"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta ensino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ensino. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de decembro de 2016

Tríptico de Muxía (I). Como aproveitar o último día lectivo do ano


Comezo polo final. Mércores, 21 de decembro. Último día de clase antes do Nadal. Imos co alumnado á cidade da Coruña, ou que diga Marineda City. Saída extraescolar. Actividade: patinaxe sobre xeo. A mañá logo pasa. De volta no instituto, entrega das notas. Algunha suspensa, claro, mais que lles quiten o patinado. Despídome de Itziar, a administrativa, que nuns días deixará o seu posto para volver ao acougo do seu fogar en Ourense. Quedo a xantar en Muxía con outros profesores.
Pola tarde fago tempo con Xoán B., mentres ten o coche no taller. Hoxe hame levar el para Negreira. Mentres camiñamos, mirando cara ao porto, tenta representarme nas súas palabras como era a Muxía que el coñecera hai trinta anos, a vila que deixou de ser así na era post-Prestige. Fálame desa Muxía que xa só existe nas vellas postais e nas vellas memorias; e por un intre esa vila mariñeira pasa diante miña a correr, como un peixe fuxidío, antes de estamparse contra o paseo marítimo ou contra as fachadas sen alma. De súpeto alguén berra o meu nome. Virámonos e vemos a Manolo Lores. "Arre carallo, tes conocidos en todas partes", bromea Xoán, talvez lembrando o noso reencontro no instituto, a principio de curso, anos despois de que nos tratásemos por vez primeira. Tras presentalos, tamén Manolo confirma o relato de Xoán, o do progreso que foi decadencia da vila de Muxía.
Nós os dous continuamos o camiño, baixo unha leve borraxeira, cara ao santuario da Barca, que era realmente o noso destino, pois queriamos ver faenar os percebeiros. "Nestes días case ganan o ano; pero a ver quen paga agora polos percebes cento cincuenta euros!", dixéranos o camareiro do restaurante. Cando chegamos xa non hai ningún percebeiro. O mar está moi bravo. Por todas partes vemos ondas de varios metros. A Pedra de Abalar, desafiante, ofrécelle a súa beira amputada ao mar maior da morte. E esta pedra partida é a sinécdoque daquela Muxía que xa non existe. Como Xoán B. trae a cámara facemos algunha foto. Non sei quen dos dous dixo antes: "Este é un dos días máis bonitos do curso".

Como unha creba que o mar trae, chegoume un correo
 de Xoán B. coas fotografías. Aquí tedes unha.

De regreso tentamos adiviñar cal será a casa do defunto Yoshiro Tachibana, o pintor xaponés que un día se asentou nesta vila. A seguinte parada é na biblioteca municipal. Pode que sexa a máis fermosa das que teña visto nunha vila. E moito deste mérito é da actual responsable, a pintora Viki Rivadulla. Mentres ela debuxa cunhas nenas nós percorremos a vella casa, noutrora unha das mellores vivendas da antiga Muxía auténtica, reciclada hogano en fogar dos libros. Antes de marchar Xoán pregúntalle pola casa do finado Tachibana. Coa axuda dun plano, Viki desmente as nosas suposicións: a vivenda non era ningunha das que nós barallamos. Dúas das nenas que pintan son tamén asiáticas. E falan na nosa lingua. "Que gusto me dá escoitar unha nena xaponesa falando galego", dígolle a Xoán, e respóndeme el cun sorriso.
Pouco despois entrégannos o coche e a tarde comeza así o seu devalo. Querendo alongala, paramos nunha taberna e seguimos falando. Temos por diante as vacacións do Nadal e nótasenos a despreocupación. "Pois si, en todo o tempo que levo en Muxía, pódese dicir que este foi un dos días máis bonitos", dime Xoán B. mentres bebe unha copa de albariño (por non haber godello). "Foi", tamén eu o penso.

