"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta paseatas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta paseatas. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de novembro de 2019

Dous meses

Mentres Eva vai traballar e Lucía aínda dorme comezo, con aparente decisión, esta nova entrada. Fágoo, como vén sendo habitual, con moita demora, apremado polo encontro que esta noite vou ter cos meus amigos de Cando, os meus amigos de toda a vida. Na noite de defuntos celebraremos a amizade este grupo de fieis vivos. Mais antes debo ocuparme do relato doutro encontro, previo, co meu amigo Mario, a quen lle prometín escribir algo por aquí. A cousa non debería ser difícil de contar porque os txikitos, as conversas, os paseos, os libros e películas que comparto con el etc. son fonte inesgotable de anécdotas, afluentes do gran río que nos leva desde a infancia, tantas situacións compartidas desde aquela remota mañá que non lembramos na escola infantil da nosa parroquia. Non debería ser difícil e, porén, el sabe (teño a certeza de que o sabe, polo menos despois dos correos que nos cruzamos este verán) da miña proverbial preguiza á hora de sentarme diante dunha pantalla a xuntar letras, e sabe (teño a certeza de que o sabe) que non responde ao desleixo pola nosa amizade. 
Tras un ano sen vernos, mesmo mantendo un mínimo contacto telefónico ou telemático (situación perigosísima en calquera outra amizade), acordamos por fin o reencontro. Foi o 7 de setembro, véspera das festas da Ponte Nafonso, que para nós marcan a fin do verán. Coincidía (pasa moi poucas veces) que tamén era a festa de Cuns, mais xa deixei aviso de que esa noite do sábado a reservaba para ir cear con Mario. Quedamos no John Turkey, outro chantón imprescindible na miña memoria sentimental, onde tantas risas teño botado con Mario, chispeantes conversas que parecían extraídas das burbullas daquela boa cervexa de barril. Alí estaba el, sentado como se fose o salón das nosas casas, coa súa caña, o seu xornal (desta vez cambiouno por unha monografía sobre Marie Curie) e un cigarro imaxinario. Por teléfono advertírame que igual nos pegábamos unhas hostias por haber tanto tempo que non nos viamos. Deume a risa cando vin que a carón da mesa había unha foto antiga enmarcada na que se ven dous púxiles entregados no combate; tamén na tele botaban un combate de boxeo. Como pode ser? Mais somos xente civilizada, fómonos poñendo ao día intercalando o sucinto relato das nosas vidas presentes. Todo ben, máis ou menos, criando cadansúa filla (a del xa algo máis grandiña).
A cea foi en Casa Amanda: despois de polbo á prancha, carne á pedra, como non podía ser menos. Alí e no restaurante Areal son os dous sitios onde esta receita ten máis éxito na Serra de Outes. Penso que, na Serra, comezaron a cociñar así a carne na de Amanda, mais falo por impresións, porque escoitaba a sona que tiña o prato nese sitio cando eu tiña vinte ou vinte e cinco anos menos. Pensei naquela época cando volvín ver nunha parede do restaurante a tella decorada coa imaxe e cos versos de Añón.

