"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta amizade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amizade. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de novembro de 2019

Dous meses

Mentres Eva vai traballar e Lucía aínda dorme comezo, con aparente decisión, esta nova entrada. Fágoo, como vén sendo habitual, con moita demora, apremado polo encontro que esta noite vou ter cos meus amigos de Cando, os meus amigos de toda a vida. Na noite de defuntos celebraremos a amizade este grupo de fieis vivos. Mais antes debo ocuparme do relato doutro encontro, previo, co meu amigo Mario, a quen lle prometín escribir algo por aquí. A cousa non debería ser difícil de contar porque os txikitos, as conversas, os paseos, os libros e películas que comparto con el etc. son fonte inesgotable de anécdotas, afluentes do gran río que nos leva desde a infancia, tantas situacións compartidas desde aquela remota mañá que non lembramos na escola infantil da nosa parroquia. Non debería ser difícil e, porén, el sabe (teño a certeza de que o sabe, polo menos despois dos correos que nos cruzamos este verán) da miña proverbial preguiza á hora de sentarme diante dunha pantalla a xuntar letras, e sabe (teño a certeza de que o sabe) que non responde ao desleixo pola nosa amizade. 
Tras un ano sen vernos, mesmo mantendo un mínimo contacto telefónico ou telemático (situación perigosísima en calquera outra amizade), acordamos por fin o reencontro. Foi o 7 de setembro, véspera das festas da Ponte Nafonso, que para nós marcan a fin do verán. Coincidía (pasa moi poucas veces) que tamén era a festa de Cuns, mais xa deixei aviso de que esa noite do sábado a reservaba para ir cear con Mario. Quedamos no John Turkey, outro chantón imprescindible na miña memoria sentimental, onde tantas risas teño botado con Mario, chispeantes conversas que parecían extraídas das burbullas daquela boa cervexa de barril. Alí estaba el, sentado como se fose o salón das nosas casas, coa súa caña, o seu xornal (desta vez cambiouno por unha monografía sobre Marie Curie) e un cigarro imaxinario. Por teléfono advertírame que igual nos pegábamos unhas hostias por haber tanto tempo que non nos viamos. Deume a risa cando vin que a carón da mesa había unha foto antiga enmarcada na que se ven dous púxiles entregados no combate; tamén na tele botaban un combate de boxeo. Como pode ser? Mais somos xente civilizada, fómonos poñendo ao día intercalando o sucinto relato das nosas vidas presentes. Todo ben, máis ou menos, criando cadansúa filla (a del xa algo máis grandiña).
A cea foi en Casa Amanda: despois de polbo á prancha, carne á pedra, como non podía ser menos. Alí e no restaurante Areal son os dous sitios onde esta receita ten máis éxito na Serra de Outes. Penso que, na Serra, comezaron a cociñar así a carne na de Amanda, mais falo por impresións, porque escoitaba a sona que tiña o prato nese sitio cando eu tiña vinte ou vinte e cinco anos menos. Pensei naquela época cando volvín ver nunha parede do restaurante a tella decorada coa imaxe e cos versos de Añón.

