"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

martes, 2 de xullo de 2013

Risco, pneumático


Imaxino que xa teredes cumprido coas vosas obrigas fiscais. Se non o fixestes non vos preocupedes demasiado, pois ultimamente non parece ser cousa de importancia, e cun pouco de sorte igual ingresades nese selecto club de xente tan rica e tan lista que nin sequera se ve na obriga de facer contribución tributaria. Se aínda así queriades estar en orde coa Facenda estatal coido que o prazo xa rematou onte. Visto que tamén rematou o prazo que me marquei para volver escribir aquí, tráiovos hoxe, sen máis dilación, un textiño sobre Vicente Risco (no seu quincuaxésimo cabodano) onde inclúo, casualmente, unha alusión esotérica ás cuestións fiscais daqueloutros violentos anos dez:

Folleto plurilingüe da Fundación Vicente Risco, 2009


 Hai un par de días, remexendo nos libros, lin a cachos a edición facsimilar de La Centuria. Revista neosófica. Como este 30 de abril é o cincuenta cabodano de Vicente Risco, deume por botarlle un ollo a esta revista ourensá, da que foi director. O primeiro número (dos sete que durou, entre 1917 e 1918) abría cun texto de presentación, do cal escollo un fragmento que sería un magnífico inicio de novela: "Orense dista seiscientos kilómetros de Madrid y acaso menos de Nueva-York. En todo caso, LA CENTURIA viene a acortar esta última distancia. Orense no tiene nada de cosmopolita ni de típico, de futurista ni de tradicional: muchas casas viejas y ninguna antigua. Pero tiene carreteras y además nos tiene a nosotros". 

Risco era un inadaptado, un "raro". Como non o ía ser un lector dos poetas simbolistas franceses, de Henri Bergson, de Rabindrananth Tagore, d´ O Budismo Esotérico de Alfred Percy Sinnet e das obras de Helena Blavatsky, naquel Ourense tan lonxe de todo? Un que se sentía máis en Europa ca en España e máis en Oriente ca en Europa. Aínda lembro as leccións (do profesor Xavier Castro, no instituto; e de Anxo Tarrío, na facultade) sobre a tipoloxía humana expresada por Risco (seguindo a desenvolvida polos gnósticos, a partir da distinción paulina entre carne e espírito) no seu ensaio "Nós, os inadaptados" (1933): "Os homes vulgares, os homes do común, corresponden aos hylicos ou materiais; os homes de talento, os simplemente cerebrais, corresponden aos psíquicos; os homes de espírito corresponden aos pneumáticos". Non sei en que tipo me encadraría eu (coido que no segundo non). Supoño que, parafraseando ao autor, todas as persoas deste mundo son sempre asegún. Por iso o Vicente Risco de 1917 xa non é o de 1920 nin o de 1930 nin o de 1938.
Volvo ler os curiosos horóscopos en La Centuria, do káiser Guillermo II, do rei Alfonso XIII, do primeiro ministro Lloyd George, do príncipe Luis Amadeo de Saboya e do goberno de García Prieto. Sen dúbida este último é o meu preferido: "Hacienda: Ciertas estrellas, conjuntas a Marte, dan el renacimiento de viejas corruptelas en este departamento, inclinadas al favoritismo de la empleomanía superflua y a las enfermedades viejas de nuestro sistema económico"… E ata aquí podo seguir lendo.

Publicado na sección Artes & Letras Galicia
no diario ABC do 27 de abril de 2013



Velaquí tedes o horóscopo do nº 5. No reverso desta páxina figuraba a cita que reproducín sobre o departamento de Facenda. Recoméndovos a súa lectura. Veredes que os astros non variaron moito a súa posición. 

LA CENTVRIAEd. facsimilar. Sotelo Blanco, 1981


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.