"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

sábado, 23 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (e III)


Non coñecín persoalmente a Agustín Fernández Paz, aínda que coincidín con el nun par de ocasións. Unha vez en 2006, o ano que empecei a dar clase, cando comezaba a descubrirlle os seus libros ao meu alumnado; impartiu unha conferencia excelente nun curso ao que asistín, en Pontevedra, sobre dinamización lingüística no ensino. Outra vez, nesa mesma cidade, ao ano seguinte, cando el estaba nun dos tribunais das oposicións. Lembro irmos camiñando un grupo de opositores pola alameda cando o vin, con outros profesores, sentado nunha terraza, braceando mentres falaba, como se estivese encomodado. Para min, o seu aspecto non casaba coa personalidade que marabillaba aos que o coñeceron, nin coa que puiden entrever nos seus textos. O bigote dáballe un aire de policía da vella escola, mais el era un mestre, un mestre da nova escola.
Hai docentes que deixan en nós un rastro duradeiro. Xa vedes que na entrada previa falei dalgunhas desas persoas (cuxa vocación pedagóxica tamén as levou á escritura) das que tiven a sorte de aprender. "En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras coma as que Hansel deixaba tras dos seus pasos" (así remata a cita de Siri Hustvedt que abre O rastro que deixamos). Rememorando a semana pasada, cando souben da morte de Agustín Fernández Paz, penso na xente e nos libros, nas pequenas pedras.
Na fin de semana que soubemos que o vindeiro homenaxeado co Día das Letras Galegas será Carlos Casares (outro imprescindíbel forxador do sistema literario galego) xuntabamos na Serra de Outes a medio cento de poetas nunha longa xornada literaria. Aínda tiña o corpo canso o martes, cando entraba Agustín Fernández Paz nese maldito club dos sesenta e nove anos, xunta outros distinguidos membros como David Bowie ou Emma Cohen (foi admitida no club un día antes ca Agustín). Conducindo cara a Santiago escoitaba a nova na Radio Galega. Ía á presentación dos poemas do Diario de Crosses Green, de Martín Veiga (que gran poeta!), na libraría Couceiro. 
O editor Luís Rei Núñez e a crítica Chus Nogueira (acompañantes de Martín Veiga na mesa) comezaban as súas intervencións cunha lembranza do finado. Despois do acto, agardando pola sinatura, charlei con Roberto Abuín, Pilar Sampedro e Arturo Casas: Rafael Dieste, Roberto Bolaño, Anxo A. Rei Ballesteros... E fomos tomar unha caña con Martín, cos seus achegados e coa xente de Kalandraka Editora. Foi no bar onde Pilar Sampedro, mentres se falaba de Fernández Paz, me preguntou: "Ti acórdaste cando na Serra lemos As Flores Radioactivas?". E díxenlle que si, que xusto estaba pensando niso. Foi así como Arturo Casas, quen tamén me deu clase na universidade, soubo que fun alumno de Pili.
Despois Roberto levoume a coñecer a casa Axóuxere, onde agora viven e teñen a editora. Axóuxere leva xa uns anos publicando algúns dos ensaios máis interesantes do panorama galego (algúns deles podedes atopalos na rede). 
A casa é un edificio moi antigo na zona vella de Compostela. Como é moi estreita as dependencias repártense polos catro andares, compoñendo un espazo singular. Loxicamente, nesta mestura de vivenda e oficina editorial, hai libros por todas partes e ule a incenso: "envoltos por libros insospeitados e olor a pachulí" (escribín cando entrevistei a João Tordo na casa Axóuxere de Rianxo). Como non podía ser menos, aumento alí a miña provisión de libros, o cal me dará certo aspecto freakie cando camiñe polas rúas en dirección ao coche. Antes de eu marchar saímos ao balcón do último piso. Aguanto pouco alí, porque teño vertixe, pero antes de volver entrar, mentres Roberto me indica algúns espazos (que inesperada melancolía me transmiten os tellados e chemineas de Compostela!) que nunca vira desde a perspectiva das alturas, penso no relato "Unha pedra na area" (do libro Rapazas), nun fragmento deste que teño utilizado moito nos exames; empeza así:
Hoxe batín cunha pedra na area. Xa sei que non ten nada de raro atopar unha pedra na praia, pero esta é algo especial. Non se parece en nada ás outras que podes encontrar na beiramar, tan brancas e pulidas pola auga. Ten unha forma irregular, con entrantes que semellan pequenos cráteres, coma se fose un planeta en miniatura. Téñoa agora mesmo aquí diante, enriba da mesa, mentres escribo neste caderno que me serve de diario. (...)
Unha pedra enriba da mesa: acordádesvos de cando inauguraba este blogue? O rastro que deixamos, unha pedra na area, outra no escritorio... Que tire a primeira pedra quen nunca teña apañado unha pedra que quixese conservar para toda a vida. Pequenas pedras que deixamos atrás, por onde imos pasando, pisando o rastro que outros deixaron, a presenza da súa ausencia.

