"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta zweig. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta zweig. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de agosto de 2011

Luz verde

         Mentres o amor deseña sombras chinesas no fondo dunha copa, 
         o jazz pulveriza os nosos corazóns 
         como ás de bolboreta, suave é a noite. 

Improviso esta especie de haiku mal medido para presentar a columna que publiquei no Artes & Letras do mes de xullo (fora escrito para o número de xuño, pero non o entreguei daquela). 
Desta vez unha prosaica e aburrida tarde de domingo acabou por ser a crisálida dun texto pretendidamente poético, sobre Fitzgerald e Zweig, sobre o alcol e a morte, sobre a destrución ou o amor:

A lectura do diario de Ricardo Piglia (fin de curso en Princeton) encamíñame a un bar próximo. Quero beber o mesmo que pediu el no Lahiere´s, onde ía Scott Fitzgerald, a piques de ser clausurado definitivamente: un whisky con xeo. Mentres as pedras e o licor se van fundindo nun xogo de brillos, leo Carta dunha descoñecida, de Stefan Zweig, un escritor que estivo esquecido moitos anos, e en cuxa recuperación hai moito que agradecerlle á colección Acantilado, da editorial Quaderns Crema. Unha vez regaleille esta noveliña a un amor perdido cando xa sabía que estaba perdido, como a protagonista do libro, a descoñecida que lle envía ao home que ama un ramo de rosas brancas cada aniversario.  (Para seguir lendo picar aquí.)


Por problemas de espazo, o texto publicado no suplemento do ABC, ademais de presentar lixeiras modificacións, apareceu sen a oración que fechaba o orixinal, e que reproduzo agora:

Penso en todas as casas que tamén foron un pouco miñas, aquelas que ás veces, cando paso por diantes delas, me fan recordar e preguntarme se no interior, tras os vidros, envolta en luz, coma unha avelaíña a bater na lámpada, voará aínda ela.