P.s.: Si, é certo, gañei o Lorenzo Baleirón. Cando o meu amigo Mario entrou no ermo deste blogue talvez buscaba esta confirmación.

sábado, 23 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (e III)


Non coñecín persoalmente a Agustín Fernández Paz, aínda que coincidín con el nun par de ocasións. Unha vez en 2006, o ano que empecei a dar clase, cando comezaba a descubrirlle os seus libros ao meu alumnado; impartiu unha conferencia excelente nun curso ao que asistín, en Pontevedra, sobre dinamización lingüística no ensino. Outra vez, nesa mesma cidade, ao ano seguinte, cando el estaba nun dos tribunais das oposicións. Lembro irmos camiñando un grupo de opositores pola alameda cando o vin, con outros profesores, sentado nunha terraza, braceando mentres falaba, como se estivese encomodado. Para min, o seu aspecto non casaba coa personalidade que marabillaba aos que o coñeceron, nin coa que puiden entrever nos seus textos. O bigote dáballe un aire de policía da vella escola, mais el era un mestre, un mestre da nova escola.
Hai docentes que deixan en nós un rastro duradeiro. Xa vedes que na entrada previa falei dalgunhas desas persoas (cuxa vocación pedagóxica tamén as levou á escritura) das que tiven a sorte de aprender. "En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras coma as que Hansel deixaba tras dos seus pasos" (así remata a cita de Siri Hustvedt que abre O rastro que deixamos). Rememorando a semana pasada, cando souben da morte de Agustín Fernández Paz, penso na xente e nos libros, nas pequenas pedras.
Na fin de semana que soubemos que o vindeiro homenaxeado co Día das Letras Galegas será Carlos Casares (outro imprescindíbel forxador do sistema literario galego) xuntabamos na Serra de Outes a medio cento de poetas nunha longa xornada literaria. Aínda tiña o corpo canso o martes, cando entraba Agustín Fernández Paz nese maldito club dos sesenta e nove anos, xunta outros distinguidos membros como David Bowie ou Emma Cohen (foi admitida no club un día antes ca Agustín). Conducindo cara a Santiago escoitaba a nova na Radio Galega. Ía á presentación dos poemas do Diario de Crosses Green, de Martín Veiga (que gran poeta!), na libraría Couceiro. 
O editor Luís Rei Núñez e a crítica Chus Nogueira (acompañantes de Martín Veiga na mesa) comezaban as súas intervencións cunha lembranza do finado. Despois do acto, agardando pola sinatura, charlei con Roberto Abuín, Pilar Sampedro e Arturo Casas: Rafael Dieste, Roberto Bolaño, Anxo A. Rei Ballesteros... E fomos tomar unha caña con Martín, cos seus achegados e coa xente de Kalandraka Editora. Foi no bar onde Pilar Sampedro, mentres se falaba de Fernández Paz, me preguntou: "Ti acórdaste cando na Serra lemos As Flores Radioactivas?". E díxenlle que si, que xusto estaba pensando niso. Foi así como Arturo Casas, quen tamén me deu clase na universidade, soubo que fun alumno de Pili.
Despois Roberto levoume a coñecer a casa Axóuxere, onde agora viven e teñen a editora. Axóuxere leva xa uns anos publicando algúns dos ensaios máis interesantes do panorama galego (algúns deles podedes atopalos na rede). 
A casa é un edificio moi antigo na zona vella de Compostela. Como é moi estreita as dependencias repártense polos catro andares, compoñendo un espazo singular. Loxicamente, nesta mestura de vivenda e oficina editorial, hai libros por todas partes e ule a incenso: "envoltos por libros insospeitados e olor a pachulí" (escribín cando entrevistei a João Tordo na casa Axóuxere de Rianxo). Como non podía ser menos, aumento alí a miña provisión de libros, o cal me dará certo aspecto freakie cando camiñe polas rúas en dirección ao coche. Antes de eu marchar saímos ao balcón do último piso. Aguanto pouco alí, porque teño vertixe, pero antes de volver entrar, mentres Roberto me indica algúns espazos (que inesperada melancolía me transmiten os tellados e chemineas de Compostela!) que nunca vira desde a perspectiva das alturas, penso no relato "Unha pedra na area" (do libro Rapazas), nun fragmento deste que teño utilizado moito nos exames; empeza así:
Hoxe batín cunha pedra na area. Xa sei que non ten nada de raro atopar unha pedra na praia, pero esta é algo especial. Non se parece en nada ás outras que podes encontrar na beiramar, tan brancas e pulidas pola auga. Ten unha forma irregular, con entrantes que semellan pequenos cráteres, coma se fose un planeta en miniatura. Téñoa agora mesmo aquí diante, enriba da mesa, mentres escribo neste caderno que me serve de diario. (...)
Unha pedra enriba da mesa: acordádesvos de cando inauguraba este blogue? O rastro que deixamos, unha pedra na area, outra no escritorio... Que tire a primeira pedra quen nunca teña apañado unha pedra que quixese conservar para toda a vida. Pequenas pedras que deixamos atrás, por onde imos pasando, pisando o rastro que outros deixaron, a presenza da súa ausencia.

