"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta ouro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ouro. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de febreiro de 2013

Medalla de ouro

Esta tarde deixáronme no parabrisas do coche un deses letreiriños que nos animan a desprendernos do ouro, que nos prometen que pagan máis ca ninguén. Un deses letreiriños que me deron a idea da primeira flor de papel que lle dedicaba ao vil metal: "Compro ouro", á que seguiría "Merda de ouro". Como sabía ben que non cumprira a miña promesa de actualizar o blogue máis a miúdo, decidín, para disimular, volver escribir aquí in extremis antes de rematar febreiro (como fixen o mes pasado). Aínda lle ando a dar voltas a unha hipotética cuarta columna sobre o tema, pois quedaron moitas ideas na gabeta, mais xa se verá. Por se non abondase, pasei dúas veces por diante dunha desas tendas máxicas que nos converten o ouro da familia en fráxiles billetes crocantes; e, xa na casa, cando comezo a teclear estas liñas, soa na radio a ópera Das Rheingold (O ouro do Rin), de Richard Wagner, o cal deixa de ser unha casualidade para converterse en puro determinismo. 
Por iso quero contarvos unha historia de cando España era centro mundial, alá polo ano 92, grazas a unhas logradas capas de maquillaxe perfecta que disimulaban o remorso poscolonial e mais a corrupción. Daquela as iconas infantís de moda eran Curro (palabra que, como ben sabedes, no español coloquial significa "traballo", o cal semella unha macabra premonición; e logo non lembrades tamén aquela famosa campaña publicitaria "Curro se val al Caribe"?, pois disque hai grandes fortunas evadidas flotando naqueles mares, todo un acto de xustiza poética na ida e volta de capitais) e Cobi, a quen lles viría facer compaña o Pelegrín. Unha das miñas maiores preocupacións era xogar ao futbolín e obter refrescos das máquinas expendedoras co menor gasto económico posíbel. Xa daquela sentía a chamada do ouro. O seu berro viña de moi lonxe, como se estivese atrapado nos grosos muros desta torre:

Torre do Ouro, Sevilla. Foto: María Infante, 2010. 

E esta é a historia, que remata na mesma torre, tal como a publiquei hai pouco:

A inicios dos noventa, cando estaba no sétimo círculo infernal da escola primaria, fun por vez primeira a Sevilla, a cidade á que noutrora, segundo lin, chegou tanto ouro americano que as rúas poderían estar empedradas con el. Coincidindo co fastoso "V Centenario", España era centro da atención mundial, e non pola pésima situación económica nin pola corrupción, senón por mor da Expo´92 e mais dos Xogos Olímpicos de Barcelona. Na illa da Cartuja, durante a exposición universal, roubáronme todo o material informativo que fora acumulando nunha bolsa durante a visita aos distintos pavillóns. Só puiden salvar os folletos que collín no da ONCE sobre o alfabeto braille e mais a lingua de signos. Por veces consolábame imaxinando a decepción que levaría o delincuente ao comprobar que o único que furtara era unha morea de papeis; iso si, para min, cun gran valor.
Pola noite recei, apertando no puño unha medalla de ouro da Virxe do Carme, pedindo o castigo do malfeitor. Atopáraa sendo moi neno nun camiño e para evitar que ma quitasen os compañeiros da pasantía tiven que loitar como un atleta e acabei malferido. Aquel anaquiño de ouro valía máis que o propio metal; nel concentrábase o meu sufrimento e toda a miña fe. 
O mesmo acontece coas medallas de ouro olímpicas, cuxo valor tampouco reside na súa composición: pesan catrocentos doce gramos, dos cales só uns seis son de ouro, e o resto compóñeno un 93% de prata e un 6% de cobre, o cal equivale a pouco máis de cincocentos euros. As dos pasados Xogos de Londres foron fabricadas con metal extraído das minas Kennecott Utah Copper de Rio Tinto (Salt Lake City) e Oyu Tolgoi (Mongolia), igual que podía extraelo, digo eu, a Edgewater Exploration Ltd. nas minas de Corcoesto (Cabana de Bergantiños). No reverso figura a deusa grega da vitoria, Niké. Ata o comezo dos Xogos foron custodiadas, como antano se facía cos delincuentes, na Torre de Londres. Tamén foi usada como prisión a Torre do Ouro, en Sevilla, que ben podería ser rehabilitada para este uso, a fin de acoller ilustres ladróns, que arelan o ouro mais non a dureza da mina, dos que a Xustiza (cega e xorda) parece pasar olimpicamente.
Publicado na sección Artes & Letras Galicia, 
no diario ABC do 26 de xaneiro de 2013


Pasaron os anos e aínda non cambiei tanto:
o ouro chama por min mais nunca o atopo.

luns, 27 de agosto de 2012

Merda de ouro


A mediados dos noventa, nunha clase de literatura, o profesor fixo unha rápida alusión á Merda d´artista de Piero Manzoni (noventa latas, con trinta gramos de supostos excrementos en cada unha, que saíron á venda en 1961 co mesmo valor que tiña o ouro) e logrou captar a nosa atención no intre. Teño comprobado que é a obra de arte máis plaxiada de toda a historia, e non só por artistas, mais daquela non daba creto, por moito que estivese farto de ler en baños públicos e carpetas clasificadoras: "Si la mierda fuera oro, tú serías un tesoro"*. 