A decoración do local é moi outense; un espazo agradable para comer en boa compaña.
(Lucía espertou e está no meu colo, a tomar o biberón, mentres escribo, polo que non me fago plenamente responsable de todo o que diga a partir de agora.)
Mais xusto antes da cea pasaron cousas. Cousas raras, como as escenas dos boxeadores na taberna onde quedaramos. Mario bromeaba dicindo que eran nefastas premonicións da noite que nos agardaba. Fomos levar ao meu coche un xoguete que me regalou para a nena. Onda a Horta do Muíño, a carón da Casa da Cultura, vimos un gato negro atrapando un rato. Así é como podería presentarse un aviso ao heroe nun relato medieval. Dando un paseo polo contorno da que fora a nosa escola de EXB vimos unha ambulancia recollendo alguén ferido (?), coa consecuente aglomeración de familiares e/ou veciños. Foi entón cando Mario dixo: "Moncho, é mellor que vaiamos cear canto antes". 
Despois xa todo foi a mellor.
Tiñamos pensado ir tomar unha copa a Noia, pero antes paramos no Veleiro. Quedaba de camiño ao coche. Souben que Mario quería entrar alí en canto pasamos por diante. De feito, desandamos os nosos pasos cando lle dixen: "Ti queres entrar aí, xa te coñezo". A picardía do seu sorriso foi diáfana resposta. El ten predilección polas tabernas onde van os paisanos. O que comunmente se chama "bares de vellos". Hai algúns anos, por Noiteboa ou Noitevella, explicoume o concepto en Noia, antes de entrarmos no Lelé: "Ven, Moncho, que aquí imos facer amigos". E así foi. Como tamén foi no Veleiro, onde os parroquianos non defraudaron as nosas expectativas. E nós, sen entender de todo as claves que rexen nun lugar así, malgastamos uns minutos en fedellar nos móbiles para compartirmos un curso (de barra de bar) de ética xornalística, vendo, por exemplo, como a visita de Santiago Abascal a Baiona motivaba un encontro con viandantes explicado de xeito ben diferente segundo se lese a noticia en La Voz de Galicia ou no Faro de Vigo. En que quedamos? Era recibido en calidade de Sidi ou de macho cabrío? 
Xa en Noia sacamos algunha foto. Non son gran cousa porque saen moi escuras, feitas sen flash. Valen como recordo. Mario diante dun dos quioscos da Alameda, ollando para a prensa exposta mentres sostén con garbo a biografía de Marie Curie. A pintada, no instituto Virxe do Mar, chea de razón, se non fose o estrago das paredes, que din: "Terrorismo é non chegar a fin de mes". Cousas así. Fixen a foto con algo de prevención, case como se fose eu o autor da pintada, xa que a poucos metros o alcalde departía cuns familiares. Sentinme observado pola autoridade. Que lle queredes? Tentaba fotografar un intre. 
A primeira parada foi no Lelé (si, onde podes facer amigos polo Nadal, ou en calquera outra época do ano). É a taberna máis antiga da vila (no 2025 será centenaria). Os maiores aínda lle chaman polo auténtico nome, bar Eloy. Sobre el hai opinións para todos os gustos. A primeira vez que entrei foi con miña nai, para mercar as mellores xoubas en lata que probei na vida. Outra vez, estando no instituto, antes de empezar as clases levoume un tío meu a tomar uns chatos de moscatel, o cal derivou nunha experienca psicodélica galaica que un estudante de secundaria remiso ao almorzo non se atrevería a revelar. O Lelé devolve o efluvio daqueles viños que traían os veleiros de antano. Facemos un selfie, profanando así ese templo do licor de Noé. En realidade queremos ter unha imaxe co trofeo do primeiro torneo do viño (ideado, entre outros, polo gran Pepe Agrelo, alá pola temporada 1966/67). Mario sente emoción ao ver no altar tabernario unha foto na que, a carón do mesmo cáliz cerámico (enorme) que temos diante, sae, de nena, a taberneira que nos vén de atender. Eu pensaba que era porque noutrora o meu amigo foi moi futboleiro, mais non é por iso: "Emociónome porque penso que é a miña filla a que está aí con esa copa". 

No Lelé recoñecemos os pijos que xa saían nas noites dos sábados na nosa época. Son vellos vampiros que loitan contra o tempo coa súa roupa cara e os seus coidados faciais. E tamén nós seremos logo vampiros e non o sabemos; a nosa imaxe non se reflicte neses espellos). Como daquela, a mesma xente vai dun bar a outro. Comprobámolo ao ver outra vez os vampiros no Gasset Premium, ao que lle sigo chamando Mc Cool (debe ser un signo dos nosos tempos que comezásemos e rematásemos a noite de farra en cadanseu bar "irlandés"), forzándome a non chamarlle "sala (de xogos) de abaixo". Se alá destacaban os pijos aquí fano as adolescentes, vestidas para saíren de marcha, ou para saíren mellor nos selfies que sacan a cada pouco. Onde vai a nosa mocidade?, parece preguntarlle o sorriso cómplice de Mario á miña máscara de melancolía.
A unha hora prudente despedímonos coa promesa de volvermos quedar polo menos cada dous meses. Por agora ímolo conseguindo: aínda non pasaron os dous meses. A cea desta noite non a organizamos nós, senón outro Mario (tamén do núcleo duro da miña panda na adolescencia). Nin será unha cea tan exclusiva. Mais tanto ten. Hoxe volve ser sábado. Esta noite os amigos agardan por min.

