"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

venres, 8 de agosto de 2014

Casa sen amo


Entre Cospedal y Palin, uno se inclina por Zsa Zsa Gabor, que supo expresar como pocos el amor conservador por el hogar: "Soy una maravillosa ama de casa; cada vez que me divorcio, me quedo con la casa".

Así remata un artigo de Manuel Rivas (en El País, 13 de setembro de 2008) a propósito de Obama e a comparación da política norteamericana coa española, de aí ese final. Busquei o texto en internet porque lle teño escoitado ao meu amigo Mario Redondo a cita de Zsa Zsa Gabor, até agora para min apócrifa e descontextualizada, que el lera no mencionado artigo. Lembreime dela (sen ser nin querer ser divorciado, nin sendo sequera o contrario) despois de lavar a louza e botar a roupa a secar, cando por fin podía sentarme a escribir isto (prometo que non farei pasar por feminista un alegato pseudoburgués: claro que sei o que é ter as mans corroídas pola lixivia e outras substancias químicas, como calquera que saiba o que é traballar; unhas mans estragadas non fan especial a ninguén). Sempre se di: a triste condición da ama de casa é que nunca ve o traballo feito. E se algunha vez o ve non é para durar: vólvese manchar, vólvese limpar, etc. E por riba case nunca se agradece nin se compensa. No entanto eu, amo de casa a tempo parcial e sen excesiva carga de traballo, son un privilexiado. Innegábel o inxenio lingüístico de Zsa Zsa Gabor, mais o sintagma "ama de casa" é perverso (como o é a cita): a única ama é a casa, que domina á muller. Como naquel conto de Cortázar: "Cuando te rgegalan un rgeloj (...) te rgegalan el miedo de pergderglo (...) tú eres el rgegalado". E deste xeito, como a roupa a centrifugar na lavadora, xiraba no meu maxín un texto para o blogue, que xa parece un blogue sen amo, tan abandonado como o teño. Estas tecnoloxías dixitais sonvos pequenas tiranías inmensas mais, como actualizo moi pouco, non se pode dicir que pertenza eu ao blogue. Será ao revés, ou non? En calquera caso volvo a esta casa (?) para retomar a publicación das Flores de Papel que nunca foran transplantadas aos xardíns electrónicos. Xa o quixen facer ao iniciar o mes, mais os días van pasando e a indolencia aprópiase de min (non serve a excusa das tarefas domésticas), entretido naquela felicidade conxugal da que escribira Tolstói, agora que durmo cada noite co meu amor en Negreira. En realidade quen me falou desta felicidade conxugal foi Manolo do Río, casado con Noriko Fukushima. Estes días andan polo Xapón, visitando a familia dela. Xa vos contei como coñecín a Noriko, cando aínda nin sequera era moza de Manolo. Nesa entrada precedente puidestes ver a portada da terceira entrega do suplemento Artes & Letras Galicia


Era marzo de 2009. Haruki Murakami viñera recoller o premio San Clemente. A miña previsión era sacar como tema de portada a Lope de Vega e "Fuenteovejuna", que estaba a mover polos escenarios Laurence Boswell. Mais providencialmente conseguín unha entrevista exclusiva con Murakami (se algún día volvo publicala por aquí igual vos conto como foi, non por presunción, senón polo que a anécdota en si ten de murakamiana) e mudaron os plans. Casualmente, neste terceiro número tamén comezou a colaborar con nós Manolo do Río, reseñando Doutros lados: capítulos sobre os contos de Cortázar (Toxosoutos, 2008). E por sorte encargouse de entrevistar el mesmo (que fala un inglés de Oxford polo menos) a Laurence Boswell. Pode que aquel suplemento fose o noso maior fito. Despois do chasco coas imaxes no número anterior, o superheroe Murakami viña na nosa axuda. Incluso a obra de Cristina Moroño loce con todo o garbo nas páxinas centrais, que asinaba Pilar Fustes, sobre a exposición "Las hijas de Lilith" na galería Moret Art. O malo do Artes & Letras Galicia era o bilingüismo entorpecedor, do que tamén son boa mostra estas páxinas centrais: á esquerda o texto en castelán, á dereita a versión trampeada en galego. Cousas destas hai no meu desordenado arquivo.


Por aqueles días de marzo, hai cinco anos, lin na prensa sobre o derrube do Arquivo Histórico da cidade de Colonia, coa consecuente perda do arquivo de Heinrich Böll. Un dos escritores que cultivaron o que se chamou en Alemaña a "literatura dos cascallos" ("trummerlitteratur") devolvíalle a literatura aos cascallos dos que proviña. E con este suceso alimentei as prensas cunha columna. Lembrades a prensa sensacionalista que arruinou a honra, e de paso a vida, de Katharina Blum? Pois eu non vos fun mellor.

A xente quere un fogar de paz. Por veces deslúmbrannos as ruínas mais nunca nos agradan os cascallos. Que triste unha casa sen amo! 

P. s.: Cando pensaba escribir esta entrada tamén ía relacionala co accidente de tren en Angrois. Non chegou puntual.