"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de agosto de 2022

A pesar dos tempos que corren

"Hay quien cree que lo más difícil de este oficio es vencer a la página en blanco, cuando lo aterrador es defender la página escrita ante quien quiere borrarla", escribe o meu admirado Sergio del Molino na columna que hoxe dedica ao acoitelamento de Salman Rushdie ("Lo que no perdonan a Salman", El País, 13/08/2022). Debería recortar a cita e pegala no escritorio, tela en fronte coma un espello onde mirarse cando as palabras parezan non querer ser convocadas (invocadas). 

Todo o malo é empezar: agora tecleo, tanto tempo despois que mesmo nos cruzamos cunha pandemia, e déixome levar pola música do teclado. Tamén axuda ter un intre de calma; non por ser verán, agosto e en vacacións ten por que ter un máis tempo libre. Tamén axuda ter un cuarto propio; escribo isto no meu vello cocho de Cando, onde, como xa dixen unha vez, escribín a maior parte do que levo feito, mesmo a maior parte destas entradas, cada vez máis independizadas daquela/desta miña caverna platónica. Elixo deliberadamente o portátil que me dura desde hai xa once anos. É unha silenciosa sorte de superstición (é o mesmo modelo de portátil que tiña João Tordo e similar a un que tiña Haruki Murakami). Que lonxe quedan xa aqueles anos nos que, ilusamente, cría que nunca ía escribir a computadora. E a máquina só a empregaba para pasar a limpo. Lembrei o tacto daquel duro teclado (cunha tecla defectuosa, como toda máquina de escribir), mentres vía unha antiga entrevista televisiva a Francisco Umbral. Dicía el sentir verdadeiro pracer ao teclear na máquina. No maxín poño de menos esa sensación, que tamén debín experimentar nalgún momento, mais irrompe deseguido a lembranza do puro padecemento e tantas veces irritación ante o erro que precisaba ser riscado, emendado con líquido corrector, cando non era inevitable rachar o folio e volver comezar, cal Sísifo mecanógrafo. Só agora, mentres redacto esta entrada nun teclado mol e con posibilidades múltiples de doada rectificación do escrito, podo conceder que haxa pracer nesta música discreta de ir xuntando letras nun cyborg piano que escribe. 

Así como a Rushdie non lle perdoan nin a resistencia nin a risa, lembro que na entrevista Umbral advertía que a expresión da intimidade, na que el se prodigaba intencionadamente, era algo aceptado de mala gana, e polo tanto podía molestar. Por iso hai lectores que non lerán blogues coma este, aínda que viñesen bater por un casual con estas confesións públicas dos nosos tempos. Mais por aquí seguiremos, preguiza mediante. Que as vacacións son as non-vacacións de quen temos a teima de ir xuntando letras coma quen xunta cadáveres (exquisitos). Xa teño expresado isto outras veces, e non deixa de ser un lugar común, mais comentouno con maior acerto Ernesto Castro, xove filósofo cuxa canle de Youtube sigo con moita frecuencia: as vacacións son a época máis creativa para quen nos dedicamos ás actividades académicas. Sigo tamén, co mesmo degoro, a canle de seu pai, Fernando Castro, de quen xa levaba lido tantos textos, sen pórlle cara, no Cultural do ABC, o cal dalgún xeito me aproxima máis a el. Precisamente matinaba hoxe na entrevista a Salman Rushdie que publicamos no Artes & Letras, cando xa eu me estaba a desprender dos labores de coordinación. Ía ser eu quen o entrevistase (cando veu á Coruña inaugurar o X Congreso Mundial de Semiótica), mais preferín encargarllo ao meu compadre Manolo do Río, non só polo meu pésimo nivel de inglés, senón porque entendín que a el lle faría maior ilusión. Evidentemente, foi unha gran entrevista. Oxalá Rushdie siga a dar moitas máis. 

                                 Portada de Artes & Letras Galicia, suplemento do ABC, nº 10, outubro de 2009.
                                            Inclúe a "Conversa co encantador de Mumbai", por Manolo do Río, pp. 2-3.

