"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro
Amosando publicacións coa etiqueta añón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta añón. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de agosto de 2015

Soños de trens (III): O vello Añón que quería ver o tren

Este ano a Asociación Cívico-cultural Terra de Outes chega ao seu décimo aniversario. Formo parte dela desde os inicios. Tamén do consello de redacción da revista homónima, fundada no 2007 e que vai polo número 31 (é trimestral; podedes ler algunhas en PDf aquí). En cada número publico un artigo referente a Añón (xa non digo Francisco, porque agora tamén Nicolasa; a familia medra, co cal tamén medran os problemas, como unha daquelas series que adornaba a nosa preadolescencia). Aínda a risco de ser redundante, nos títulos sempre introduzo o apelido Añón, e máis cargante aínda pode parecervos cando saibades que o nome da sección é, precisamente, "Os papeis de Añón". Claro que si, como estaredes pensando, é unha homenaxe pequena a aqueles The Aspern Papers do novelista Henry James. Non busquedes ningunha relación temática entre o que eu escribo sobre Añón e o contado na novela de H. James, a non ser a veneración (no meu caso, nin escollida nin suficientemente razoada) por un poeta. Para que os papeis de Añón non sexan destruídos, como pasou cos de Aspern, e aproveitando outro texto vello sobre trens, aquí vai o artigo que apareceu no nº 4 da revista (creo que se pinchades nas imaxes despois poderedes aumentalas para ler con comodidade):

Antes de continuar coa imaxe que completa este escrito, non está de máis lembrar que o primeiro ferrocarril galego (a liña Carril-Cornes, que unía Vilagarcía de Arousa con Santiago de Compostela) non chegou ata 1873. Daquela, xa existían vías por toda España, mais non en Galiza. Só cinco anos antes da prematura morte de Francisco Añón, que quería ver o tren na súa terra.
P. s. (de 2015): Como xa contei outras veces, basicamente montei este blogue para inserir nel as Flores de Papel, é dicir, as columnas do ABC. Non estaba previsto pois que aparecesen aquí os textos da revista Terra de Outes; de feito só lembro publicar este. Porén, vista a seca textual que sempre me acompaña, igual non é mala idea ir ampliando as posibilidades de rescate. E non haberá día mellor ca este 8 de agosto, porque, de non ser polas dúas entradas de finais de xullo (tamén desta serie dedicada aos trens), faría hoxe un ano xusto desde a última vez que me vistes camiñando pola outra banda, a piques de perder o tren.

