear e fomos construíndo o palacio da noite, unha burbulla de aire onde vivir para sempre. Usamos as palabras como bálsamo. E quixemos coñecernos. Aos poucos días iniciamos a relación que dura ata hoxe. Catro anos de felicidade, empañada por veces polos golpes da vida, mais felicidade á fin e ao cabo. A araña do pasado atrápame na rede de Filoloxía, naquela clase remota (a memoria de Vítor non me deixará mentir) na que Xesús Alonso Montero, coma quen di noso avó, nos deu un consello: "Aproveiten a felicidade, porque é breve; nin sequera existe, o que hai son intres de felicidade, e teñen que aproveitalos". Eu deixeime guiar por el. Sigo sen saber moito sobre o amor, mais agora si o coñezo, sen necesidade de estudalo a fondo. Tiña razón unha veciña de Eva, cando me dixo: "Non creo que haxa outra rapaza tan guapa nin tan boa coma ela en todo o concello de Rois". Desde logo, xa é moito máis do que podería ofrecer eu.
A banda sonora ideal desta entrada sería a canción "Testimonio", de Juan Luis Guerra: "No necesito pastillas para dormir/ si estás conmigo/ todos los sueños florecen/ cuando me hablas al oído". Despois de todo, o insomnio é un incidente sen importancia. Considerádeo unha pequena discusión de parella. De por parte, permitiume escribir este regalo cativo para a quen tanto lle debo, e publicalo exactamente catro anos despois de que o cruce dos nosos camiños comezase a tecerse na arañeira virtual (de onde só se liberan os amores valentes).


Estando con Eva, todas as noites durmo coa noite.