xoves, 29 de decembro de 2016

Tríptico de Muxía (I). Como aproveitar o último día lectivo do ano


Comezo polo final. Mércores, 21 de decembro. Último día de clase antes do Nadal. Imos co alumnado á cidade da Coruña, ou que diga Marineda City. Saída extraescolar. Actividade: patinaxe sobre xeo. A mañá logo pasa. De volta no instituto, entrega das notas. Algunha suspensa, claro, mais que lles quiten o patinado. Despídome de Itziar, a administrativa, que nuns días deixará o seu posto para volver ao acougo do seu fogar en Ourense. Quedo a xantar en Muxía con outros profesores.
Pola tarde fago tempo con Xoán B., mentres ten o coche no taller. Hoxe hame levar el para Negreira. Mentres camiñamos, mirando cara ao porto, tenta representarme nas súas palabras como era a Muxía que el coñecera hai trinta anos, a vila que deixou de ser así na era post-Prestige. Fálame desa Muxía que xa só existe nas vellas postais e nas vellas memorias; e por un intre esa vila mariñeira pasa diante miña a correr, como un peixe fuxidío, antes de estamparse contra o paseo marítimo ou contra as fachadas sen alma. De súpeto alguén berra o meu nome. Virámonos e vemos a Manolo Lores. "Arre carallo, tes conocidos en todas partes", bromea Xoán, talvez lembrando o noso reencontro no instituto, a principio de curso, anos despois de que nos tratásemos por vez primeira. Tras presentalos, tamén Manolo confirma o relato de Xoán, o do progreso que foi decadencia da vila de Muxía.
Nós os dous continuamos o camiño, baixo unha leve borraxeira, cara ao santuario da Barca, que era realmente o noso destino, pois queriamos ver faenar os percebeiros. "Nestes días case ganan o ano; pero a ver quen paga agora polos percebes cento cincuenta euros!", dixéranos o camareiro do restaurante. Cando chegamos xa non hai ningún percebeiro. O mar está moi bravo. Por todas partes vemos ondas de varios metros. A Pedra de Abalar, desafiante, ofrécelle a súa beira amputada ao mar maior da morte. E esta pedra partida é a sinécdoque daquela Muxía que xa non existe. Como Xoán B. trae a cámara facemos algunha foto. Non sei quen dos dous dixo antes: "Este é un dos días máis bonitos do curso".

Como unha creba que o mar trae, chegoume un correo
 de Xoán B. coas fotografías. Aquí tedes unha.

De regreso tentamos adiviñar cal será a casa do defunto Yoshiro Tachibana, o pintor xaponés que un día se asentou nesta vila. A seguinte parada é na biblioteca municipal. Pode que sexa a máis fermosa das que teña visto nunha vila. E moito deste mérito é da actual responsable, a pintora Viki Rivadulla. Mentres ela debuxa cunhas nenas nós percorremos a vella casa, noutrora unha das mellores vivendas da antiga Muxía auténtica, reciclada hogano en fogar dos libros. Antes de marchar Xoán pregúntalle pola casa do finado Tachibana. Coa axuda dun plano, Viki desmente as nosas suposicións: a vivenda non era ningunha das que nós barallamos. Dúas das nenas que pintan son tamén asiáticas. E falan na nosa lingua. "Que gusto me dá escoitar unha nena xaponesa falando galego", dígolle a Xoán, e respóndeme el cun sorriso.
Pouco despois entrégannos o coche e a tarde comeza así o seu devalo. Querendo alongala, paramos nunha taberna e seguimos falando. Temos por diante as vacacións do Nadal e nótasenos a despreocupación. "Pois si, en todo o tempo que levo en Muxía, pódese dicir que este foi un dos días máis bonitos", dime Xoán B. mentres bebe unha copa de albariño (por non haber godello). "Foi", tamén eu o penso.

P.s.: Si, é certo, gañei o Lorenzo Baleirón. Cando o meu amigo Mario entrou no ermo deste blogue talvez buscaba esta confirmación.

venres, 5 de agosto de 2016

Que tes que contar, reloxio molesto?


Ben sei que non hai nada
Novo en baixo do ceo,
Que antes outros pensaron
As cousas que ora eu penso.
                                                                                    
 E ben, ¿para que escribo?
 E ben, porque así semos,
 Relox que repetimos
 Eternamente o mesmo.