xoves, 31 de xaneiro de 2013

Un cuarto de seu

Por fin vou rematando de poñer orde no meu estudio. Non pensedes que é doado. Levo anos traballando aquí, rodeado de libros e papeis, sobre todo papeis, xa vellos, acumulando pó. Chegara a hora de clasificar dunha vez tantos recortes de prensa, materiais escolares, manuscritos, cartas, fotografías, facturas e documentos de todo tipo. Agora anda todo por carpetas e caixas, cada cousa no seu sitio. O que non vou precisar a curto prazo mesmo o coloquei fóra do cuarto, para ter máis sensación de amplitude, ou de orde. Non son moi ordenado cos papeis nin cos libros, pero dá gusto ver o traballo feito. Se non fago limpeza máis a miúdo non é por preguiza, senón porque me mete moito medo limpar o po, xa que son alérxico. Cada vez que me poño con estes mesteres acabo a esbirrar seguido, sen poder respirar polo nariz, sen poder durmir pola noite. Desta volta afectoume menos, porque fun pouco a pouco; aínda así a miña moza pensou que non sería quen de volver respirar con normalidade nunca máis.
Lembro que no verán do 2008 fixera propósito de organizar os estantes e clasificar os documentos que tiña por aí soltos. Unha forte torzón no tocelo dereito impediume continuar: ao non poder andar subindo e baixando escaleiras con facilidade tiven que aprazalo. E apraceino tanto que a día de hoxe aínda non cumprín o propósito. Fun, iso si, movendo algo de aquí para alá de cando en vez, nos últimos catro anos, comprobando como os estantes xa ían quedando pequenos para tanto libro. Ordenei os dous estantes do cuarto, onde os libros (narrativa e poesía) case chegan ao teito. Ordenei o estante do salón, onde as películas ocultan parcialmente dúas coleccións de libros. Ordenei os catro estantes (calma: dous son medianos e tamén conteñen os cedés) que bordean as dúas paredes externas do estudio: historia, etnografía, pedagoxía, narrativa e poesía galega, biografía, filoloxía, teatro, banda deseñada, arte, xornalismo, música, cinema, filosofía, política, economía, antropoloxía, relixión e algunhas revistas. Ordenei os estantes do estudio: un con enciclopedias, dicionarios e arquivadores; outro (en realidade o meu antigo escritorio) con libros de filoloxía galega e a bibliografía que manexo para dúas novelas que levo rumiando desde os dezanove anos polo menos; tamén aproveitei o oco do moble do reprodutor de música; mesmo hai libros nun vello moble bar que hai no descanso das escaleiras do faiado.
Agora tamén hai libros en caixas (xa tiña exemplares das traducións que fixera para Toxosoutos, mais era reacio a almacenalos así porque pensaba que aínda había sitio suficiente, mais ao final rendinme). E sobres en caixas. E carpetas en caixas. E tería que haber máis. Ou tería que haber menos, pois moito do que conservei igual debía gardalo no caldeiro do lixo; seguramente teña a síndrome de Dióxenes, porque non son moi amigo de guindar coas cousas, aínda que obxectivamente xa non sirvan. Bótolle a culpa a que poden servirme para documentación á hora de escribir, e así me vai. 
Como digo, por fin vou rematando de poñer orde no meu estudio. Mentres escribo isto aínda teño enriba da mesa unha morea de papeis que agardan vez para seren arquivados, mais o peor xa pasou. Quizais sexa a única escusa (sen contar a dedicación ao amor) para explicar por que hai un mes que non publicaba aquí (se vos serve de pretexto aínda o reforzo engadindo que non lin máis de cinco libros nos dous últimos meses, cando noutrora podía ler até uns vinte nas vacacións de Nadal). Teño mentes de continuar falando do rumbo que foi collendo Emily on the road nun par de entradas, mais aínda hai que maduralas, e non quería deixar que pasase xaneiro sen actualizar o blogue. Por iso me tedes aquí falando do cuarto onde escribo. Máis ben quería falar da mesa de traballo, e vouno facer. Fíxoma meu pai, e non hai mesa que se me dea coma ela. Talvez axude o feito de que non me batan os xeonllos arriba. Téñolle tanto cariño que me doeu moito cando, hai pouco tempo, a deixei marcada por mor dunha candea que ardeu de máis. Nela escribín a man e a computadora, lin, estudei, corrixín exames e traballos, mesmo almorcei moitas veces. 
Na primeira entrada xa vos presentaba a miña mesa. O seu aspecto vai cambiando, como a paisaxe, co pasar dos anos. Polo que haxa enriba dela pode saberse con que ando a romper a cabeza. Cada vez que teño un novo proxecto de escritura atéigoa con libros que preciso para documentarme. No 2011, corrixindo Emily on the road, decateime diso, por obvio que pareza:


Libros (case todos de poesía, a pesar de estar consultando unha novela de Peter Handke), o caderno orixinal e correccións sobre o mecanoscrito. A cunca de café nun lugar estratéxico.










Seguindo co xogo, volvín fotografar a ditosa mesa ao ano seguinte, cando traballaba (unha vez máis) sobre Añón: 



A cunca de café aínda estaba alí.












Prefiro non ensinarvos o estado actual da mesa, que non ten nada de interese, a non ser que vos interesen as certificacións académicas, diplomas de cursos, apuntamentos de lingua inglesa e demais cacharradas. Só vos direi que a cunca de café fica no seu lugar, e "quen fica no seu lugar resiste/ quen non morre nin sequera coa morte posúe a vida".
Espero ser quen de manter a orde para que non volvan repetirse situacións coma esta:



martes, 4 de decembro de 2012

O vampiro de Añón

Esta nova entrada vén complementar a anterior. A continuación insiro a última columna que publiquei no suplemento do ABC; desculpade pois que se repitan algúns datos, nomeadamente no parágrafo inicial (sobre os meus primeiros contactos coa biografía do poeta).