A decoración do local é moi outense; un espazo agradable para comer en boa compaña.
(Lucía espertou e está no meu colo, a tomar o biberón, mentres escribo, polo que non me fago plenamente responsable de todo o que diga a partir de agora.)
Mais xusto antes da cea pasaron cousas. Cousas raras, como as escenas dos boxeadores na taberna onde quedaramos. Mario bromeaba dicindo que eran nefastas premonicións da noite que nos agardaba. Fomos levar ao meu coche un xoguete que me regalou para a nena. Onda a Horta do Muíño, a carón da Casa da Cultura, vimos un gato negro atrapando un rato. Así é como podería presentarse un aviso ao heroe nun relato medieval. Dando un paseo polo contorno da que fora a nosa escola de EXB vimos unha ambulancia recollendo alguén ferido (?), coa consecuente aglomeración de familiares e/ou veciños. Foi entón cando Mario dixo: "Moncho, é mellor que vaiamos cear canto antes". 
Despois xa todo foi a mellor.
Tiñamos pensado ir tomar unha copa a Noia, pero antes paramos no Veleiro. Quedaba de camiño ao coche. Souben que Mario quería entrar alí en canto pasamos por diante. De feito, desandamos os nosos pasos cando lle dixen: "Ti queres entrar aí, xa te coñezo". A picardía do seu sorriso foi diáfana resposta. El ten predilección polas tabernas onde van os paisanos. O que comunmente se chama "bares de vellos". Hai algúns anos, por Noiteboa ou Noitevella, explicoume o concepto en Noia, antes de entrarmos no Lelé: "Ven, Moncho, que aquí imos facer amigos". E así foi. Como tamén foi no Veleiro, onde os parroquianos non defraudaron as nosas expectativas. E nós, sen entender de todo as claves que rexen nun lugar así, malgastamos uns minutos en fedellar nos móbiles para compartirmos un curso (de barra de bar) de ética xornalística, vendo, por exemplo, como a visita de Santiago Abascal a Baiona motivaba un encontro con viandantes explicado de xeito ben diferente segundo se lese a noticia en La Voz de Galicia ou no Faro de Vigo. En que quedamos? Era recibido en calidade de Sidi ou de macho cabrío? 
Xa en Noia sacamos algunha foto. Non son gran cousa porque saen moi escuras, feitas sen flash. Valen como recordo. Mario diante dun dos quioscos da Alameda, ollando para a prensa exposta mentres sostén con garbo a biografía de Marie Curie. A pintada, no instituto Virxe do Mar, chea de razón, se non fose o estrago das paredes, que din: "Terrorismo é non chegar a fin de mes". Cousas así. Fixen a foto con algo de prevención, case como se fose eu o autor da pintada, xa que a poucos metros o alcalde departía cuns familiares. Sentinme observado pola autoridade. Que lle queredes? Tentaba fotografar un intre. 
A primeira parada foi no Lelé (si, onde podes facer amigos polo Nadal, ou en calquera outra época do ano). É a taberna máis antiga da vila (no 2025 será centenaria). Os maiores aínda lle chaman polo auténtico nome, bar Eloy. Sobre el hai opinións para todos os gustos. A primeira vez que entrei foi con miña nai, para mercar as mellores xoubas en lata que probei na vida. Outra vez, estando no instituto, antes de empezar as clases levoume un tío meu a tomar uns chatos de moscatel, o cal derivou nunha experienca psicodélica galaica que un estudante de secundaria remiso ao almorzo non se atrevería a revelar. O Lelé devolve o efluvio daqueles viños que traían os veleiros de antano. Facemos un selfie, profanando así ese templo do licor de Noé. En realidade queremos ter unha imaxe co trofeo do primeiro torneo do viño (ideado, entre outros, polo gran Pepe Agrelo, alá pola temporada 1966/67). Mario sente emoción ao ver no altar tabernario unha foto na que, a carón do mesmo cáliz cerámico (enorme) que temos diante, sae, de nena, a taberneira que nos vén de atender. Eu pensaba que era porque noutrora o meu amigo foi moi futboleiro, mais non é por iso: "Emociónome porque penso que é a miña filla a que está aí con esa copa". 

No Lelé recoñecemos os pijos que xa saían nas noites dos sábados na nosa época. Son vellos vampiros que loitan contra o tempo coa súa roupa cara e os seus coidados faciais. E tamén nós seremos logo vampiros e non o sabemos; a nosa imaxe non se reflicte neses espellos). Como daquela, a mesma xente vai dun bar a outro. Comprobámolo ao ver outra vez os vampiros no Gasset Premium, ao que lle sigo chamando Mc Cool (debe ser un signo dos nosos tempos que comezásemos e rematásemos a noite de farra en cadanseu bar "irlandés"), forzándome a non chamarlle "sala (de xogos) de abaixo". Se alá destacaban os pijos aquí fano as adolescentes, vestidas para saíren de marcha, ou para saíren mellor nos selfies que sacan a cada pouco. Onde vai a nosa mocidade?, parece preguntarlle o sorriso cómplice de Mario á miña máscara de melancolía.
A unha hora prudente despedímonos coa promesa de volvermos quedar polo menos cada dous meses. Por agora ímolo conseguindo: aínda non pasaron os dous meses. A cea desta noite non a organizamos nós, senón outro Mario (tamén do núcleo duro da miña panda na adolescencia). Nin será unha cea tan exclusiva. Mais tanto ten. Hoxe volve ser sábado. Esta noite os amigos agardan por min.

sábado, 13 de agosto de 2016

Catro anos de felicidade


 De las estrellas que admiré, mojadas
por ríos y rocíos diferentes,
yo no escogí sino la que yo amaba
y desde entonces duermo con la noche.