mércores, 20 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (II)


Seguramente os meus colegas de Urco Editora (dun deles, Tomás González Ahola, falei fugazmente nunha entrada previa) estarán especialmente sentidos, pois ben sei da querenza que tiñan pola literatura de Agustín Fernández Paz. Tomás, David e Fernando contáronme dunha vez que estaban de marcha por Vigo, e xa de día, tomando o penúltimo cubata nunha terraza viron na rúa ao escritor. "Agustín, Agustín", botáronse a el entre berros, cal nunha procesión zombie das que tanto gustan. Mais Agustín non se asustou nin fuxiu. Foi así como os intrépidos editores acabaron almorzando cun dos nosos ídolos da infancia.
Un dos nosos, porque tamén a min me deslumbrou aquela maneira de escribir na lingua coa que estaba feita o meu mundo, que non sempre era o mundo da escola. No curso 1990-91, en 6º da EXB, a miña asignatura preferida era unha "maría" que se chamaba Lectura, impartida por Pilar Sampedro. Esa mestra puro nervio e velocidade, coa que acabei traballando sobre Añón e que hoxe teño por amiga, descubriunos Asflores radioactivas, unha das primeiras novelas de Agustín Fernández Paz. Daquela, ao tempo que nos escandalizabamos ao saber da existencia dos residuos nucleares na Foxa Atlántica, descubriamos o ecoloxismo, Greenpeace e Adega (as nosas mestras trouxeron un membro deste grupo para darnos unha charla). Coido que foi nese mesmo curso, mais talvez fose despois (porque o libro xusto se publicou en 1991; porén, non sería estraño que doña Pili estivese atenta a aquela novidade editorial tan recente) nin xa non sei se na clase de Lingua Galega (co cal sería con Maribel, outra mestra), cando lemos Contos por palabras, pero aínda que igual estea a mesturar as datas si reteño na memoria moitas daquelas historias tan ben fiadas a partir dos anuncios do xornal. Aquel ano tamén fun "premiado" como autor do mellor diario escolar, e aí debín ir escorando cara á literatura porque foi ademais cando escribín os dous primeiros poemas (un deles como tarefa escolar). Por iso coido que Pilar Sampedro, Agustín Fernández Paz mediante, algo tivo que ver no que agora fago. Ben é certo que o diario foi cousa de doña Juana, a quen conseguín sorprender revelándolle que o meu libro favorito era o Lazarillo de Tormes, mais esta xa é outra historia, por máis que teña que ver coa eterna loita xeracional entre nenos e adultos, alumnos e mestres...
Nesta miniatura do século xiv un mozo de cego zúgalle o viño dunha xerriña cunha palla. Ao parecer, este conto inspiraría a famosa escena de La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades (publicada no século XVI). A miniatura aparece nun manuscrito das Decretais de Gregorio IX (Decretais de Smithfield, f. 217v.). Cfr. RICO, Francisco (ed. lit.), Lazarillo de Tormes, Madrid, Cátedra, 1998 (decimoterceira edición, primeira ed. de 1987), portada e páx. 88* e n. 22 e 23 da súa "Introducción".  (Fonte: Wikipedia)