E por hoxe abonda. Volvo instalarme no silencio descontinuo. Espero que sexa noutro non tan duradeiro. Que fixen en todo este tempo?, preguntaredes. Contaréivolo mellor nunha entrada vindeira. Hoxe só quería volver escribir por mor dun aniversario (como sabedes son moi dado á numeroloxía e ás efemérides): hai xusto dez anos que comecei con Eva a relación pseudoepistolar que derivou no que hoxe temos. Mais xa vedes como me vou enredando noutros temas... Escoitades esa campaíña? Chegamos á marxe dereita do papel. E xa podemos arrincar o folio. Imaxinade que isto é unha carta de amor, imaxinade que levou escribila dous anos, oito meses e vinte e oito noites... 

xoves, 22 de agosto de 2019

Tamén este verán pasará

Aquí non fechamos por vacacións de agosto, senón por preguiza. Disque se repites as mesmas rutinas a diario o tempo pasa máis rápido, e o certo é que este verán foi coma unha bala. Tiña mentes de actualizar máis o blogue (como sempre), mesmo proxectara xa varias entradas mentalmente, pero sempre volvo defraudar as dúas ou tres lectoras que aínda teño; "sempre me matan", como diría o autor. Agora, tarde, mal e arrastro, sairei como poida do paso con algo parecido ao que fai o meu amigo Manolo do Río no seu blogue, cando, ao rematar cada mes (el si, puntualmente), pon unha listaxe do que foi lendo. Fágoo para deixar constancia do máis produtivo (fóra do coidado de Lucía) que fixen este verán: ler. As horas máis propicias están a ser as de despois da media noite, ás veces ata as tres ou catro da mañá, na cama, coa mortecina luz da lámpada, mentres Eva e a nena dormen. Son as horas de máis calma durante o día.


Déitome tardísimo porque agardo a que Lucía estea verdadeiramente durmida mentres vexo a televisión. Despois, de luns a xoves, gústame ver os concertos de jazz dos festivais que botan na segunda canle da TVE. Ás veces xa comezo a ler mentres escoito a música de fondo. Pero onde máis leo é na cama. Durante o resto do día máis ben miro de pasada os xornais nas cafetarías. 
O malo de deitarse tan tarde é cando o insomnio me fai madrugar máis do querido; como contrapartida, é frecuente que aproveite as noites en vela para actualizar este blogue, como estou a facer agora.
A continuación vai o lido no mes de xullo (acompaño cada título dun breve comentario explicando algunhas circunstancias, ben sobre o contido ben sobre o que me levou a esa lectura):

La nueva educación, César Bona. O día 28 de xuño, ao vir do xantar de fin de curso, merqueino no Eroski da Barquiña. O autor é un FAMOSO e EXITOSO mestre. Deume un arrebato pedagóxico  de última hora, un canto de cisne antes de deixar atrás (outra vez) o instituto Virxe do Mar. 
Los placeres y los días, Francisco Umbral. Xa me gustaba a prosa de Umbral, pero quedei definitivamente convencido, hai poucos anos,con Mortal y rosa. No que lin agora, editado con motivo do premio Cervantes, ofrécese unha selección dos artigos de El Mundo do ano 2000. Non me digades que non vale a pena algo así: 
"Llego a un pueblo y me ofrecen cerdo y es como si me ofrecieran, con el vino tinto, los restos de aquel hermano listo que marchó a estudiar a la ciudad:
-Se nos murió de tantos libros.
-Claro, claro.
Pero todos sabemos y callamos del cuchillo que le metieron procurando "no hacer mierda", como dicen ellos". ("El cerdo intelectual".) Ademais da frase chispeante, Umbral regálame grandes momentos de humor (talvez) involuntario.
Matrioskas, Gabriel G. Esteves. Coñezo a Gabriel desde os anos da carreira. A súa novela é un canto de amor a Compostela, a cidade que o acolleu. Xa pasou unha década desde a redacción pero aínda se publicou hai uns meses. 
También esto pasará, Milena Busquets. Esta novela arrasou hai un par de anos na feira de Frankfurt. Ten algo de autobiográfica, cando trata o dó pola morte da nai, a editora Esther Tusquets. 
Buenos días, tristeza, Françoise Sagan. Unha das lecturas pendentes hai xa moito tempo. Lina xusto despois do de M. Busquets porque a crítica citaba a F. Sagan como unha das súas influencias.
Tres minutos no aire, Miguel Anxo Murado. Este é o escritor galego que máis sigo e admiro desde hai varios anos. Aquí recóllense colaboracións radiofónicas (de aí o título) do castrado Diario Cultural da Radio Galega. Sigo agardando cada domingo para ler a contraportada de La Voz de Galicia co artigo de Murado, que é un gran xornalista. Grazas a unha amiga común, Mónica Baleirón (que lle axuda na revisión lingüística dos libros), puiden coñecelo e tomar un café con el. 