Pablo Neruda

Cando teño insomnio acórdome do meu amigo Mario. Como tantas outras cousas que compartimos, ambos combatemos esa noite de arañas brancas que habita na noite co mesmo remedio: un libro predilecto. Deste xeito facemos da necesidade de durmir virtude, e ábrese unha imprevista oportunidade de gozar da lectura.
Mais desta vez non fago así. En vez dun libro abrín o portátil. A voz encadernada de Mircea Cărtărescu repousa nunha esquina da mesa da cociña. Na esquina oposta eu redacto isto. Moitos anos atrás el empezou a escribir o seu longo poema Levantul ("O Levante") na mesa da cociña: "e eu era un amargado profesor nunha escola pública ao fondo de Colentina, recén casado e cunha nena recén nacida no carricoche. Así que comecei O Levante nunha esquina da mesa da cociña cuberta cun mantel de hule; escribía a máquina cunha man e coa outra movía o carricoche polo sucio sintasol da cociña". Involuntariamente emulo a situación (con hule, mais sen o deprimente sintasol; tamén sen filla, e coa miña vella máquina de escribir xa gardada para sempre) coa amarga certeza de que nunca serei quen de escribir como el o fai. Algún día tereime que preguntar que lía antes de ler a Mircea Cărtărescu.

Mario xa me advertiu que desde que naceu a súa filla (hai xa tres anos!) apenas pode ler. Dada a situación, imaxino que o insomnio será agora máis ben provocado do que espontáneo. Nos últimos tempos a vida cambiounos moito aos dous, meu amigo vello. Claro que se eu non leo tanto como antes é só por ser tan can.
O insomnio prendeu en min pouco despois das cinco da mañá. Antes de tomar a determinación de erguerme, e de coller o libro (antes de que as cousas se torcesen e eu acabase aquí escribindo), as arañas brancas tecíanme nos ollos imaxes da tea inmóbil dos meus soños. Deixei durmir a Eva e deixeime atrapar nesa tea, coa esperanza de poder librarme do texto. E vivir para contalo.
Mentres redacto estas liñas, a estas horas da alborada, hai xusto catro anos, en Moaña, poñiamos fin á celebración da voda de Vítor e Andrea. Vítor foi das primeiras persoas que coñecín en Filoloxía, tal como relatei no discurso lido na cerimonia; empezaba así:
"Eu non sei moito sobre o amor, apenas sei que nos aparva e nos fai felices ou nos fai desgraciados.
Eu non sei moito sobre o amor, e iso que tivemos que estudalo a fondo. Conocín a Vítor nesa mili con pouca instrución e moitas manobras que se chama carreira, onde fixemos os amigos que antano se facían no exército. Non tivemos arrestos pero collemos algúns vicios, como o de intercambiar boas lecturas, unha adicción que nin eu nin Vítor conseguimos superar. Non sei se el lembra o arduo traballo que fixemos buscando enumeracións nas putas cantigas medievais; Vítor foi listo e escolleu as Cantigas de Amigo, a min tocáronme as de Santa María, e repartimos á metade as de Amor; por iso digo que estudamos o amor a fondo. (...)".
Escribino nun tempo récord (para min), dous folios en pouco máis dunha hora, o tempo que faltaba antes de marchar para Moaña. Sempre deixo todo para o último día.
Relelo agora lévame aos anos compartidos con Vítor, cando eu pasaba poemas a limpo na miña vella máquina de escribir, absolutamente seguro de que nunca na vida ía escribir con computadora (pobre de min, ignoraba que ía tardar pouco en utilizala, por imperativos laborais; mais podo dicir, non sei se con orgullo, que aprendín a manexar unha computadora, e un teléfono móbil, cando xa tiña vinte e tres anos feitos, o cal me facía levar polo menos uns cinco anos de retraso con respecto á miña xeración). Comecei a carreira no século XX e remateina no século XXI, literalmente.
A pesar das présas coas que o redactei, aquel foi un discurso bastante celebrado polos convidados. O tipo triste e cincento que eu era converteuse por un día no poeta con zapatos de cristal. Era "o colega escritor do Vítor". Todo o mundo quería vir saudarme para darme os parabéns. Todo o mundo quería tomar unha copa comigo. Todo o mundo quería fotografiarme. Todo o mundo me solicitaba amizade no Facebook. Mais a normalidade non tardou en regresar. Aínda que xa non volvería ser tan triste nin tan cincento.


