"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

mércores, 29 de xullo de 2015

Soños de trens (II): Entretrén


Non había nin dous meses coñecera unha das persoas falecidas no sinistro ferroviario de Compostela. A vida xúntanos e sepáranos, no tren que nos leva. Os camiños fixéronse para levarnos dun sitio a outro, dunha xente a outra. O Camiño de Santiago foi tránsito, tamén do poder político e económico, durante séculos. Como sería, a partir do XIX, o Camiño de Ferro. Ambos os dous tiveron a súa propia sacralización instrumental. A fe no progreso, encarnado no ferrocarril, remítenos a aquel poema de Curros Enríquez: "Na chegada a Ourense da primeira locomotora" (1881), no que bautiza a máquina con audaces metáforas ("Nosa-Señora de Ferro", "Cristo dos tempos modernos"); algo parecido xa fixera outro poeta, Francisco Añón, quen no seu himno "A Galicia" (1861), fai unha sutil e temperá alusión ao ferrocarril, metonimia do progreso que el quere para Galicia. O cal non quita que en 1873 escriba outro poema no sentido contrario: "O meu amigo Xan Bautista Neira, salvado providencialmente no descarrilamento de Viana", que remata así: "Viaxar podes moi ben/ alí [Galicia] con graza e donaire,/ sen que che estorbe ninguén.../ cando alá se gaste tren,/ aquí [Madrid] andarán polo aire".


Inauguración do ferrocarril a Langreo. Cadro do ferrolán Jenaro Pérez Villamil (1852)

Xa tiñamos (tamén aquí, en Galicia) medios para andar polo aire cando a televisión comezaba a facer camiño na sociedade, mais en poucos anos conseguiu colonizarnos o cerebro, facéndonos crer que o verdadeiramente importante é o que acontece na pantalla. Cando hai unha desgraza como o accidente de Angrois os medios loitan por conseguir as mellores imaxes. Como é comprensible, a TVG foi a primeira en emitilas, mesmo en directo ("no aire"). En xeral fixo unha boa cobertura (secundada, algo tarde e algo mal, pola canle 24h de TVE); as primeiras tomas, crúas e duras, foron desaparecendo dos informativos conforme se aplicaba a censura pertinente. Non todos os medios de comunicación procederon así, pois o sangue tamén vende. Menos comprensible foi a actuación doutras canles, onde se priorizaba a merda televisada, deixando ben claro que Galicia lles importaba menos que a merda.


Sociedad del Ferro-Carril Compostelano de la Infanta Doña Isabel 
 Imprenta de Jacobo Souto é Hijo, Puerta del Camino núm. 10, Santiago de Compostela 
Galiciana. Biblioteca de Galicia. Fonte: Wikipedia

O último tramo do camiño foron internet e as redes sociais, que unha vez máis volveron apropiarse do traballo dos xornalistas, para ben e para mal. E á súa vez a prensa retroalimentábase con esta información. Transcendeu, como se fose unha proba irrefutable da vocación homicida do maquinista, que no seu perfil de Facebook bromeara sobre a velocidade. Publicáronse derradeiras conversas de chat das vítimas. Os usuarios das redes  compartiron denuncias dos excesos dalgúns xornalistas e políticos. A televisión, a radio e internet uníronse para solicitar doazóns de sangue. A xente respondeu. Porque máis alá dos camiños, os medios e as infraestruturas, o sangue é o que verdadeiramente nos une.