Poden parecer bastantes lecturas, mais hai que ter en conta que adoito escapar dos volumes grosos. E tamén reparariades en que Manolo do Río le cousas moito máis complicadas. 
No que vai de agosto: Tus pasos en la escalera, que é a última novela de Antonio Muñoz Molina; 
A lenda do santo bebedor, de Joseph Roth, que vai gañando a miña inmensa devoción libro a libro; rematei (deixárao a medias o verán pasado) Últimas noticias de la escritura, de Sergio Chejfec, libriño que contén un sesudo e traballado ensaio despois dunhas páxinas iniciais que me fixeran prever, equivocadamente, unha lectura máis leve. Agora xa me faltan poucas páxinas de Cosas que los nietos deberían saber, do músico Mark Oliver Everett, e mais de Menos joven (El peinado de Calígula), de Rubén Martín Giráldez, novela da que vos darei máis detalles nunha entrada vindeira. 
De por parte, tamén vou petiscando nalgunha páxina de poesía ou así, cando teño menos tempo ou menos gana de textos longos. Aquí tedes unha imaxe recente da mesa de noite:


Os artigos e pequenos ensaios de Vila-Matas xa os empezara cando naceu Lucía. Despois de ver por enésima vez a entrevista de Dragó a Panero quixen reler algúns poemas. Herbert é unha das últimas descubertas, tamén o merquei o ano pasado, uns días antes de que nacese a nena, e teño aínda pendente o derradeiro relato, que lle dá título ao libro: "Tráiganme la cabeza de Quentin Tarantino" (por certo, haberá que volver ao cinema estes días). O que está revirado é Partidarios de la felicidad, unha antoloxía da xeración catalá dos cincuenta; deixeillo a unha alumna e aproveitei para reler cousas soltas de Gil de Biedma. O susodito volume con artigos de Umbral (tamén falei dúas liñas arriba do cine e non podo evitar lembrar agora o porteiro do Valle-Inclán) ten por riba unha antoloxía de poemas de Machado que merquei en Noia hai xa moitos anos, nun posto das festas de San Bartolomeu, que comezan mañá unha nova edición. Aproveitade as festas que quedan do verán, pois tamén isto pasará.

venres, 5 de agosto de 2016

Que tes que contar, reloxio molesto?


Ben sei que non hai nada
Novo en baixo do ceo,
Que antes outros pensaron
As cousas que ora eu penso.
                                                                                    
 E ben, ¿para que escribo?
 E ben, porque así semos,
 Relox que repetimos
 Eternamente o mesmo.

          Rosalía de Castro


O reloxio repite, mais tamén crea. Crea coincidencias.
Xa fixo onte unha semana[i], fun con Eva a Bertamiráns, onde quedaramos con María, Fernando e a filla destes, Aldara; unha bulebule, sen parada. Antes de saírmos de Negreira pasamos por unha xoiaría onde Eva deixara o reloxio para cambiarlle a pila. Camiñamos cara ao garaxe, cruzamos a rúa mentres ela coloca o reloxio no pulso. Vemos vir unha velliña que anda medio encartada. Despois preguntarame Eva se era outra muller que coñecemos un día de camiñata polas aldeas da contorna, unha que dicía moito as palabras "caralluda" e "macanuda". Pero non, esta que vén cara nós é a que un día na fonte non me dirixiu palabra aínda que a saudei dúas ou tres veces; limitouse a mirarme con atención e seriedade mentres eu enchía as miñas botellas e avergonceime ao pensar que igual era xordomuda. "Non vai encher máis?", díxome cun sorriso. "Non, xa acabei", respondín antes de marchar desconcertado rosmando un tímido "ata logo" que tampouco obtivo réplica.
E esa muller de tan poucas palabras xusto para diante de Eva e pregúntalle: "Mociña, tes hora?... Podíasme dicir a hora?". Primeira casualidade. O reloxio recén resucitado abraza o pulso tan familiar. Que regalía poder dar a hora cun reloxio así, recén saído do taller! Entramos no coche aínda divertidos pola coincidencia.
Como xa imos con algo de retraso, dirixímonos a Bertamiráns pendentes do tempo: ela contrasta a hora do reloxio e a do teléfono móbil mentres eu ollo a cada pouco para o reloxio do cadro de luces ou o da radio. Xusto cando comeza a escribirlle un whatsapp a María xa recibe outro dela: "Por onde andades?". Segunda casualidade.
Aparcamos con calma porque aínda están na piscina. Dános tempo a ir á libraría Lenda, onde vou a tiro fixo mercar o segundo e terceiro tomo dos Diarios de Iñaki Uriarte, acertada recomendación (infalible coma sempre) que me fixera o libreiro cando merquei, tamén alí, a primeira parte (comprende de 1999 a 2003). Facendo contas, saíu un pouco caro pagar os corenta e cinco euros polos tres volumes (ningún deles chega ás duascentas páxinas; a letra é miúda, iso si), mais coido que non vou atopalos facilmente nunha biblioteca e conto que me proporcionen unha lectura tan pracenteira coma o primeiro libro. No que ía de verán fora o único que me fixera desvelar na cama coa lámpada acesa mentres Eva durmía, o único que me fixera desexar avidamente a chegada do día para volver lelo.