   Que atenderá todo o mundo? 
De quen son eses zapatos de cristal?

Na mañá do 12 de agosto de 2012, sen gana de durmir, acabei deambulando polos bares do porto de Moaña. De vez en cando achegábame a visitar o mar de Vigo, o mar maior dos poetas do ano mil douscentos e pico. Intercambiaba co mar cromos da miña xuventude (isto é un verso, modificado, dun poeta moi novo que coñecín en Compostela, e non volvín saber del, cando aínda utilizaba a miña máquina de escribir). Lembro a sensación de irrealidade ofrecida pola cidade de Vigo, tan preto, entre a calima. Semellaba que estirando o brazo podería tocar as fauces dos altos edificios. O mar ofrecíame a estúpida acuarela dos meus soños. Aquela mañá experimentei, como diría Vítor, unha epifanía. Quentaba o sol, que fixera eu da vida?
Pola tarde, xa na casa de meus pais, estes faláronme dunha rapaza; a filla dunha amiga deles que eu non coñecía. Precisamente viñan de visitala. Miña nai, traballando duramente contra a miña solteiría, tamén lle falara de min á rapaza. Díxolle que me buscase no Facebook, que eu perdía moito o tempo por alí.
Entón, o día 13 de agosto, cando me conectei, xa diluídas as peticións de amizade da xente da voda, vin a solicitude de Eva. Tiven o presentimento de que era a moza da que me falaran meus pais. E era. Comezamos a chatear e fomos construíndo o palacio da noite, unha burbulla de aire onde vivir para sempre. Usamos as palabras como bálsamo. E quixemos coñecernos. Aos poucos días iniciamos a relación que dura ata hoxe. Catro anos de felicidade, empañada por veces polos golpes da vida, mais felicidade á fin e ao cabo. A araña do pasado atrápame na rede de Filoloxía, naquela clase remota (a memoria de Vítor non me deixará mentir) na que Xesús Alonso Montero, coma quen di noso avó, nos deu un consello: "Aproveiten a felicidade, porque é breve; nin sequera existe, o que hai son intres de felicidade, e teñen que aproveitalos". Eu deixeime guiar por el. Sigo sen saber moito sobre o amor, mais agora si o coñezo, sen necesidade de estudalo a fondo. Tiña razón unha veciña de Eva, cando me dixo: "Non creo que haxa outra rapaza tan guapa nin tan boa coma ela en todo o concello de Rois". Desde logo, xa é moito máis do que podería ofrecer eu.
A banda sonora ideal desta entrada sería a canción "Testimonio", de Juan Luis Guerra: "No necesito pastillas para dormir/ si estás conmigo/ todos los sueños florecen/ cuando me hablas al oído". Despois de todo, o insomnio é un incidente sen importancia. Considerádeo unha pequena discusión de parella. De por parte, permitiume escribir este regalo cativo para a quen tanto lle debo, e publicalo exactamente catro anos despois de que o cruce dos nosos camiños comezase a tecerse na arañeira virtual (de onde só se liberan os amores valentes).