P. s. (de 2015): "Entretren" (así, sen acento na sílaba aguda) fora escrito en paralelo á columna que publiquei na anterior entrega. Neste caso tratábase dun texto que mandei a EFE baixo a etiqueta d´As Crónicas de Naifa, que é como lle chamo ás columnas máis ou menos de opinión que teño enviado a esa axencia de noticias. Dado que os xornais prefiren botar man dos seus propios columnistas e colaboradores, é moi difícil que cheguen a interesarse por estes textos (é dicir, é moi difícil que cheguen a mercalos). Como entenderedes, é un traballo algo fútil este de escribir crónicas (ou o que sexa) que ninguén vai ler. Visto que xa me enchín de rapaz de lanzar anzois nos que ningún peixe picaba, e visto que tampouco apareceu en ningún medio estoutra columna cando a refixen o ano pasado (cadrando co aniversario do accidente ferroviario), decidín rescatar de entre os inéditos esta versión refeita no 2014. Desta vez, e despois de darlle moitas voltas, decidín restituírlle ao título o acento que nunca debeu perder.



venres, 24 de xullo de 2015

Soños de trens (I): Tren con destino


O 24 de xullo de 2013, mentres o tren descarrilaba en Angrois, facíame socio da biblioteca municipal de Negreira, cun horario xeneroso, inversamente proporcional ao seu esquifo número de lectores. Souben da triste novidade ás dez da noite, cando cheguei ao piso de Eva. Miguel de Moaña chamoume para asegurarse de que non era eu un dos que ían no Alvia 151, pois pareceulle verme nas imaxes do inferno que retransmitía a TVG. Acendín o televisor e xa non o apaguei ata as tres e pico da mañá, mentres comezaba a deseñar estas liñas (inéditas ata hoxe).
Aquel maldito tren bateu contra unha noite que tiña que ser de festa, facendo anacos tantas ensoñacións de fugaz felicidade. Deixou un anaquiño de ferralla nos días de descanso que estaba a pasar en compañía de Eva. Era como se quedase moi lonxe a tarde do domingo anterior, cando subimos ao alto do monte da Muralla, en Lousame. Na lembranza non tiñan xa sentido a grandiosa vista panomárica, da Arousa a Compostela, nin os antigos cascallos, pedras xa tan inútiles, no lugar noutrora fortificado e que ocupan varias casetas: unha para vixilancia de incendios e outras para antenas de telecomunicación. Aínda así espero que sequera o tren do tempo non atrolle o intre no que Mario me chamou (xusto cando nos achegabamos ao punto onde se bican os concellos de Lousame, Rois, Dodro e Rianxo) para comunicarme o nacemento de Vega, a súa filla. Nin quero entregarlle a ese interminable tren de sangue a serpeante estrada que nos levou ao Araño, a camiñata no areal de Tanxil baixo unha lúa de auga… Tantos instantes máxicos que comparto coas persoas que quero e coa persoa que amo.
Cando me fun deitar a ducia inicial xa se convertera en sesenta mortes, e a cifra seguiría a medrar. Un dos libros que solicitara era Poeta en Nueva York, a edición de Lumen que usa como esqueleto o texto dunha lectura-conferencia sobre o libro, a cargo do propio Federico García Lorca no ano 1932 en Barcelona. Fuxín das noticias mais logo dei co poema "1910 (Intermedio)": "Aquellos ojos míos de mil novecientos diez/ no vieron enterrar a los muertos,/ ni la feria de ceniza que llora por la madrugada,/ ni el corazón que tiembla arrinconado como un caballito de mar". E volvín sentir o nó na gorxa, como se nela me tremese, acurrunchado, o corazón.
P. s. (de 2015): "Tren con destino" foi a última Flor de Papel que escribín para o Artes & Letras Galicia, en xullo de 2013. Non se publicou daquela porque o suplemento do ABC suspendeu repentinamente a súa edición; semellaba que ía ser algo transitorio, mais a seca dura ata hoxe. Ao ano seguinte, cadrando co primeiro aniversario daquel sinistro ferroviario, refixen esta columna e contactei coa redacción dese xornal en Santiago de Compostela, por se podía saír entre os textos que supuxen que se ocuparían da efeméride. Tampouco puido ser naquela nova ocasión. Hoxe ofrézovos a mesma versión retocada do 2014. Así pois, con dous anos de retraso, parte o meu pequeno tren con destino a vós. Se o perdedes, e non podedes voltar á cidade, quizais poidades coller o seguinte.