"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta desculpas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta desculpas. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de xullo de 2019

Coa primeira luz do día

"Qui ti posò, ma pria mi dimostraro
li occhi suoi belli quella intrata aperta;
poi ella e 'l sonno ad una se n'andaro.
A guisa d'uom che 'n dubbio si raccerta
e che muta in conforto sua paura,
poi che la verità li è discoperta,
mi cambia' io; (...)"

Purgatorio, canto IX, vv. 61-67

Estes versos copieinos no meu perfil de Facebook o 13 de decembro do ano pasado. Calquera pretensión enigmática queda difuminada ante os entendedores do inmenso poema de Dante, axudados pola referencia final. Ao comprobar que só unhas dez persoas premeran no "gústame" sentín que eran a inmensa minoría, da que tamén eu quería formar parte, polo menos nese intre virtual. Era xusto o día de Santa Lucía. Pola tarde fora á misa a Tarás, na capela dedicada á mártir de Siracusa. En Outes especificamos: Santa Lucía do inverno, porque tamén en Tarás hai a festa de Santa Lucía do verán, cando o día xa lle quitou todo o que puido á noite. Mais eu prefiro as misas vespertinas do inverno, cando o humilde templo, algo apartado entre o monte, está na semipenumbra. Téñolle unha querenza especial ao contorno porque aí sacáronlle ao finado de meu padriño (morreu hai tres anos, 3; tres meses, 3, despois de que tamén morrese miña madriña) unha foto de grupo nos anos corenta, a foto da banda de música na que el tocaba. 
Pola noite, ao chegar á casa busquei o canto de Dante no que aparece Santa Lucía. Débolle o recordatorio ao cura (quen ía dicilo!), que tivo un arrebato erudito para consignar o feito no seu sermón. Desta maneira foi como me deixei emocionar polos versos que, ao escoitalos cos ollos, ía facendo meus. Se vos é moi duro lelos na lingua de Dante (tamén a min me custa, porque non é aínda o actual italiano; é lei de vida que os fillos miten aos pais, pero vaia...) velaquí tedes unha versión españolizada:


"«Sus bellos ojos en que amor lucía,
me señalaron esa brecha abierta,
y tu sueño se fué, cuando partía.»
Como quien en sí mismo a ver no acierta,
y que cambia en confianza su pavura
cuando al fin la verdad ve descubierta;
tal cambié yo, (...)"

Trad. Bartolomé Mitre, 
ed. Centro Cultural "Latium" 
(Buenos Aires, 1922)

Na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes pódese descargar de balde.
Si, xa vexo (grazas, santiña, polo don da vista) que o tradutor tomou certas licenzas. E iso que na portada do libro consta que é "Traducción en verso ajustada al original". Hai quen cambia o que din os libros, como hai libros que cambian a quen os le. Tamén, e quen sabe se foi xa no medio do camiño da nosa vida (da miña e da de Eva), cambiei eu, "pasando a amargura" (era este o fragmento que suprimín na cita de Dante), cando veu ao mundo Lucía, a nosa filla.



 Esta foto fíxenllela a Eva e a Lucía na igrexa de Cee,
ante a imaxe de Santa Lucía. Foi o día de San Xoán de 2019,
cando levamos a nosa filla a Lires, a coñecer o mar.