Estando con Eva, todas as noites durmo coa noite. 

martes, 19 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (I)


Manolo do Río xa mo advertiu: "unha á semana xa é de carallo"; mais, aínda non sendo estrito nos prazos, propúxenme actualizar o blogue cunha entrada semanal nos meses de verán, publicada preferentemente os venres ou sábados (así que nesta que entrou van ter que ser máis de unha). E aquí estamos. Falaba disto con Manolo o sábado, cando lle levei a revista Terra de Outes na que sae a entrevista que lle fixen. Loxicamente, como lle preguntei por tantas cousas, tivemos que publicala algo recortada, e por iso este treito da conversa orixinal...:

As súas teimas acostuman verse reflectidas tamén no seu blogue, non si? Alén de que xa leva vostede varios anos no espazo virtual.
A miña primeira bitácora virtual, 'A Corte de Camelot', pretendía ser un espazo de encontro, debate  e divulgación de novos creadores que amais, eran amigos. Nese senso, naceu como unha continuación virtual d'A Caramuxa e do labor do Colectivo Sacou. A miña segunda casa, 'Trasalba', homenaxe a un dos meus escritores galegos favoritos, o xigantesco Ramón Otero Pedrayo, segue ata a actualidade, e a día de hoxe, converteuse nun diario público no que vou anotando ideas, fragmentos e reseñas de lecturas e retrincos varios relacionados coas humanidades e cos libros. Entre os dous, xa van alá 11 anos.

...acabou reconverténdose nesta raquítica información ao inicio da entrevista publicada:

Blogueiro activo, leva máis dunha década publicando on-line as súas inquedanzas, primeiro na bitácora "A Corte de Camelot" e agora en "Trasalba": entradas sobre literatura, arte, pedagoxía, política, gastronomía, viaxes, xardinaría...
Se non coñecedes a Manolo non sei que estades esperando (quen non consiga mercar a revista en papel, poderá buscala no futuro na páxina da asociación Terra de Outes). E tamén estades en pecado mortal se non entrades, sequera unha vez ao ano, no seu blogue (podedes procurar absolución aquí).
Acórdome del mentres escribo isto porque o café con xeo me leva a esa tarde do pasado sábado, cando Noriko me preparou unha fresquísima limoada caseira coa que acompañar a charla con Manolo (tivo tamén Noriko a xentileza de darme a probar os lemon squares, uns pasteliños de limón, que fixera, e por riba aínda me entregou unha caixiña con eles para levarlle a proba a Eva, que tan feliz é cos doces). Talvez tamén me acorde del porque estaba só vestido cun pantalón curto, igual que eu agora, morrendo de calor mentres tecleo, querendo imitar aquela icónica fotografía na que se ve a William Faulkner nun balcón en California, tecleando na máquina un guión para a Warner Bros, en pantalón curto, con gafas de sol e co peito ao aire, mais cuns grosos calcetíns de la e zapatos. Manolo e mais eu somos máis de chanclas, que é algo máis caseiro, menos literario.
Falando pois de literatura, quería lembrar que se cumpre unha semana da morte de Agustín Fernández Paz. A boas horas, diredes. Mais o conto é que vin remoendo estes días algo sobre o tema. Casualmente, un dos libros que mercara o pasado Día das Letras Galegas foi O rastro que deixamos, que vén ser unha especie de memorias feitas con retallos de discursos, conferencias, artigos, etc. e mais algún texto inédito. Lino con moito gusto, aínda cando ás veces a información era algo reiterativa (dada a tipoloxía textual). 
Este ano o meu alumnado de 2º da ESO leu Cartas de inverno, que é unha das miñas apostas gañadoras desde que o puxera como lectura para ese curso en Carral, vai xa para dez anos. Ben é certo que, aínda que gañou maioritariamente o favor do público, foron moitos os comentarios que me fixeron sobre a obra cualificándoa de desconcertante e cun final moi estraño. Vese que a rapazada cambiou nesta década porque en Carral o libro fora un bombazo. Debo dicir que tamén os de 4º da ESO leron A viaxe de Gagarin, e aí o entusiasmo si que foi sensibelmente menor, salvando a opinión de quen estaba máis familiarizado coa "literatura". Como digo, vese que a rapazada cambiou un chisco nos seus gustos literarios. Ou igual o único que sucede é que os novos veñen máis críticos.

luns, 9 de abril de 2012

Resurrección

Esta colaboración foi escrita hai tres anos, en Semana Santa, aos poucos meses de comezar a miña actividade no suplemento do ABC. Daquela aínda non me publicaban as "Flores de papel" na rede, así que fago constar que, co título de "Resurrección", apareceu no nº 4 de Artes & Letras Galicia, en abril de 2009.