Antes eu lera moi pouco, e menos en galego. Na casa de meus avós, onde me criei, tiña meu tío unha moi pequena biblioteca: Memorias dun neno labrego e O crepúsculo e as formigas son os únicos que lembro en galego, e foron pois dos primeiros que lin (mais aínda tardei varios anos en ser un lector habitual). En 4º ou 5º da EXB leramos O cabaliño de buxo e en 8º Proxecto Pomba Dourada.
No instituto reencontreime cos libros de A. Fernández Paz. Sabela Álvarez Núñez foi a miña profesora de Lingua Galega en todos os cursos (Literatura Galega impartiuma, tamén nos dous cursos específicos da asignatura, Xavier Castro). En 1º de BUP ela púxonos de lectura Rapazas. O relato do fantasma que poñía as rosas no cuarto deixoume daquela unha fonda pegada.
Despois, mentres me ía afacendo á lectura, Agustín Fernández Paz foi quedando no estante dos libros infantís. Nos últimos anos fun lendo máis libros seus, mais buscando en realidade lecturas que me valesen para a aula. Sendo sincero, teño que dicir que, aínda recoñecéndolle a mestría narradora, hai un aspecto da súa literatura que me renxe un pouco: por veces é demasiado politicamente correcta. Xa sei que el cría no poder transformador da literatura (e da escola) pero temos o mundo que temos, ou o que merecemos, e por iso me enganchan máis as historias de Roald Dahl, por exemplo (claro que os escritores anglosaxóns manteñen unha loita máis igual co idioma no que escriben, e poden centrarse así na loita co estilo; a loita coa sociedade pode ser a mesma en Vilalba ou en LLandaf -que pasaría se...  Roald Dahl escribise en galés?-).
O que ninguén lle pode disputar a Agustín Fernández Paz son os logros conseguidos para a nosa literatura, pois el deixou o listón ben alto, facéndoa aínda máis universal cos premios que acadou: Lista de Honra do IBBY, Lista The White Ravens, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil... E o premio de alimentar os soños de milleiros de nenas e nenos, en moitos casos nas poucas horas que teñen entretemento nunha lingua diferente da castelá. Nunha lingua literaria como é debido, traballada con rigor estilístico, aínda cando se teña que ir en contra do propio idioma, en contra da propia sociedade que o fala (ou non).

martes, 19 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (I)


Manolo do Río xa mo advertiu: "unha á semana xa é de carallo"; mais, aínda non sendo estrito nos prazos, propúxenme actualizar o blogue cunha entrada semanal nos meses de verán, publicada preferentemente os venres ou sábados (así que nesta que entrou van ter que ser máis de unha). E aquí estamos. Falaba disto con Manolo o sábado, cando lle levei a revista Terra de Outes na que sae a entrevista que lle fixen. Loxicamente, como lle preguntei por tantas cousas, tivemos que publicala algo recortada, e por iso este treito da conversa orixinal...:

As súas teimas acostuman verse reflectidas tamén no seu blogue, non si? Alén de que xa leva vostede varios anos no espazo virtual.
A miña primeira bitácora virtual, 'A Corte de Camelot', pretendía ser un espazo de encontro, debate  e divulgación de novos creadores que amais, eran amigos. Nese senso, naceu como unha continuación virtual d'A Caramuxa e do labor do Colectivo Sacou. A miña segunda casa, 'Trasalba', homenaxe a un dos meus escritores galegos favoritos, o xigantesco Ramón Otero Pedrayo, segue ata a actualidade, e a día de hoxe, converteuse nun diario público no que vou anotando ideas, fragmentos e reseñas de lecturas e retrincos varios relacionados coas humanidades e cos libros. Entre os dous, xa van alá 11 anos.

...acabou reconverténdose nesta raquítica información ao inicio da entrevista publicada:

Blogueiro activo, leva máis dunha década publicando on-line as súas inquedanzas, primeiro na bitácora "A Corte de Camelot" e agora en "Trasalba": entradas sobre literatura, arte, pedagoxía, política, gastronomía, viaxes, xardinaría...
Se non coñecedes a Manolo non sei que estades esperando (quen non consiga mercar a revista en papel, poderá buscala no futuro na páxina da asociación Terra de Outes). E tamén estades en pecado mortal se non entrades, sequera unha vez ao ano, no seu blogue (podedes procurar absolución aquí).
Acórdome del mentres escribo isto porque o café con xeo me leva a esa tarde do pasado sábado, cando Noriko me preparou unha fresquísima limoada caseira coa que acompañar a charla con Manolo (tivo tamén Noriko a xentileza de darme a probar os lemon squares, uns pasteliños de limón, que fixera, e por riba aínda me entregou unha caixiña con eles para levarlle a proba a Eva, que tan feliz é cos doces). Talvez tamén me acorde del porque estaba só vestido cun pantalón curto, igual que eu agora, morrendo de calor mentres tecleo, querendo imitar aquela icónica fotografía na que se ve a William Faulkner nun balcón en California, tecleando na máquina un guión para a Warner Bros, en pantalón curto, con gafas de sol e co peito ao aire, mais cuns grosos calcetíns de la e zapatos. Manolo e mais eu somos máis de chanclas, que é algo máis caseiro, menos literario.
Falando pois de literatura, quería lembrar que se cumpre unha semana da morte de Agustín Fernández Paz. A boas horas, diredes. Mais o conto é que vin remoendo estes días algo sobre o tema. Casualmente, un dos libros que mercara o pasado Día das Letras Galegas foi O rastro que deixamos, que vén ser unha especie de memorias feitas con retallos de discursos, conferencias, artigos, etc. e mais algún texto inédito. Lino con moito gusto, aínda cando ás veces a información era algo reiterativa (dada a tipoloxía textual). 
Este ano o meu alumnado de 2º da ESO leu Cartas de inverno, que é unha das miñas apostas gañadoras desde que o puxera como lectura para ese curso en Carral, vai xa para dez anos. Ben é certo que, aínda que gañou maioritariamente o favor do público, foron moitos os comentarios que me fixeron sobre a obra cualificándoa de desconcertante e cun final moi estraño. Vese que a rapazada cambiou nesta década porque en Carral o libro fora un bombazo. Debo dicir que tamén os de 4º da ESO leron A viaxe de Gagarin, e aí o entusiasmo si que foi sensibelmente menor, salvando a opinión de quen estaba máis familiarizado coa "literatura". Como digo, vese que a rapazada cambiou un chisco nos seus gustos literarios. Ou igual o único que sucede é que os novos veñen máis críticos.