Así tiñamos a mesa da cociña a semana pasada, colonizada polos
meus sedimentos de papel, onde tamén foron parar os libros novos.

Mentres tomamos un café, ela calma a miña mala conciencia de gastón compulsivo en libros que non darei lido: "Os cartos en libros nunca son malgastados", dime mentres acaricio a cuberta doutra adquisición, esta inesperada mais non menos desexada: El ojo castaño de nuestro amor, o último traducido do meu narrador predilecto, o romanés Mircea Cărtărescu (grazas, S. Husanu, por ensinarme a pronuncialo e por aquel poema seu en tradución simultánea!). Onte á noite comecei a lelo, entre o sofá e a cama, e a súa prosa transportoume a imaxinación a lugares onde un querería habitar por sempre, como cando lin por vez primeira un libro del. Mais agora toca falar da terceira casualidade desa tarde do pasado xoves: vemos vir a Luz e as súas fillas (xemelgas). Xusto no coche falaramos delas (porque intercambiamos uns correos a raíz do que lin no seu blogue –podedes velo na marxe dereita do meu, ou pinchando aquí, en "Luzifera"– e convidárame a unha visita), pero, como xa quedaramos con Aldara e seus pais, pensamos que non era boa ocasión para repartir tanto o tempo. Precisamente tempo pouco tivemos de charlar con Luz, apenas unhas palabras; coas nenas fixen un breve monólogo mentres se mantiñan de costas a min, como enfadadas. "Elas non che falan, ho, que as miñas fillas son como carneiros", bromeou Luz, no mesmo intre en que escoito: "Damón!, Damón!". Aí viña Aldara correndo cara a min.
Démoslle o seu regalo de aniversario: o libro Cocorico (que nunca falla), e un cepillo dental da Tropa Canina. Pouco despois, o reloxio de Eva, coa pila nova do trinque, parou misteriosamente. Como se puidésemos parar así aquela tarde agradable que non volverá.
Eva mercoulle un xeado a Aldara. Xogando con outra pequena que andaba por alí, o xeado caeulle ao chan, e non vexades que desgusto colleu. Choraba a rabiar. Foi entón cando lle propuxen lermos a historia de Cocorico. E así conseguín devolverlle o contento, mentres facía o ridículo lendo en voz alta, nunha terraza ateigada, un conto infantil. 

Imaxe: OQO editora

Como se di, collemos carrerilla, e xa non paramos de facer o parvo o que quedaba da tarde. Levoume a ver as mascotas ao escaparate dunha tenda (decepción cando comprendeu que non estaban á vista), inventamos cancións, inventamos a superheroína Aldarico... E, máis tarde, xa de recollida, incluso xogamos cos aspersores dos xardíns e con todo canto viamos ao paso que servise para facela rir. Encántame xogar coas crianzas, ora ben, fágome cargo do que debe ser todo o día así; son un domingueiro dos xogos infantís, un mero afeccionado: é doado seguir este ritmo unha tarde, o complicado é un día tras outro, queiras ou non; a maternidade e a paternidade son oficios a tempo completo.
Podería seguir enumerando as coincidencias dese día, canta xente coñecida como atopamos (Rosa, Manu, Maite...), persoas das que Eva me fala a miúdo e que só coñezo nas súas descricións repletas de cariño e admiración cara a elas; outra cousa é, claro está, a representación mental que eu fago e que poucas veces coincide co que ela me conta. Por iso me sorprendo cando me presenta xente da que tanto oín falar mais que non se parece nada fisicamente a como a imaxinaba, como se fosen vellos amigos reencontrados anos despois cun aspecto totalmente cambiado.
Mais por hoxe prefiro deixarvos coa fantástica escena (espero que poidades imaxinala tal como foi) de Superaldarico bailando dentro do meu coche, mentres Eva charla fóra con Fernando e María. A pequena baila feliz ao son da música, sen saber que a protexemos da friaxe nocturna de finais de xullo, cando xa se conoce nas noites que vai entrar agosto. E as agullas dos reloxios (de todos os reloxios, agás o de Eva) non deixan de xirar.