Nunha entrevista recente, o historiador inglés Robin Lane Fox, especialista no mundo clásico, sostiña que se Homero coñecese a nosa época sentiría lástima polos poetas actuais (“son tan malos…”) e nunca se metería en Facebook. Aos poucos días, servo dalgún designio tráxico que non chego a entender (eu, pobre mortal) decidín que chegara a hora de crear aí o meu perfil, inda que só fose por acalar o coro de fanáticos que me convidaban a facelo en múltiples correos electrónicos. Deste xeito vin engrosar a nómina (máis ben pseudoanónima ca pseudónima, pois requírense datos reais para seren efectivos) dos moitos millóns de usuarios dunha das máis coñecidas redes sociais de internautas. As diversas defensas domésticas que teño escoitado sobre o invento inciden no feito de que posibilita resucitar o contacto coas vellas amizades, as previas á popularización da telefonía móbil e de internet (e aquelas que é mellor manter mortas?). No meu caso, non puiden resucitar á única persoa coa que perdín o contacto involuntariamente.
Cando quero estar cos amigos, en vez de pasar as páxinas virtuais do “libro de caras”, encárome con eles, como fixen na Semana Santa, tempo propicio para a resurrección da carne, da amizade e, como verán, da poesía. Na santa compaña de tres amigos vellos pasei unha tarde inmortal na vila de Rianxo. Un dos momentos máis emotivos foi a visita ao cemiterio de Tanxil, onde están enterrados Rafael Dieste e Manuel Antonio. Ningunha proba mellor de que a escritura se fai contra a morte ca aquela que nos ofrecen as lápidas, tan mudas mais tan elocuentes. Tamén nós permaneciamos calados e absortos, cal adictos cibernautas, pensando nas faces e nos libros dos poetas mortos, de todos os malditos poetas mortos. Despois da catarse dirixímonos á praia, onde, caendo a tarde, lemos poemas en voz alta (a voz que non teñen os mortos), coma quen lles fai unha ofrenda ás deidades marítimas, antes do periplo. 
De noite, retirado xa na deserta paz do lar, “con pocos, pero doctos libros juntos”, lin a face de Dieste baixo a luz do Rojo farol amante: “Quien muere y resucita / se embarca en el milagro”, pasei as páxinas da voz de Manuel Antonio De catro a catro: “Encadearemos adeuses de escuma / pra tódalas praias perdidas”, solemnemente, como se así puidese resucitar a amizade, a praia de Tanxil, o mundo clásico, e os malditos poetas mortos. 

Encarando a tumba de Manuel-Antonio

Como fin de Coresma, pareceume oportuno rescatar esta columna, quizais a primeira dunha serie de vellos textos que vaian aparecendo por aquí. Os amigos dos que falo son: Manuel L. Rodrigues (autor da fotografía), Manolo do Río e Roberto Abuín, dos cales xa falaba na entrada inicial deste blogue. 
Por certo, aquela persoa que buscaba resucitou. Só por iso pagou a pena perder horas e horas no Facebook, aínda en detrimento das horas ocupadas coa poesía. Espero non tardar moito en verlle outra vez a cara.

sábado, 26 de novembro de 2011

Monte Pindo

Igual non tarde moito en converterse nun ritual que o algo escangallado colectivo Sacou queira castigar o corpo subindo o doce de outubro ao cume do Monte Pindo. Por agora quedamos apalabrados para repetir o vindeiro ano, pois a última (e primeira) vez xa fora no 2004. Imos empezar a subida. A deste 2011 foi algo así:

Que non leve a engano a alegría dos seus semblantes; 
estabamos en pleno intre de descanso, a metade de camiño; cansazo e suor.