luns, 3 de decembro de 2012

O Poeta Añón e mais eu

A curiosidade por Francisco Añón vénme desde os dezasete anos, cando me premiaron no certame que leva o seu nome no concello de Outes. Como gratitude destinei parte do premio a mercar a tese doutoral de Fernando Bel Ortega, pois sabía moi pouco de Añón; só lle escoitara a algunha profesora e mais a meu avó recitar algún poema de memoria. Grazas a Marita Gosende, a bibliotecaria de Outes, tiven acceso a diversos documentos. Manolo do Río deixoume ler a biografía que escribira Xosefina López de Serantes. E pola miña conta non deixei de anotar e copiar calquera dato que tivese algunha relación coa vida e obra daquel poeta. Despois, estudando o segundo curso de Filoloxía Galega, fixen un traballiño sobre a presenza da sátira e do humor na súa poesía, para a asignatura de Alonso Montero.
Cando Pilar Sampedro contactou comigo e con Santi Nieto para organizarmos un curso na Serra de Outes, en 2004, foi como comecei a traballar máis en serio e axudei a elaborar todo aquel material: a exposición e a súa guía, o roteiro literario, a obra de teatro e mais a unidade didáctica que acabarían callando neste libro, que saíu na editora onde eu traballaba:


Aí foi cando comecei a afondar na vida e obra de Añón, e pouco despois os artigos para a revista Terra de Outes, da asociación homónima, fixéronme manter a constancia; cada tres meses publico sequera un artigo sobre algún aspecto relacionado co poeta, na sección que titulo "Os papeis de Añón". Os números desta revista tédelos pendurados aquí, na páxina web que fixemos os de Terra de Outes para conmemorar hogano o bicentenario do nacemento de Francisco Añón. O noso presidente, Xoán Mariño, foi nomeado comisario do "Ano Añón", decretado polo Concello de Outes. A asociación organizou cursos e xornadas, tivo lugar un congreso na Cidade da Cultura, a directiva da RAG reuniuse en Outes no día do aniversario (9 de outubro), levouse a cabo a edición facsimilar dos seus poemas galegos, gravouse un disco, filmouse un documental... E a min encargáronme unha nova biografía hai agora un ano. Por sorte a maior parte do traballo de documentación xa estaba rematado, dadas as miñas achegas anteriores, de aí que puidese entregala sen problema a principios de xuño. Finalmente o novo libro (que vedes na marxe dereita deste blogue) incluía unha escolma poética. Con el tratei de poñer orde na cronoloxía dun dos poetas máis interesantes e orixinais do século XIX.
Aínda que poida parecer un escritor hoxe esquecido, Añón está vivo na cultura outense. Mais a memoria que hai del é basicamente oral. Sabemos moi pouco aínda da súa participación no levantamento de 1846, do "Hino dos povos", das viaxes por Europa con Mr. Shawford, dos seus retratos, da vida sentimental e familiar, do labor xornalístico... No libro ocúpome destes asuntos aportando o que puiden averiguar. Moitos misterios da súa biografía quizais morreron cos vellos que sabían cousas nunca escritas.