sábado, 9 de xullo de 2016

Hoxe non me podo erguer

Eran as 9:30 h. da mañá cando Xesús Mato me chamou por teléfono
Quedara con el a esa mesma hora na Serra de Outes
Para indicarlles aos operarios do Concello onde queriamos montar o palco
Onde o 10 de xullo ían recitar ou tocar os participantes do III Encontro de poetas
En lingua galega
Eran as 9:30 h. e eu tiña que estar na Serra
Estaba na cama durmindo profundamente
O sono que non puidera durmir até cerca das 7:00 h. por culpa do RUÍDO
Das orquestras

Iso aconteceume onte. Despois o resto do día foi ben, en realidade moi ben. E iso que apenas durmira. Mentres me duchaba, tentando desfacer a máscara de sono, imaxinei este haiku:

Festa en Negreira
París e Panorama
Noite sen durmir

Por sorte, as orquestras do segundo día non eran tan barullentas e puiden durmir máis ou menos ben (tamén axudou o cansazo acumulado, claro). Hoxe rematan, por fin, as festas en Negreira. Será outra noite de maldurmir e mañá volverei madrugar para o encontro dos poetas, pois teño que estar outra vez moi cedo na Serra de Outes para montarmos as mesas e os bancos do xantar. E aguantar todo o día (menos mal que aí vou por gusto). Estou nese estado de cansazo e desorientación que experimentan algúns ramistas e megafesteiros do verán. Tentei rematar (só me faltan trinta páxinas) a novela de Tomás González Ahola, esa desapiadada sátira sobre o mundo das orquestras que sería a banda sonora lectura ideal para estes días de verbena, mais nin gana teño de ler. 

Redelibros Edicións, 2015

Na vila onde vivo háichevos unha perturbadora afección polo RUÍDO. Coido que isto non é exclusivo de aquí, mais é a afección que a min me afecta. Hoxe, a mediodía, senteime nunha terraza co escultor Andrés Barbazán. Conversando e tomando algo tranquilamente. Até que chega a procesión (?) dos camións do San Cristovo. Interminábeis toques de BUCINA un detrás doutro. Admito que ten o seu encanto. 
Agora escribo nunha cafetaría, non en silencio (hai música) mais si en soidade, o cal fai deste intre un anaco de sosego que semella un luxo estraño nunha vila en festas.