P.s.: Remato esta entrada coa primeira luz do día 28 de xullo, xusto un ano despois de que eu e Eva arrancásemos para o hospital de Santiago, coa primeira luz do día, mentres as contraccións ían en aumento. Ás 20:28 horas do 28 de xullo de 2018 nacía a nena (á vista está que o seu número ten que ser o oito; Dante, quen tanta fe puña no simbolismo dos números, escribiu con 18 anos o primeiro poema dedicado a Beatriz e consideraba que a idade perfecta era ata os 81 anos -nos dous casos, 1+8 ou 8+1, ocúltase o 9, isto é, o amor, ou 3 veces 3-). Por iso programei esta entrada para que o intre exacto do aniversario coincidise coa nova etapa do blogue, tras case 3 anos de sequía (isto foi pura coincidencia, como tamén o é que vaia para outros 9 que o botei a andar). Estes días estou a traballar para facer algúns cambios (poucos, o que poida ir discorrendo; os cambios importantes, como entenderedes, van tendo lugar na vida, na vida terreal, é dicir, non precisamente nestoutra vida virtual, que tampouco é eterna). Por agora xa está enlazado ao dominio que merquei en .gal. Acompaña así a Lucía nos primeiros pasos (aínda non anda e xa se nota que sofre por non falar!). Nós, eu con vós, seguiremos falando (e agardemos que desta vez sexa antes de que o faga a nena ou igual teriades que agardar cerca doutro ano). 


Sempre o 3, sempre os tres...

venres, 3 de xaneiro de 2014

Papeis, lecturas, papeis (un neandertal no mundo)


Xa había un ano que non escribía unha entrada sen ter o pretexto de presentarvos algunha colaboración xornalística. Ben é certo que non podo renegar destas redaccións máis ou menos propagandísticas, pois foron o que me levara a abrir o blogue e ilo mantendo pouco a pouco, moi pouco a pouco, sen saber ben que contar cando non tiña ningunha "flor de papel" para compartir (como podedes constatar nas etiquetas). Nada que dicir, pensaba. Tiña envexa do amigo que artellara un blogue dos veteranos (mantívoo do 2005 ao 2008, clausurado hai xusto seis anos), onde escribía arreo cunha intelixencia que desmentía o título da bitácora: Nada que dicir. 
Pero hoxe entrégovos un novo texto. Xa tiña pensado publicalo en novembro. (Pasados dous meses perdeu actualidade e mais contido, pois o tema central quedará diluído no conxunto destas liñas, mesturado con outros aconteceres igual de nimios.) O conto parte dunha casualidade. Estaba a ler Ben no mundo de Doris Lessing. Aínda non o rematara cando souben que a autora morrera na fin de semana. Non é raro morrer mentres len un libro teu cando es premio Nobel e tes 94 anos. A casualidade foi para min, claro. Pensei en escribir algo sobre isto. Talvez algo para o blogue e aquí me tedes. O ano pasado tamén morreron outros nonaxenarios famosos dos da miña corda como Stéphane Hessel, José Luis Sampedro ou Nelson Mandela. Deste último aínda non perdo a esperanza de volver escribir noutra ocasión, despois de desperdiciar días e días diante do teclado sen asinar unha triste crónica; para que, se xa todo o mundo o facía? 
Entrárame gana de ler Ben no mundo porque é a continuación d´O quinto fillo. Este último lino o ano que pasei en Salceda de Caselas, cando acababan de outorgarlle o Nobel. Inquietoume moito, sobre todo no primeiro libro, a historia de Ben Lovatt, nacido dunha familia normal do século XX pero máis homínido ca humano (un neandertal ou que?). A profundización psicolóxica dos personaxes faime consideralas novelas filosóficas. O estilo podía ser mellorable en ocasións. Harold Bloom dixo que "o seu traballo nos últimos quince anos é un ladrillo... ciencia ficción de cuarta categoría". Só Harold Bloom podía atreverse a dicir tanto, eu non. A min quédame un bo recordo destes libros. Mesmo copiei un par de citas do último para empregalas nunha entrada vindeira que levo rumiando desde agosto polo menos. Xa vos contarei; só adianto que ten que ver con Brasil.