          Rosalía de Castro


O reloxio repite, mais tamén crea. Crea coincidencias.
Xa fixo onte unha semana[i], fun con Eva a Bertamiráns, onde quedaramos con María, Fernando e a filla destes, Aldara; unha bulebule, sen parada. Antes de saírmos de Negreira pasamos por unha xoiaría onde Eva deixara o reloxio para cambiarlle a pila. Camiñamos cara ao garaxe, cruzamos a rúa mentres ela coloca o reloxio no pulso. Vemos vir unha velliña que anda medio encartada. Despois preguntarame Eva se era outra muller que coñecemos un día de camiñata polas aldeas da contorna, unha que dicía moito as palabras "caralluda" e "macanuda". Pero non, esta que vén cara nós é a que un día na fonte non me dirixiu palabra aínda que a saudei dúas ou tres veces; limitouse a mirarme con atención e seriedade mentres eu enchía as miñas botellas e avergonceime ao pensar que igual era xordomuda. "Non vai encher máis?", díxome cun sorriso. "Non, xa acabei", respondín antes de marchar desconcertado rosmando un tímido "ata logo" que tampouco obtivo réplica.
E esa muller de tan poucas palabras xusto para diante de Eva e pregúntalle: "Mociña, tes hora?... Podíasme dicir a hora?". Primeira casualidade. O reloxio recén resucitado abraza o pulso tan familiar. Que regalía poder dar a hora cun reloxio así, recén saído do taller! Entramos no coche aínda divertidos pola coincidencia.
Como xa imos con algo de retraso, dirixímonos a Bertamiráns pendentes do tempo: ela contrasta a hora do reloxio e a do teléfono móbil mentres eu ollo a cada pouco para o reloxio do cadro de luces ou o da radio. Xusto cando comeza a escribirlle un whatsapp a María xa recibe outro dela: "Por onde andades?". Segunda casualidade.
Aparcamos con calma porque aínda están na piscina. Dános tempo a ir á libraría Lenda, onde vou a tiro fixo mercar o segundo e terceiro tomo dos Diarios de Iñaki Uriarte, acertada recomendación (infalible coma sempre) que me fixera o libreiro cando merquei, tamén alí, a primeira parte (comprende de 1999 a 2003). Facendo contas, saíu un pouco caro pagar os corenta e cinco euros polos tres volumes (ningún deles chega ás duascentas páxinas; a letra é miúda, iso si), mais coido que non vou atopalos facilmente nunha biblioteca e conto que me proporcionen unha lectura tan pracenteira coma o primeiro libro. No que ía de verán fora o único que me fixera desvelar na cama coa lámpada acesa mentres Eva durmía, o único que me fixera desexar avidamente a chegada do día para volver lelo.

Así tiñamos a mesa da cociña a semana pasada, colonizada polos
meus sedimentos de papel, onde tamén foron parar os libros novos.

Mentres tomamos un café, ela calma a miña mala conciencia de gastón compulsivo en libros que non darei lido: "Os cartos en libros nunca son malgastados", dime mentres acaricio a cuberta doutra adquisición, esta inesperada mais non menos desexada: El ojo castaño de nuestro amor, o último traducido do meu narrador predilecto, o romanés Mircea Cărtărescu (grazas, S. Husanu, por ensinarme a pronuncialo e por aquel poema seu en tradución simultánea!). Onte á noite comecei a lelo, entre o sofá e a cama, e a súa prosa transportoume a imaxinación a lugares onde un querería habitar por sempre, como cando lin por vez primeira un libro del. Mais agora toca falar da terceira casualidade desa tarde do pasado xoves: vemos vir a Luz e as súas fillas (xemelgas). Xusto no coche falaramos delas (porque intercambiamos uns correos a raíz do que lin no seu blogue –podedes velo na marxe dereita do meu, ou pinchando aquí, en "Luzifera"– e convidárame a unha visita), pero, como xa quedaramos con Aldara e seus pais, pensamos que non era boa ocasión para repartir tanto o tempo. Precisamente tempo pouco tivemos de charlar con Luz, apenas unhas palabras; coas nenas fixen un breve monólogo mentres se mantiñan de costas a min, como enfadadas. "Elas non che falan, ho, que as miñas fillas son como carneiros", bromeou Luz, no mesmo intre en que escoito: "Damón!, Damón!". Aí viña Aldara correndo cara a min.
Démoslle o seu regalo de aniversario: o libro Cocorico (que nunca falla), e un cepillo dental da Tropa Canina. Pouco despois, o reloxio de Eva, coa pila nova do trinque, parou misteriosamente. Como se puidésemos parar así aquela tarde agradable que non volverá.
Eva mercoulle un xeado a Aldara. Xogando con outra pequena que andaba por alí, o xeado caeulle ao chan, e non vexades que desgusto colleu. Choraba a rabiar. Foi entón cando lle propuxen lermos a historia de Cocorico. E así conseguín devolverlle o contento, mentres facía o ridículo lendo en voz alta, nunha terraza ateigada, un conto infantil. 