Onte baixei á rúa con moita présa
Porque estaba aínda a media hora en coche da Serra de Outes
Agardaban por min e ía chegar moi tarde
Mais de súpeto tiven que parar
Diante do portal vin algo con rabo
Parecía inerte e estaba moi ensanguentado
Era un tampón
Eu douvos os datos
O poema podedes facelo vós.

venres, 28 de decembro de 2012

Emily on the road, 2006-2012

Na mañá do 9 de agosto de 2006 estaba na Serra de Outes, tomando café (só largo, con pouco azucre; bebo pouco a pouco, até estar morno) nunha das mesas da parte de atrás do John Turkey. Debía vir do médico. Comecei a garabatear versos nun caderno que me regalara Óscar Sendón catro anos atrás, cando volveu de Canadá (con cunchas de caramuxas do Pacífico para o colectivo Sacou). Escribín con rapidez un poema sobre Emily Dickinson, repleto de ironía e encabalgamentos. O caso é que cando marchei completara máis de noventa versos, que aí quedaron. O 8 de decembro do mesmo ano volvín sobre eles e engadín, sen moito entusiasmo, outra ducia. Proxectos truncados, nos meus cadernos, hai moitos; este sería un máis.
No 2007 escribín moi pouco, e case todo por encargo. Mais lin bastante. Entre xaneiro e febreiro vivín en Ferrol. Era o segundo ano que traballaba no ensino. Antes, na editora, sempre tiña libros diante, mais pouco tempo para lelos. Agora tiña tempo para os libros. Collín confianza cun libreiro de vello da cidade. Pola mañá lía e paseaba, pola tarde ensinaba galego na EOI. Sentíame un flâneur. O seguinte destino foi Rianxo; na véspera, para ir collendo o ton, lin Historias e invenciones de Félix Muriel. A escrita narrativa tentábame, ía anotando ideas para unha novela e algúns contos que aínda non comecei.
Estiven a piques de sacar praza nas oposicións. Destináronme un ano enteiro a Salceda de Caselas. Alí tentei volver escribir. Non había unha boa libraría mais enchín o ático onde vivía cos meus libros; estaba traballando nunha ponencia sobre poesía (e filosofía e tradución), polo que precisaba moita documentación. Na primavera do 2008 escribín un relato sobre a peste en Noia no ano 1599, e metinme tanto na historia que crin estar a desenvolver os síntomas da enfermidade. Gustábame esborranchar servilletas mentres bebía viño nos bares. Ás veces levaba comigo un caderno de tapas azuis, feito a medida, que encargara nunha imprenta. Copiei nel o poema "Sobre a escrita", de Edeltraut Gallinge:

Un escribe
para que non se esquezan dun,
tamén descifraron 
xeroglíficos, 
a conta
resultou. 

Agora, mentres continúo estas liñas, estou na mesma mesa de hai seis anos, se é que unha mesa de bar pode ser a mesma despois de seis anos.


Sempre que está libre séntome aquí. É como un rito. Como se me axudase a escribir. Algunha outra entrada deste blogue foi redactada aquí, mentres tomaba café, escoitaba música e vía pasar a xente. E tamén gastei aquí follas de cadernos e servilletas, claro. É a miña taberna favorita da Serra. 
Nos destinos académicos que fun tendo, sempre de aquí para alá, andei algo polas tabernas, polo que fun xuntando un feixe de textos dispersos. Moitos deles volvían teimosamente sobre Emily Dickinson, ou máis ben sobre a idea que me fixera de Emily Dickinson. Tamén pensaba moito en Jack Kerouac, porque a miña vida era unha estrada, de aquí para alá; sen ser de ningures, e sabendo ben de onde era. 
Manuel L. Rodrigues fundou a editora Acha Escrava no 2009. Xa logo me pediu un libro para publicar. A resposta foi inmediata: díxenlle que tiña un poemario a medio facer.  Foi así como tiven que volver escribir en serio. Merquei un caderno de tapas azuis, onde comecei a tomar notas, moitas delas rescatadas dos outros cadernos, servilletas e papeis soltos. 