Esta foto fixémola hai un par de anos en 
Betanzos, no Parque do Pasatempo, noutra 
tarde desas que non volven, mais xa foi nosa.



[i] Empecei a redactar isto o venres da semana pasada, mais diversas ocupacións (si, xa sei que é período vacacional, non me faledes) fixéronme adiar a redacción desta crónica, co cal a referencia temporal ía variando cada novo día que me sentaba ante o teclado.

luns, 25 de xullo de 2016

Gaudeamus, exultemus e ultreia


Aínda que non sexa hábito, preséntovos hoxe un texto concibido en castelán. Calma, como non podía ser menos, traducino ao galego para facérvolo presentable (mesmo tentei imitar os xogos tipográficos que faciamos no periódico). Trátase do artigo que publiquei o 25 de xullo de 2009 no suplemento ABCD de las Artes y las Letras, do diario ABC. Repararedes en que non estou a falar do que coordinaba eu, senón do que se facía para toda España, o que actualmente se chama ABC cultural.
Pedíranme para a ocasión un texto sobre cultura galega e xacobea. Saberedes desculpar as alusións a algunha efeméride cincuentenaria xa caducada, pois, obviamente, refírense ao mentado ano 2009.
O artigo publicouse con lixeiras variacións que apenas afectaban a aspectos de edición (cambios innecesarios, ao meu ver). Preferín traducir o texto orixinal, tal como o deixei despois de ir puíndo outro moito máis longo (chegaba ás catro páxinas e aínda con ideas no tinteiro). O tema dá para moito. Por hoxe penso que basta así.
Que teñades bo Día da Patria ou do Apóstolo, como vós queirades, que a min váleme igual!


GAUDEAMUS, EXULTEMUS E ULTREIA

A CELEBRACIÓN DO DÍA DE GALICIA, CHEA DE ECOS LITERARIOS, É BOA OCASIÓN PARA RECORDAR ALGUNHAS OBRAS CINCUENTENARIAS E IMPRESCINDIBLES
                                                                                                                     
A cidade de Santiago de Compostela, sinécdoque do territorio galego (noutrora era frecuente referirse a ela como Santiago de Galicia), é capital administrativa, cultural e relixiosa. O seu patrón tamén o é de España, e por iso as festividades, entre o sacro e o profano, amalgámanse. A ofrenda ao santo coincide coa máis importante feira de gando na comunidade e co Día do emigrante. Ademais, é a conmemoración do Día de Galicia, instaurada en 1920 polos nacionalistas galegos[i], moitos deles fervorosos católicos, que fixeron da efeméride a súa bandeira. O 25 de xullo de 1965, en Compostela, o xesuíta Xaime Seixas oficiou a primeira misa en lingua galega, dedicada a Rosalía de Castro, a instancias do Padroado da escritora, institución que cada ano repite este rito votivo á outra “santa” e fai unha ofrenda floral ante a súa tumba no Panteón de Galegos Ilustres.