Aquí deixo a crónica, máis ou menos sentimental, dos tres ascensos ao mítico monte onde todo é moito máis grande ca nós.


Subín o monte Pindo por primeira vez cando tiña catorce ou quince anos. A excursión fora organizada no instituto e por iso era considerablemente nutrido o grupo de montañeiros afeccionados. Aínda teño na memoria episodios daquel día; é como se o pó erguido da terra pisada se me pegase arredor dos tocelos mentres escribo, conmovido pola fermosura xuvenil que bañaba delicadamente os rostros das compañeiras de promoción (hoxe sei que non estaba namorado de ningunha). Descansamos nun dos chans, facendo paréntese entre a escarpada sucesión de rochas, e vimos bestas bravas a pacer os rebentos máis tenros dos toxos. Debía ser primavera, pois pola tarde, cando xa baixaramos, bañámonos na praia esmeralda e vidrosa de San Pedro, enxugamos o tempo naquela area tan branca. Volvín ver esa escena no final de «Bandeiras dos nosos pais», de Clint Eastwood. (Para seguir lendo picar aquí.)

Non se ve moi ben, pero acolá embaixo está a area branquísima da praia de San Pedro.

Cando subiramos no 2004 fixemos unha chea de fotos; algunhas xa teñen viaxado abondo pola rede, ao meu pesar. Lembro unha na que no alto da Moa emulabamos parodicamente a famosa imaxe bélica "Alzando a bandeira en Iwo Jima", tomada por Joe Rosenthal en 1945 no monte Suribachi. Cando escribín a columna para o ABC non reparara na coincidencia de aludir ao filme de Clint Eastwood. Tampouco en que unha xaponesa se sumara á nova expedición. Debeu ser o espírito da montaña, pechado nas bagas dun acevo, que quixo facer burla miña.




mércores, 2 de novembro de 2011

Equinoccio

Acórdome hoxe de dous bos amigos: Marcel e Ángel. Ao primeiro debíalle desde hai tempo o que hoxe publico aquí, e en todo o texto ides ver que aboia a bondade que el desprende. Ao segundo podedes velo comigo na fotografía da entrada anterior, bañándonos no Tambre, hai varios anos (e precisamente hoxe fai tamén el anos). Co atraso que me caracteriza, dedícolles a eles, por tantas cousas, a columna colleitada canda o equinoccio de outono para o suplemento Artes & Letras.

Esta historia comezou un día no que vin xirar un catavento...


A través da fiestra vexo como a sombra das nubes vai escorrendo por un piñeiral; por veces o sol reaparece con máis forza e a sombra desaparece, bórrase como o soño que non podemos lembrar cando espertamos. Nun tellado próximo xira con preguiza un catavento, os escintileos metálicos devolven a imaxe da pá de folla de lata naquel poema de Seamus Heaney: «E o amor está nisto/ como a pa de folla de lata/ afundida máis alá do seu lampexo/ na artesa».
Gústame escribir con música tenue, pero aquí non preciso máis música ca o chío dos paxaros, o ladrido dos cans, tan espazado e discreto que non chega a estorbarme. Mesmo parece que os coches circulasen temperando a rouquén dos motores. A melodía da vida quere impregnar a páxina, é unha brétema que vai calando no corpo das letras, miúdas como pegadas de paxaro. (Para seguir lendo picar aquí.)

Esta historia rematou un día no que comín uvas cuspindo as peles...

mércores, 31 de agosto de 2011

Volver

Levaba case tres anos sen ver a Iria Lago. «A miña fada azul en Arxentina», tal como a nomeou, coa precisión da febre, Maxi Olariaga, poñéndoa moito de menos. O Atlántico fora un océano de silencio ata que volveu, adiviñando o escintileo das luces que ían marcando o seu retorno.
De cando en vez chegaban noticias dela, amalgamadas cos libros que me enviaba. Un día chegaron dous libriños, deses que chaman cine de dedo: Un día en Buenos Aires, as fotografías que Santiago Melazzini fixo do obelisco un día calquera, desde o mencer ata a noite; e Volver, acompañado dun disco, o que permite ir pasando os fotogramas, de Carlos Gardel cantando este tema, mentres se escoita a música. Eu facía correr as páxinas, como un sopro, como se eses anacos de papel fosen toda a fortuna do meu corazón. «Volver» xira no reprodutor mentres deseño estas pálidas liñas. (Para seguir lendo picar aquí.)