A maioría das anotacións eran fragmentos de lecturas, algo así como a bibliografía do que había vir. O poema Emily on the road comezou a madurarme na cabeza xa no 2010, cando vivía en Gondomar. Nunca imaxinara que puidese escribir no cuarto dunha pensión, mais acabei por afacerme. Creo que mesmo mudei algo o estilo daquela. Non lembro ano tan malo. Hai uns días, cando volvín alá presentar o libro, ao pasar a carón da biblioteca municipal, onde pasei tantas horas, abrinlle as portas á melancolía, mais xa basta. 
En xaneiro de 2011 (apremado polo editor e mais por Manolo do Río, cada vez que os tres nos xuntabamos arredor dunha mesa no John Turkey os venres pola noite) encarei o texto narrativo central, dividido en capítulos (que lle mandaba, un a un e desordenadamente, ao pintor m. m. reino, para que mos ilustrase), seguindo o guión que marcara. Daquela vivía en Burela. O inicio do libro saíu dunha tarde que pasei no porto desta vila. O sosego mental durou todo o ano, e aproveiteino. Aínda así, como fun complicando moito a historia (non me bastaba con Emily e Jack que aínda tiven que chamar por Orfeu e Ofelia, por exemplo), había veces nas que non sabía por onde seguir, como lle pasa a calquera que escribe.


Impacientes por ver dunha maldita vez o resultado, estes dous amigos foron turrando da historia, e por iso teñen un espazo na dedicatoria do libro. Despois do verán, xa en Outes, pasei o manuscrito á computadora e funo reescribindo varias veces. Cando o dei por rematado envieilles o texto (tamén a Óscar Sendón e a Iria Lago), á espera de veredicto. Non estaba nada seguro do que fixera. Díxenlles que mudasen o que visen conveniente, mais pareceulles ben tal como estaba. Aínda me deixaron facer varias modificacións e aproveitei para ir reescribindo, de xeito bastante secreto, para non amedrentalos máis.
Así, tras tanta espera, un día do pasado outono, coma quen non quere a cousa, o libro foi levado á imprenta, e levaron con el as miñas obsesións perfeccionistas, a miña teima por corrixir. O que veu despois contaréivolo outro día.

venres, 14 de decembro de 2012

Fun por slam e vin premiado

Algunha vez oíra falar, sen moito interese, do poetry slam. O que non sabía é que fora inspirado nos combates de boxeo. Pensaba que só tiña que ver coas "pelexas de galos" do hip hop, que tanto nos lembran ás regueifas patrias. 
O pasado verán coñecín en Rianxo, na residencia de escritores dos amigos de Axóuxere, a Irene La Sen, que é toda unha experta nestas lides da poesía slam, e fíxome interesarme máis por esta modalidade poética.
Quizais o pánico escénico que teño cando recito en público (o que fai que me considere un pésimo recitador) xustifique a miña preferencia pola lectura silenciosa da poesía, o cal non me impide admirar a valentía dos poetas slam. Tamén admiro o valor dos seus poemas (cando o ten).
Así pois, ninguén máis sorprendido ca min o día que me clasifiquei como finalista no segundo torneo poético do Slam Arousa, o domingo 4 de novembro, no bar Brétema, en Ribeira (desculpade que non sexa tan garrulo como para escribir este topónimo con "v"). Detrás desta iniciativa anda a actriz e poeta Esther F. Carrodeguas. Quen me liaron a min para participar foron Pastor Santamaría e Ali Padín.


Ao final, tras competir na segunda volta co meu amigo Manuel L. Rodrigues e mais con Ramona Golías, o público optou por min. Parecíame incrible, mais así foi. E iso que seguramente o que eu fago fose o que menos lle acaese ao estilo poetry slam. Clasifiqueime para a gran final na Illa de Arousa e déronme este agasallo:


Aquela noite coñecín a Celia Parra, a miña antecesora no premio, finalista en Taragoña. Recoméndovos o seu RE(C)verso, un CD de audiopoemas. Ela si que sabe recitar!
Poucos días despois volvín ao bar Brétema, onde presentei o meu novo libro de poesía. Apenas había xente. Xa vedes que a poética é a máis pasaxeira das glorias. E iso que aprendín a recitar un pouquiño mellor; supoño que algo lle debo a Pablo Sax, o meu acompañante musical na "Xira Emily on the road", quizais o meu mellor mestre no recitado de poesía.
Tamén presentei o libro noutro bar, en Boiro: A Pousada das Ánimas. Alí tiven algo máis de público. Na barra estaba Pedro Campos, a quen coñecera neste mesmo local unha noite na que nos xuntamos nun recital de "poesía salvaxe" (tamén participaba Esther F. Carrodeguas, e coñecina alí) cos poetas da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol. Curiosamente, poucos días despois, na mesma Pousada das Ánimas, Pedro Campos foi o novo vencedor do Slam. 
Polo de agora teño claro que non teño nada que facer contra Celia e Pedro. Danme mil voltas recitando e ao lado deles son un vellouco. Quizais a miña verdadeira vocación estivese no boxeo e non nas letras; pois corpo teño abondo. Mais deixareime caer pola Illa de Arousa. Sempre é mellor escoitar poemas (aínda que sexan malos) que andar ás hostias. Sexa lida ou recitada, haberá poesía!

venres, 13 de abril de 2012

7 haikus galegos

Noutra entrada anterior penduraba un texto onde había algunha alusión ao Facebook. Hai un par de noites, mentres vagaba pola rede, quixo a providencia que me "atopase" nesta rede social con dúas ex-alumnas. Estivemos lembrando os bos momentos pasados nas aulas, como aquela semana na que aprendemos a escribir haikus. 
Déralles algunhas nocións sobre este tipo de composición poética, convencido de que a escribir poesía apréndese, mais non se ensina. Aínda así, obtivemos un bo resultado no 1º Concurso de Haikus do Val Miñor: un poema de Alicia e outro de Belén (igual que o de Basilio) foron recoñecidos con cadansúa mención honorífica. Que felicidade!
Cando Belén deixou a conversa, vencida polo sono, Alicia e mais eu decidimos escribir entre os dous un haiku, como nos vellos tempos. Noite de abril, chuvia, a lúa chea aínda recente. Escribín o primeiro verso, ela continuou con outro e pechei eu co terceiro. Gustounos o resultado. Escribimos un máis; agora comezaba e remataba ela. E así até que pedín papas para poder ir durmir. Creo que soñei con isto:


En total fixemos sete. Aquí os tedes:


Na noite de abril
pingas de auga. 
Levan o sono. 

Noites de lúa chea, 
bágoas de luz
nas cereixeiras.

Noites na barca,
a luz brilla na casa. 
Arde o corazón.

Perla nocturna,
resplandece baixo o mar
a luz da lúa.

Clara luz lunar
brotando no meu peito.
Lirios florecen.

Valse da lúa.
A cereixeira danza
despois do solpor.

Reflexo no mar,
a flor de loto aberta
na noite calma.

Alicia Grandío Arbiol & Ramón Blanco, na madrugada do 12 de abril do 2012.


Aínda podería engadir eu un máis, como resumo do noso proceso creativo común:


Noite de chuvia,
sete haikus galegos,
lúa minguante.

Prometinlle a Alicia que escribiría esta entrada, e por iso quero dedicarlla. 

luns, 9 de abril de 2012

Resurrección

Esta colaboración foi escrita hai tres anos, en Semana Santa, aos poucos meses de comezar a miña actividade no suplemento do ABC. Daquela aínda non me publicaban as "Flores de papel" na rede, así que fago constar que, co título de "Resurrección", apareceu no nº 4 de Artes & Letras Galicia, en abril de 2009.