O EXILIO E GALAXIA. Ao mesmo panteón foron trasladados en 1984 os restos do exiliado Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, escritor, pintor e político (o máis importante do Partido Galeguista), falecido en 1950 en Buenos Aires. O seu discurso Alba de Groria, dedicado ao Día de Galicia, é representativo do ideario político e social que expresou no ensaio Sempre en Galiza.
Salta á vista a importancia simbólica de Rosalía e Castelao na cultura literaria galega, que camiñou parella á figura do Apóstolo. Aí están os exemplos do Liber Sancti Iacobi, as Décimas ao Apóstolo Santiago escritas en 1617, ou a primeira Biblia impresa en galego (o 25 de xullo de 1989).
A creación da Editorial Galaxia, no mesmo ano da morte de Castelao, supón a concretización da estratexia antifranquista adoptada en Galicia, diferenciada das teses dos exiliados. Precisamente o Día do Apóstolo de 1950 fundouse, en Santiago, dita sociedade, da que Ramón Piñeiro foi o seu primeiro director literario. Este galeguista volve estar de actualidade ao ser homenaxeado no Día das Letras Galegas, distinción póstuma que anualmente (desde 1963, centenario de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro) outorga a Real Academia Galega.
Pero a gran conmemoración do 2009 puido ser o cincuentenario de A Esmorga, novela imprescindible de Eduardo Blanco Amor (traducida ao castelán polo propio autor como La Parranda e levada ao cine por Gonzalo Suárez). Tras ser censurada en España, ao non poder saír en Galaxia (onde só pode editarse, expurgada, en 1970), publicouse en 1959 en Buenos Aires, na colección “Mestre Mateo” da editorial Citania, que dirixía Luís Seoane.

ALGÚNS POETAS BOS. Era o mesmo ano da morte do poeta Ramón Cabanillas, e da edición arxentina da súa Obra Completa, a cargo de Blanco Amor e Seoane. En 1951, precisamente cun título de Cabanillas, Antífona da Cantiga, iniciara Galaxia a súa andaina. Pouco antes, o xa mentado Ramón Piñeiro escribe o ensaio “A poesía de Lois Pimentel na lírica galega”, radiado pola BBC desde Londres. Falecido Pimentel en 1958, coa súa obra practicamente inédita, os seus amigos elixen os poemas de Sombra do aire na herba, que verá a luz ao ano seguinte na editorial dirixida por Piñeiro.
O regreso de Álvaro Cunqueiro (autor do ousado conto Epístola de Santiago Apóstol a los salmones del Ulla) á escritura en galego vén da man de Galaxia, onde sairá en 1959 a súa peza teatral O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, representada no verán do mesmo ano no Teatro Colón da Coruña. En dita estrea colaborou o xove poeta Avilés de Taramancos, que en xaneiro publicara, co selo de Moret, o seu poemario A frauta i-o garamelo (conmemorado agora cunha reedición). Cunqueiro publicou unha recensión na que afirma que este libro “está lleno de estupendas revelaciones”. O transcorrer dos anos daríalle a razón, xa que Avilés pasou á posteridade como un dos mellores poetas galegos da historia.
O tempo, que levou con el outros cincuenta anos, tróuxonos, como contrapartida, un novo Día de Galicia. Xa Dante nos lembra que a Santiago lle corresponde a virtude teologal da esperanza, a mesma que sentían os antigos peregrinos ao cantar Ultreia. Teñamos pois esperanza na literatura galega e na perspectiva dada polo paso do tempo, que acostuma poñer cada obra no seu sitio. Porque así como hai un Santiago que mata, hai outro que peregrina.

DESDE O LIBER SANCTI IACOBI, ATA A PRIMEIRA BIBLIA EN GALEGO, PASANDO POLA EDITORIAL GALAXIA, A CULTURA LITERARIA DE GALICIA CAMIÑOU PARELLA Á FIGURA DO APÓSTOLO
           



[i] Nota de 2016: Acordouse durante a II Asemblea Nacionalista, celebrada en Santiago de Compostela en 1919. Cando escribín o artigo obviei máis modernos sintagmas como Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, etc. Así, de paso que evitaba eventuais xustificacións ante os xefes, alimentaba a miña mala fama e aforráballe o desconcerto a un bo número de lectores, nomeadamente non galegos.

sábado, 23 de xullo de 2016

O rastro que deixamos (e III)