Agora leo Después de tantos desencantos. Vida y Obra Poéticas de los Panero, de Federico Utrera, quen exhuma un escrito de Leopoldo María onde pon: "Y el dinero, como dijera Marx, no es nada en sí mismo sino un fetiche, una ilusión, la existencia humana reedificada. Y es por ello que el oro, como dijera Ferenzcy, es un símbolo del excremento, por cuanto es desolada figura de un otro que puede sin aquél querernos, con sólo que mi palabra le devuelva la imagen, o le prometa a sí mismo". Tamén reflexionaba Panero sobre o seu querido adaxio alquímico "In stercore invenitur" (no esterco encontraralo), que introduce en varios textos**. Debe haber moita merda no mundo cando a casualidade fixo que me dese por copiar hai uns meses un excelso treito do Manual de literatura para caníbales, de Rafael Reig; ao tratar de Rubén Darío e os modernistas dáse conta do guano dos albatros, usado como fertilizante, cuxa febre levou en 1879 ao enfrontamento bélico de Bolivia co Perú (que a piques estivo tamén de guerrear cos Estados Unidos): "Sin embargo, como la misma poesía, el guano fue perdiendo toda relevancia a lo largo del siglo XX. (…) Freud propuso entonces la equivalencia subconsciente entre el oro y la mierda***, lo que les recordó de inmediato las intuiciones de los franceses: el "Merde!" de Verlaine y el otro rotundo "Merde!" que rugió Rimbaud cuando le preguntaron, ya en África, por la poesía".


O ano pasado uns emprendedores desenvolveron en Kenia un proxecto para converter a merda en ouro (así din eles): a construción de retretes**** nos que se recollen os excrementos para seren transformados en fertilizantes e biogás. A ver canto lles dura o negocio, porque, como escribiu García Márquez, "Cuando la mierda valga dinero, los pobres nacerán sin culo". 


Publicado na sección Artes & Letras Galicia, 
no diario ABC do 28 de xullo de 2012

(As notas ao pé, con asteriscos, son un engadido para esta
 entrada, polo que non foron publicadas no artigo orixinal.)


* A miña amiga Sonia corríxeme e asegura que o lema correcto era: "Si la mierda fuera oro, tú serías mi tesoro".
** Se non lembro mal, Oiva Juntunen, o protagonista da novela de Arto Paasilinna O bosque dos raposos aforcados, ao saír do cárcere ía á casa da aldea recuperar o botín que soterrara no esterco dentro dunha corte.
*** Para cinéfilos: http://www.thegoldenpooawards.org/
**** A cantante Madonna ten solicitado a destrución dos retretes dos hoteis nos que se hospeda, para evitar que alguén teña a tentación de vendelos. 

martes, 31 de xullo de 2012

Compro ouro


Se a memoria non me abandona, lembrarei toda a vida os cumes dourados polos toxos en flor nos montes que circundan a autoestrada do Atlántico ou o val de Mondoñedo. Pola primavera volvía á casa desde Gondomar ou Burela, en plena febre do ouro, e sabía que a miña única riqueza era a visión marabillosa desas xigantes bestas durmidas de pelaxe fulgorosa, as que xa desde moi neno vira no Castelo de Cando, cuxos ecos viaxan a través do Tambre para iren percutir no Iroite, no Tremuzo e máis alá. No teito do coche, chovese ou quentase o sol, marteleaban uns versos de Tomas Tranströmer: "Alá arriba están os túmulos/ da Idade de Ferro, de cando isto era un lugar/ de loitas entre tribos, un Congo máis frío,// e o perigo facía que se unisen fadas e xente/ cara a un murmuriante centro tras os muros,/ tras pedras e arbustos no cume do monte". Atoparedes a veta disto na primeira entrega (xuño de 2012) dunha particular triloxía do ouro que estou a publicar no Artes & Letras Galicia.


A finais dos noventa fun a un recital de Manuel Rivas. Antes só puidera escoitalo nunha gravación e xulgueino un tipo extravagante, ao velo entrar na sala cunha póla florida de toxo na man. Dixo que a apañara a carón da estrada, de camiño en coche cara a Compostela. Deixouna sobre o atril, no que colocara os textos, e mantívoa ergueita mentres recitaba os versos finais do último poema: «A min custoume algún traballo dicir sen respirar/ que había plantas monocotiledóneas/ pero non din sabido de que familia era,/ se é que a tiña,/ o toxo que douraba os montes de Galicia». (Para seguir lendo picar aquí.)

Agora que xa o verán vai ben entrado, mentres dorme a idade dourada dos nosos montes, teredes que conformarvos con estas flores de xesta que atopei ao pé dun camiño, lonxe das montañas:


Os versos de Tranströmer son tan bos que aínda poden facerme florecer novos textos. De feito xa aconteceu así cando escribía Emily on the road; pensade niso se algún día ledes o meu poema e vos atopades con medoñas da Idade de Pedra. 
Oxalá miredes os montes dourados e coñezades tanta beleza. Non hai ouro no mundo que a pague.