Aos dezasete anos presenteime ao I Certame de Poesía Francisco Añón, convocado polo Concello de Outes, e fun premiado cun vale por vinte mil pesetas a canxear en calquera libraría outense e coa publicación daqueles protopoemas (felizmente difíciles de atopar). Un dos libros que merquei foi Vida e obra de Francisco Añón, a tese doutoral de Bel Ortega, pois pareceume que sabía moi pouco (só coñecía os versos que lle escoitara a meu avó e a algunha mestra) daquel poeta afastado cuxo busto de bronce mirara con indiferenza nas miñas visitas á biblioteca municipal e a quen lle debía uns cartos ben descansados. Desde que lin a súa biografía o interese foi medrando paralelo ao meu modesto percorrido polas letras. 
Un dos estudosos que máis me animou a chama da curiosidade foi Gonzalo Navaza. Por el souben que Añón fora un pioneiro en moitos aspectos (e non só nos involuntarios, como o de probablemente ter o mérito de ser o primeiro escritor galego fotografado): nos seus versos aparecen, seguramente por vez primeira en lingua galega, unha referencia a Nova York, a homeopatía, un vampiro... Si, un vampiro, nun poema de 1876, cando aínda non se publicara Drácula (Londres, 1897). Aparece nunha preciosa elexía a Teodosio Vesteiro Torres, escrita pouco despois do suicidio deste; tamén contén o texto a que quizais sexa a primeira descrición dunha urbe contemporánea na literatura galega. 
Na Fundación Luís Seoane da Coruña tiven ocasión de ver a magnífica exposición "Drácula, un monstro sen reflexo. Cen anos sen Bram Stoker (1847-1912)". O coidado dos organizadores levou mesmo a incluír elementos textuais que relacionaban Galicia con esta temática: El vampiro, de Pardo Bazán; Un ollo de vidro, de Castelao; Un claro del bosque, de Fernández Flórez; a Carta XX do Padre Feijoo. Mais nada do vampiro de Añón, aquel que hai tempo me mordeu. Parece que non soubesen del, e é unha mágoa porque, ao nacer o 9 de outubro de 1812, sería boa ocasión de homenaxear o seu bicentenario. A elexía a Vesteiro faime máis ben pensar no animaliño quiróptero e non tanto no humano que volve da morte; mais tamén son quirópteros os que pinta Goya e si figuran na exposición. Consultei a Wikipedia; tampouco alí o vampiro de Añón ten reflexo.
Publicado na sección Artes & Letras Galicia, 
no diario ABC do 27 de outubro de 2012



Velaquí o meu exemplar do libro de Bel Ortega. A enruga que atravesa a capa denota o seu proveito. Téñoo repleto de anotacións e papeliños marcando páxinas. Agora mesmo está en proceso de restauración. Custoume daquela (5-8-97) 4.120 pesetas, nunha libraría que xa non existe.

luns, 3 de decembro de 2012

O Poeta Añón e mais eu

A curiosidade por Francisco Añón vénme desde os dezasete anos, cando me premiaron no certame que leva o seu nome no concello de Outes. Como gratitude destinei parte do premio a mercar a tese doutoral de Fernando Bel Ortega, pois sabía moi pouco de Añón; só lle escoitara a algunha profesora e mais a meu avó recitar algún poema de memoria. Grazas a Marita Gosende, a bibliotecaria de Outes, tiven acceso a diversos documentos. Manolo do Río deixoume ler a biografía que escribira Xosefina López de Serantes. E pola miña conta non deixei de anotar e copiar calquera dato que tivese algunha relación coa vida e obra daquel poeta. Despois, estudando o segundo curso de Filoloxía Galega, fixen un traballiño sobre a presenza da sátira e do humor na súa poesía, para a asignatura de Alonso Montero.
Cando Pilar Sampedro contactou comigo e con Santi Nieto para organizarmos un curso na Serra de Outes, en 2004, foi como comecei a traballar máis en serio e axudei a elaborar todo aquel material: a exposición e a súa guía, o roteiro literario, a obra de teatro e mais a unidade didáctica que acabarían callando neste libro, que saíu na editora onde eu traballaba:


Aí foi cando comecei a afondar na vida e obra de Añón, e pouco despois os artigos para a revista Terra de Outes, da asociación homónima, fixéronme manter a constancia; cada tres meses publico sequera un artigo sobre algún aspecto relacionado co poeta, na sección que titulo "Os papeis de Añón". Os números desta revista tédelos pendurados aquí, na páxina web que fixemos os de Terra de Outes para conmemorar hogano o bicentenario do nacemento de Francisco Añón. O noso presidente, Xoán Mariño, foi nomeado comisario do "Ano Añón", decretado polo Concello de Outes. A asociación organizou cursos e xornadas, tivo lugar un congreso na Cidade da Cultura, a directiva da RAG reuniuse en Outes no día do aniversario (9 de outubro), levouse a cabo a edición facsimilar dos seus poemas galegos, gravouse un disco, filmouse un documental... E a min encargáronme unha nova biografía hai agora un ano. Por sorte a maior parte do traballo de documentación xa estaba rematado, dadas as miñas achegas anteriores, de aí que puidese entregala sen problema a principios de xuño. Finalmente o novo libro (que vedes na marxe dereita deste blogue) incluía unha escolma poética. Con el tratei de poñer orde na cronoloxía dun dos poetas máis interesantes e orixinais do século XIX.
Aínda que poida parecer un escritor hoxe esquecido, Añón está vivo na cultura outense. Mais a memoria que hai del é basicamente oral. Sabemos moi pouco aínda da súa participación no levantamento de 1846, do "Hino dos povos", das viaxes por Europa con Mr. Shawford, dos seus retratos, da vida sentimental e familiar, do labor xornalístico... No libro ocúpome destes asuntos aportando o que puiden averiguar. Moitos misterios da súa biografía quizais morreron cos vellos que sabían cousas nunca escritas.