Fragmento da cuberta con lapela da edición
 non venal realizada por Punto de Lectura no 2008 

Por agora quedo satisfeito con pechar a historia que tiña pendente sobre Doris Lessing. Ben vedes que non é nada do outro mundo. Desde aquela lin outros libros mais ningún me deu tanta literatura para facer eu literatura. Lembro que hai dous anos vos contaba como planificaba algunhas lecturas e cal era o meu sistema. O dito daquela podería seguir dicíndoo agora. Non son dado a facer aquí listaxes de libros lidos, como outro amigo veterano blogueiro, con lecturas máis selectas, elevadas e proveitosas ca as miñas. Mais por esta vez farei unha excepción. Despois de Doris Lessing viñeron varias prosas: Alan Pauls (Historia do pelo; prosa fascinantemente innovadora, cun pouco pelo a linguaxe crea un libro), Herta Müller (O home é un gran faisán no mundo; prosa cargada de dor e poesía, a vida rural pode literaturizarse así de ben), Roberto Bolaño (Putas asasinas; prosa que te leva onde o autor quere, un querería ser personaxe seu), Gertrude Stein (Tres vidas; prosa deliberadamente simple e cargante, cantas vidas malgastadas no correr dos días), Niccolò Ammaniti (Que empece a festa; prosa radicalmente divertida e satírica, sucede en Italia pero podería ser en España), Frei Martín Sarmiento (Coloquio en mil duascentas coplas galegas; prosa pretendidamente en verso, interesantísima desde o punto de vista antropolóxico e histórico).
Aínda podía ler máis se fose máis disciplinado. E, como un castigo sísifico, os libros non paran de acumularse para que lles busque sitio. Cando xa están nos estantes, veñen máis e non sei onde poñelos. Nos dous últimos días do ano, digamos que por medio de doazóns, acumulei a considerable cantidade de setenta e seis novos exemplares. E aínda teño que arquivar ducias de recortes de prensa e máis papeis que vou amoreando por calquera superficie libre no estudio, aos que se veñen sumar outros que me trae Eva. Naquela entrada da que vos falaba ao inicio desta, xaneiro de 2013, contaba como era vivir rodeado de libros e papeis. Estraña forma de vida. Ás veces síntome un neandertal incomprendido. Só a quen lle pasa pode entendelo. 


martes, 27 de novembro de 2012

A xeito de desculpa

Pasaron case tres meses desde a última entrada. Xa sabedes que este blogue naceu en parte para ir reunindo as columnas da sección "Flores de papel" (tal como se constata pola superioridade numérica desta etiqueta). En agosto non se fixo o suplemento Artes & Letras, por vacacións, e unha confusión levou a publicar repetida a columna "Merda de ouro" no final de setembro. Daquela tiña que saír "Medalla de ouro", que era o peche da triloxía sobre o maldito ouro. A miña intención (agora sei que foi un erro) era publicar os tres textos de xeito consecutivo no blogue. Para complicar a cousa, polo medio cruzouse o bicentenario do nacemento de Francisco Añón (9 de outubro) e deixei que "Medalla de ouro" agardase aínda algún mes máis para poder sacar antes "O vampiro de Añón", texto que vos ofrecerei nunha entrada vindeira.
A todo isto hai que sumarlle a miña proverbial preguiza para escribir, avivada por unha repentina dedicación ao amor (que, xa sabedes, quita tempo; e, no meu caso, a felicidade non se leva ben coa creatividade) e mais polas ocupacións e preocupacións derivadas do lanzamento de dous novos libros case dun golpe: unha biografía de Añón e mais un novo libro de poesía. Destes traballos xa vos irei falando.
En parte débolle aos novos proxectos (que van facendo de min cada vez máis "un que escribe") as ganas de retomar os garabatos neste espazo virtual. Tamén lle dou as grazas á panda de delincuentes e psicópatas que gobernan o mundo; polo seu bo facer, polo seu eficaz plan para sumirnos na miseria, teño máis tempo para escribir, afastado das pequenas tiranías do traballo.
E de paso aproveito para introducir algúns cambios no deseño e presentación do blogue. Así que volvo abrir a fiestra do meu estudio e, sempre que queirades, por aquí me teredes. Por aquí me leredes.