Nunha entrevista recente, o historiador inglés Robin Lane Fox, especialista no mundo clásico, sostiña que se Homero coñecese a nosa época sentiría lástima polos poetas actuais (“son tan malos…”) e nunca se metería en Facebook. Aos poucos días, servo dalgún designio tráxico que non chego a entender (eu, pobre mortal) decidín que chegara a hora de crear aí o meu perfil, inda que só fose por acalar o coro de fanáticos que me convidaban a facelo en múltiples correos electrónicos. Deste xeito vin engrosar a nómina (máis ben pseudoanónima ca pseudónima, pois requírense datos reais para seren efectivos) dos moitos millóns de usuarios dunha das máis coñecidas redes sociais de internautas. As diversas defensas domésticas que teño escoitado sobre o invento inciden no feito de que posibilita resucitar o contacto coas vellas amizades, as previas á popularización da telefonía móbil e de internet (e aquelas que é mellor manter mortas?). No meu caso, non puiden resucitar á única persoa coa que perdín o contacto involuntariamente.
Cando quero estar cos amigos, en vez de pasar as páxinas virtuais do “libro de caras”, encárome con eles, como fixen na Semana Santa, tempo propicio para a resurrección da carne, da amizade e, como verán, da poesía. Na santa compaña de tres amigos vellos pasei unha tarde inmortal na vila de Rianxo. Un dos momentos máis emotivos foi a visita ao cemiterio de Tanxil, onde están enterrados Rafael Dieste e Manuel Antonio. Ningunha proba mellor de que a escritura se fai contra a morte ca aquela que nos ofrecen as lápidas, tan mudas mais tan elocuentes. Tamén nós permaneciamos calados e absortos, cal adictos cibernautas, pensando nas faces e nos libros dos poetas mortos, de todos os malditos poetas mortos. Despois da catarse dirixímonos á praia, onde, caendo a tarde, lemos poemas en voz alta (a voz que non teñen os mortos), coma quen lles fai unha ofrenda ás deidades marítimas, antes do periplo. 
De noite, retirado xa na deserta paz do lar, “con pocos, pero doctos libros juntos”, lin a face de Dieste baixo a luz do Rojo farol amante: “Quien muere y resucita / se embarca en el milagro”, pasei as páxinas da voz de Manuel Antonio De catro a catro: “Encadearemos adeuses de escuma / pra tódalas praias perdidas”, solemnemente, como se así puidese resucitar a amizade, a praia de Tanxil, o mundo clásico, e os malditos poetas mortos. 

Encarando a tumba de Manuel-Antonio

Como fin de Coresma, pareceume oportuno rescatar esta columna, quizais a primeira dunha serie de vellos textos que vaian aparecendo por aquí. Os amigos dos que falo son: Manuel L. Rodrigues (autor da fotografía), Manolo do Río e Roberto Abuín, dos cales xa falaba na entrada inicial deste blogue. 
Por certo, aquela persoa que buscaba resucitou. Só por iso pagou a pena perder horas e horas no Facebook, aínda en detrimento das horas ocupadas coa poesía. Espero non tardar moito en verlle outra vez a cara.

xoves, 5 de abril de 2012

Cando baixei co can ao río

Este é Horus.


Naceu no 2009 e tróuxoo meu irmán, Nolo, para a casa. Agora é da familia. Igual ca Tita & Tito (de quen xa vos falei). Ademais é un compañeiro excelente para dar paseos e facer algo de exercicio polos montes de Cando. A única queixa que del podo dar é pola manía que ten de poñerse bravo cando nos atopamos con outros cans, porque é moi sitote, e xa ten levado algún escarmento por iso. 
Unha noite do Nadal pasado baixamos ao río. Camiñamos a carón da xunqueira, preto da casa, que é a ruta que facemos cando non dispoñemos de moito tempo. Naquela escuridade fun tecendo na mente algúns versos, enredados na canción "River of tears", de Eric Clapton. De volta na casa, o can foi para o seu apousentamento e eu para o estudio, onde puiden desfacerme dos versos que me tiñan preso. Foi así como escribín un poema para Horus. Publicáronmo no último número da revista Casa da Gramática. Igual queredes lelo...