Non coñecín persoalmente a Agustín Fernández Paz, aínda que coincidín con el nun par de ocasións. Unha vez en 2006, o ano que empecei a dar clase, cando comezaba a descubrirlle os seus libros ao meu alumnado; impartiu unha conferencia excelente nun curso ao que asistín, en Pontevedra, sobre dinamización lingüística no ensino. Outra vez, nesa mesma cidade, ao ano seguinte, cando el estaba nun dos tribunais das oposicións. Lembro irmos camiñando un grupo de opositores pola alameda cando o vin, con outros profesores, sentado nunha terraza, braceando mentres falaba, como se estivese encomodado. Para min, o seu aspecto non casaba coa personalidade que marabillaba aos que o coñeceron, nin coa que puiden entrever nos seus textos. O bigote dáballe un aire de policía da vella escola, mais el era un mestre, un mestre da nova escola.
Hai docentes que deixan en nós un rastro duradeiro. Xa vedes que na entrada previa falei dalgunhas desas persoas (cuxa vocación pedagóxica tamén as levou á escritura) das que tiven a sorte de aprender. "En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras coma as que Hansel deixaba tras dos seus pasos" (así remata a cita de Siri Hustvedt que abre O rastro que deixamos). Rememorando a semana pasada, cando souben da morte de Agustín Fernández Paz, penso na xente e nos libros, nas pequenas pedras.
Na fin de semana que soubemos que o vindeiro homenaxeado co Día das Letras Galegas será Carlos Casares (outro imprescindíbel forxador do sistema literario galego) xuntabamos na Serra de Outes a medio cento de poetas nunha longa xornada literaria. Aínda tiña o corpo canso o martes, cando entraba Agustín Fernández Paz nese maldito club dos sesenta e nove anos, xunta outros distinguidos membros como David Bowie ou Emma Cohen (foi admitida no club un día antes ca Agustín). Conducindo cara a Santiago escoitaba a nova na Radio Galega. Ía á presentación dos poemas do Diario de Crosses Green, de Martín Veiga (que gran poeta!), na libraría Couceiro. 
O editor Luís Rei Núñez e a crítica Chus Nogueira (acompañantes de Martín Veiga na mesa) comezaban as súas intervencións cunha lembranza do finado. Despois do acto, agardando pola sinatura, charlei con Roberto Abuín, Pilar Sampedro e Arturo Casas: Rafael Dieste, Roberto Bolaño, Anxo A. Rei Ballesteros... E fomos tomar unha caña con Martín, cos seus achegados e coa xente de Kalandraka Editora. Foi no bar onde Pilar Sampedro, mentres se falaba de Fernández Paz, me preguntou: "Ti acórdaste cando na Serra lemos As Flores Radioactivas?". E díxenlle que si, que xusto estaba pensando niso. Foi así como Arturo Casas, quen tamén me deu clase na universidade, soubo que fun alumno de Pili.
Despois Roberto levoume a coñecer a casa Axóuxere, onde agora viven e teñen a editora. Axóuxere leva xa uns anos publicando algúns dos ensaios máis interesantes do panorama galego (algúns deles podedes atopalos na rede). 
A casa é un edificio moi antigo na zona vella de Compostela. Como é moi estreita as dependencias repártense polos catro andares, compoñendo un espazo singular. Loxicamente, nesta mestura de vivenda e oficina editorial, hai libros por todas partes e ule a incenso: "envoltos por libros insospeitados e olor a pachulí" (escribín cando entrevistei a João Tordo na casa Axóuxere de Rianxo). Como non podía ser menos, aumento alí a miña provisión de libros, o cal me dará certo aspecto freakie cando camiñe polas rúas en dirección ao coche. Antes de eu marchar saímos ao balcón do último piso. Aguanto pouco alí, porque teño vertixe, pero antes de volver entrar, mentres Roberto me indica algúns espazos (que inesperada melancolía me transmiten os tellados e chemineas de Compostela!) que nunca vira desde a perspectiva das alturas, penso no relato "Unha pedra na area" (do libro Rapazas), nun fragmento deste que teño utilizado moito nos exames; empeza así:
Hoxe batín cunha pedra na area. Xa sei que non ten nada de raro atopar unha pedra na praia, pero esta é algo especial. Non se parece en nada ás outras que podes encontrar na beiramar, tan brancas e pulidas pola auga. Ten unha forma irregular, con entrantes que semellan pequenos cráteres, coma se fose un planeta en miniatura. Téñoa agora mesmo aquí diante, enriba da mesa, mentres escribo neste caderno que me serve de diario. (...)
Unha pedra enriba da mesa: acordádesvos de cando inauguraba este blogue? O rastro que deixamos, unha pedra na area, outra no escritorio... Que tire a primeira pedra quen nunca teña apañado unha pedra que quixese conservar para toda a vida. Pequenas pedras que deixamos atrás, por onde imos pasando, pisando o rastro que outros deixaron, a presenza da súa ausencia.