venres, 13 de abril de 2012

7 haikus galegos

Noutra entrada anterior penduraba un texto onde había algunha alusión ao Facebook. Hai un par de noites, mentres vagaba pola rede, quixo a providencia que me "atopase" nesta rede social con dúas ex-alumnas. Estivemos lembrando os bos momentos pasados nas aulas, como aquela semana na que aprendemos a escribir haikus. 
Déralles algunhas nocións sobre este tipo de composición poética, convencido de que a escribir poesía apréndese, mais non se ensina. Aínda así, obtivemos un bo resultado no 1º Concurso de Haikus do Val Miñor: un poema de Alicia e outro de Belén (igual que o de Basilio) foron recoñecidos con cadansúa mención honorífica. Que felicidade!
Cando Belén deixou a conversa, vencida polo sono, Alicia e mais eu decidimos escribir entre os dous un haiku, como nos vellos tempos. Noite de abril, chuvia, a lúa chea aínda recente. Escribín o primeiro verso, ela continuou con outro e pechei eu co terceiro. Gustounos o resultado. Escribimos un máis; agora comezaba e remataba ela. E así até que pedín papas para poder ir durmir. Creo que soñei con isto:


En total fixemos sete. Aquí os tedes:


Na noite de abril
pingas de auga. 
Levan o sono. 

Noites de lúa chea, 
bágoas de luz
nas cereixeiras.

Noites na barca,
a luz brilla na casa. 
Arde o corazón.

Perla nocturna,
resplandece baixo o mar
a luz da lúa.

Clara luz lunar
brotando no meu peito.
Lirios florecen.

Valse da lúa.
A cereixeira danza
despois do solpor.

Reflexo no mar,
a flor de loto aberta
na noite calma.

Alicia Grandío Arbiol & Ramón Blanco, na madrugada do 12 de abril do 2012.


Aínda podería engadir eu un máis, como resumo do noso proceso creativo común:


Noite de chuvia,
sete haikus galegos,
lúa minguante.

Prometinlle a Alicia que escribiría esta entrada, e por iso quero dedicarlla. 

martes, 22 de marzo de 2011

Leila (ou tomando café mentres leo o xornal)

O 13 de marzo, domingo, foi un día proveitoso, do cal deixei constancia no anárquico diario que vou escribindo cando teño vagar. Para non cansar a quen lea, só vou reescribir aquí un treito do que foi esa xornada:


Estaba nun bar de Burela, tomando café, lendo a cachos e distraidamente xornais e revistas. Tiña aberto sobre a mesa El País e, nas páxinas dedicadas a Galicia, batín cun titular que me chamou a atención: "Me pondría el velo solo por fastidiar". Despois de ler a reportaxe, pareceume que o título era capcioso, pois xogaba a acender a alarma atávica do racismo que, supostamente, denunciaba.




Pero como contrapartida levei a grata sorpresa de descubrir que un dos testemuños era o de Leila Fathalla, a quen tiven a sorte de dar aulas no IES Xulián Magariños, de Negreira, no 2006, o ano que comezaba a miña labor como profesor substituto de lingua galega. Leila tiña daquela quince anos e cursaba o Programa de Diversificación Curricular de 3º da ESO. Teño moi bo recordo da xente daquel curso. Lembro que o día que cheguei me sorprendera o ben que Leila falaba galego, e así llo fixen saber: "Xa levo aquí desde os sete anos, eh!", foi a resposta que ela me deu. A súa historia cóntase nesta noticia e eu alégrome moito polos seus éxitos. E non escribo isto porque pense que tiven algo que ver na súa evolución educativa, pois creo que o único mérito é seu. Eu só me limitei a recordala sempre como unha alumna intelixente e con ganas de aprender.




O caso é que lendo isto o café parecía saberme aínda mellor. Tiña vontade de compartir con alguén a miña satisfacción e aproveitei que a camareira viña retirar algo da mesa para amosarlle a noticia:

"Mira, esta rapaza da foto foi alumna miña".

A camareira, sorprendida, tarda un intre en reaccionar:

"Carai, pois si que debe prestar ler iso".

"Moito. Aínda que non o creas, estou moi emocionado".

E, a falta de bágoa, unha pinga de café deixouse caer sobre a folla do xornal.


P.s.: En canto saín da cafetaría fun a un quiosco, porque quería conservar esta páxina. Por iso non hai aquí mancha de café.

A Bernardo Penabade e Juan Sama, que axudaron a facela posible, vai dedicada esta entrada.