CANDO BAIXEI CO CAN AO RÍO

Entrou decembro
era noite
hoxe cando baixei co can ao río
el vai sempre diante
a correr
só nos amarra unha corda de pensamentos
chovera toda a tarde e a terra estaba húmida
conforme descendiamos a costa deixando atrás os farois da estrada
a escuridade ía envolvéndonos
el afastábase e a negrura limitábame a vista 
cando eu paraba e deixaba de sentir as areas do camiño
remoídas polas botas
oíao escarvar na terra empozada levantando pedriñas que volvían caer
uñas contra pedras e pedras contra auga
como se estivese a desenterrar o segredo da súa especie
non se escoitaba correr o río
paxaros non se oían 
mirei a árbore na que acostumo velos pousados
as súas pólas esfolladas non foran tragadas pola noite
semellaban os dedos dunha man diante dos ollos querendo protexelos da claridade
porque a través delas brillaban as luces da outra banda
o seu fulgor percutiría aínda no río cando nós xa non estivésemos
comezou a caer unha chuvia moi fina que foi indo a máis
chamei polo can e veu
saltoume contra as pernas e estampou a súa marca de auga e terra 
a proba de que tamén pasamos por aquí
iniciamos o camiño de regreso
chegando á estrada volve a luz 
pouco a pouco 
a cada paso
agora o can vai canda min 
máis amodo ca antes
como querendo retrasar a chegada á casa
o seu cativerio
reviro a cabeza cara ao lugar escuro do que vimos 
onde debe estar o río dormente
a árbore espida sen paxaros que fai de man acenando un adeus
agora invisíbel
camiñar acolá era difícil e perigoso
mentres un non se afacía a ver ás escuras
mais tivemos que aprender a andar na noite 
a entrar na escuridade
igual que fomos aprendendo a entrar na vida.


As fotografías quitoullas meu irmán na praia de Broña en marzo de 2010. Daquela tería Horus un ano. Tamén el prefire ensinar as fotos de cando era máis novo.

luns, 7 de marzo de 2011

Tarde, moi tarde

Conforme é hábito en min, tamén chego tarde a este sitio. En calquera caso agardo que sirva este novo espazo (aínda que namais sexa) para calmar as ansias lectoras da xente que me quere ben. Supoño que o motor principal da lectura en xeral (e da lectura dun blogue en particular) é a curiosidade. Se isto é certo, terei que manter a curiosidade lectora se quero conseguir algo tan básico como manter lectores. Por iso irei escribindo sobre cousas que me interesen por ver se consigo interesar nelas a quen lea.
Nunca completamente convencido da necesidade de participar neste medio de expresión, foi a reiterada insistencia dos camaradas Manolo do Río (http://www.trasalba.blogspot.com) e Manuel L. Rodrigues (http://www.manuellrodrigues.blogspot.com), seguida da súa impagábel axuda na confección do blogue, o que me levou a iniciar esta dubidosa empresa. 
Conseguiron convencerme hoxe, en Rianxo, despois de visitarmos a Roberto Abuín. Saquei varias fotos, pero vou poñer outra que fixemos na praia de Tanxil, vai para dous anos. Aquí están os tres:


Son, de esquerda a dereita: Manolo do Río, Manuel L. Rodrigues e Roberto Abuín. Semellan un grupo de rock ou unha panda de superheroes, pero son tres homes bos, tres bos poetas que por veces non escriben.
Temos en Rianxo outro dos nosos sitios no mundo. Roberto contribúe a iso. Tamén o día bonito que pasamos hoxe. Pola tarde, antes do retorno, subimos ao Castro Barbudo. Cando baixamos, no camiño atopamos un seixo. Agora, a harmonía das seis caras dos cristais batalla coa desorde da miña mesa de traballo. Non sei que misterio habitará nesta pedra, mais quero conservala por todo o tempo que me reste de vida.


No meio do caminho


No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra.

Nunca me esquecerei desse acontecimento
na vida de minhas retinas tão fatigadas.
Nunca me esquecerei que no meio do caminho
tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
no meio do caminho tinha uma pedra.

     Carlos Drummond de Andrade