Quizais un enlace co tango de Gardel e Le Pera fose ideal para acompañar a lectura desta "flor de papel", mais eu prefiro ofrecervos esta fotografía:


"Mirade, somos nós...". Eu e o meu amigo Ángel bañándonos no Tambre. Fixéronnos esta foto hai mil anos, no mesmo sitio do que falo no texto. Aínda non coñecía a Iria, pero as augas xa sabían que tiñamos que volver.

mércores, 16 de marzo de 2011

A fin do mundo e un desapiadado país das marabillas

Debemos ser lexión quen, querendo pensar en Xapón, temos na mente os libros de Haruki Murakami. Provoca sentimento de culpa ocuparse neste intre dalgo tan fútil como a literatura. Os medios tamén xogan a ir abrindo os sete selos. Polos menos algúns queren ser orixinais, e vernizan o desastre nas páxinas de cultura.
A central da que tanto se fala chámase como a miña amiga (Noriko) Fukushima, compañeira de Manolo do Río. O mesmo día que a coñecín, hai xusto dous anos, fixémoslle a Murakami unha entrevista, que foi portada do suplemento Artes & Letras Galicia, do ABC:


Tivemos o pracer de conversar con el (e descubrir que non era tan seco como dicía a prensa) o día que lle entregaron en Santiago o San Clemente. Despois da entrevista, saboreando unha deliciosa torta de queixo, Noriko explicoume a etimoloxía do seu apelido: Fukushima significa en xaponés "Illa da fortuna".
Agora hai no Pacífico unha illa desafortunada. Hai dous anos este parecía ser un mundo sen fin, aínda que xa empezabamos a saber que todos os países das marabillas son, no máis profundo da súa alma, países desapiadados.





luns, 7 de marzo de 2011

Tarde, moi tarde

Conforme é hábito en min, tamén chego tarde a este sitio. En calquera caso agardo que sirva este novo espazo (aínda que namais sexa) para calmar as ansias lectoras da xente que me quere ben. Supoño que o motor principal da lectura en xeral (e da lectura dun blogue en particular) é a curiosidade. Se isto é certo, terei que manter a curiosidade lectora se quero conseguir algo tan básico como manter lectores. Por iso irei escribindo sobre cousas que me interesen por ver se consigo interesar nelas a quen lea.
Nunca completamente convencido da necesidade de participar neste medio de expresión, foi a reiterada insistencia dos camaradas Manolo do Río (http://www.trasalba.blogspot.com) e Manuel L. Rodrigues (http://www.manuellrodrigues.blogspot.com), seguida da súa impagábel axuda na confección do blogue, o que me levou a iniciar esta dubidosa empresa. 
Conseguiron convencerme hoxe, en Rianxo, despois de visitarmos a Roberto Abuín. Saquei varias fotos, pero vou poñer outra que fixemos na praia de Tanxil, vai para dous anos. Aquí están os tres:


Son, de esquerda a dereita: Manolo do Río, Manuel L. Rodrigues e Roberto Abuín. Semellan un grupo de rock ou unha panda de superheroes, pero son tres homes bos, tres bos poetas que por veces non escriben.
Temos en Rianxo outro dos nosos sitios no mundo. Roberto contribúe a iso. Tamén o día bonito que pasamos hoxe. Pola tarde, antes do retorno, subimos ao Castro Barbudo. Cando baixamos, no camiño atopamos un seixo. Agora, a harmonía das seis caras dos cristais batalla coa desorde da miña mesa de traballo. Non sei que misterio habitará nesta pedra, mais quero conservala por todo o tempo que me reste de vida.


No meio do caminho


No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra.

Nunca me esquecerei desse acontecimento
na vida de minhas retinas tão fatigadas.
Nunca me esquecerei que no meio do caminho
tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
no meio do caminho tinha uma pedra.

     Carlos Drummond de Andrade