Imaxe: OQO editora

Como se di, collemos carrerilla, e xa non paramos de facer o parvo o que quedaba da tarde. Levoume a ver as mascotas ao escaparate dunha tenda (decepción cando comprendeu que non estaban á vista), inventamos cancións, inventamos a superheroína Aldarico... E, máis tarde, xa de recollida, incluso xogamos cos aspersores dos xardíns e con todo canto viamos ao paso que servise para facela rir. Encántame xogar coas crianzas, ora ben, fágome cargo do que debe ser todo o día así; son un domingueiro dos xogos infantís, un mero afeccionado: é doado seguir este ritmo unha tarde, o complicado é un día tras outro, queiras ou non; a maternidade e a paternidade son oficios a tempo completo.
Podería seguir enumerando as coincidencias dese día, canta xente coñecida como atopamos (Rosa, Manu, Maite...), persoas das que Eva me fala a miúdo e que só coñezo nas súas descricións repletas de cariño e admiración cara a elas; outra cousa é, claro está, a representación mental que eu fago e que poucas veces coincide co que ela me conta. Por iso me sorprendo cando me presenta xente da que tanto oín falar mais que non se parece nada fisicamente a como a imaxinaba, como se fosen vellos amigos reencontrados anos despois cun aspecto totalmente cambiado.
Mais por hoxe prefiro deixarvos coa fantástica escena (espero que poidades imaxinala tal como foi) de Superaldarico bailando dentro do meu coche, mentres Eva charla fóra con Fernando e María. A pequena baila feliz ao son da música, sen saber que a protexemos da friaxe nocturna de finais de xullo, cando xa se conoce nas noites que vai entrar agosto. E as agullas dos reloxios (de todos os reloxios, agás o de Eva) non deixan de xirar.

Esta foto fixémola hai un par de anos en 
Betanzos, no Parque do Pasatempo, noutra 
tarde desas que non volven, mais xa foi nosa.



[i] Empecei a redactar isto o venres da semana pasada, mais diversas ocupacións (si, xa sei que é período vacacional, non me faledes) fixéronme adiar a redacción desta crónica, co cal a referencia temporal ía variando cada novo día que me sentaba ante o teclado.

luns, 7 de marzo de 2011

Tarde, moi tarde

Conforme é hábito en min, tamén chego tarde a este sitio. En calquera caso agardo que sirva este novo espazo (aínda que namais sexa) para calmar as ansias lectoras da xente que me quere ben. Supoño que o motor principal da lectura en xeral (e da lectura dun blogue en particular) é a curiosidade. Se isto é certo, terei que manter a curiosidade lectora se quero conseguir algo tan básico como manter lectores. Por iso irei escribindo sobre cousas que me interesen por ver se consigo interesar nelas a quen lea.
Nunca completamente convencido da necesidade de participar neste medio de expresión, foi a reiterada insistencia dos camaradas Manolo do Río (http://www.trasalba.blogspot.com) e Manuel L. Rodrigues (http://www.manuellrodrigues.blogspot.com), seguida da súa impagábel axuda na confección do blogue, o que me levou a iniciar esta dubidosa empresa. 
Conseguiron convencerme hoxe, en Rianxo, despois de visitarmos a Roberto Abuín. Saquei varias fotos, pero vou poñer outra que fixemos na praia de Tanxil, vai para dous anos. Aquí están os tres:


Son, de esquerda a dereita: Manolo do Río, Manuel L. Rodrigues e Roberto Abuín. Semellan un grupo de rock ou unha panda de superheroes, pero son tres homes bos, tres bos poetas que por veces non escriben.
Temos en Rianxo outro dos nosos sitios no mundo. Roberto contribúe a iso. Tamén o día bonito que pasamos hoxe. Pola tarde, antes do retorno, subimos ao Castro Barbudo. Cando baixamos, no camiño atopamos un seixo. Agora, a harmonía das seis caras dos cristais batalla coa desorde da miña mesa de traballo. Non sei que misterio habitará nesta pedra, mais quero conservala por todo o tempo que me reste de vida.


No meio do caminho


No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra.

Nunca me esquecerei desse acontecimento
na vida de minhas retinas tão fatigadas.
Nunca me esquecerei que no meio do caminho
tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
no meio do caminho tinha uma pedra.

     Carlos Drummond de Andrade