"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

sábado, 31 de decembro de 2011

Once veces once

O día do meu aniversario (32, malia que levaba meses pensando, e dicindo a quen mo preguntase, que xa os tiña feitos, cousa que veu desmentir miña nai uns días antes do evento) cadrou cun dos recitais máis divertidos que lembro, polo menos nos que teño participado. 
Para min é un misterio como o público pode aguantar, con poucas baixas e desercións, cerca de tres horas escoitando poesía nun bar, sen máis música ca a que acompaña o recital, sen tentar sequera atacarnos co que teña a man: non nos arrebolaron ningunha botella nin vasos nin unha mísera pedra de xeo.

A verdade é que o lugar ben se prestaba. Mirade:

Abel Pan cedeunos o local e convidounos a cear na Tasca Típica 
(a foto fíxena co móbil antes da cea). Mónica Montero encargouse 
da decoración e Chuco atendeu o son. 

Maxi Olariaga, que non ten a miña preguiza á hora de escribir, publicou dous artigos; tamén é boa verdade que el colabora na prensa dúas veces por semana. Aquí tedes unha das súas columnas, previa ao recital. E aquí está a outra.

Esta é a noticia que redactou M. X. Blanco, coas fotografías de Marcos Creo.
Por certo, na foto de grupo falta Óscar.

Se queredes ver máis fotos chulas, aquí vos deixo este blogue. Tamén teño unha morea de retratos feitos por Araceli, mais por hoxe chega, non?

O que me sacaron a min no suplemento do ABC empeza así:

O día once de novembro pareceunos boa data para facer un recital poético-musical en Noia, no Resto Pub Trócolo. Propúxonolo o músico Pablo Sax, e alá fomos, conscientes de que a poesía e a música son xeitos de resistencia contra quen queren facernos esquecer que temos unha vida espiritual, ou como queiramos chamarlle.
Foi un privilexio encontrármonos outra vez na Tasca Típica, que lle fixo de escritorio a Avilés de Taramancos. Compartimos cea, versos e ilusión antes do acto. Tal como fixeramos tantas veces os do colectivo Sacou, pois entre aquelas mesas aínda deben estar os ecos da nosa xuventude, onde un día quixemos fundar a nova literatura e fundamos a amizade. (Para seguir lendo picar aquí.)
O letreiro foi elaborado por Olga Iglesias

Para min que o acto saíu moi ben. Aguantaron tres horas de pé, beberon algo, foron felices e saíronlles varices. Tardei en contárvolo, e non quixen deixar pasar o ano sen facelo.

P.S.: Tal como prometera, aquí vos enlazo os vídeos que realizou David Pérez Iglesias. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.