"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Asturies (I). A metade da miña vida está nos hoteis

Hoxe Eva fai anos. Por iso escribo para ela esta crónica. Tentarei que sexa amena tamén para quen poida ler isto e non sexa Eva. Vou falar dunha breve viaxe a Asturies que fixemos hai máis de medio ano, ou vai xa para un. Sei que a ela lle fará ilusión. A min non me gusta nada viaxar, mais soporto as viaxes curtas a sitios próximos, como foi este caso. Porén, si acostuman gustarme os relatos de viaxes. Mesmo me gusta escribilos. De feito, en canto acabe esta serie sobre Asturies terei que comezar a relatar outra viaxe; xa veredes, xa leredes. A idea desta(s) entrada(s) vén de lonxe, é contemporánea á viaxe. Mesmo pensara en facer unha "flor de papel" para o ABC, aínda que despois desistín pensando que a ningún lector do xornal podía interesarlle como pasara unha ponte festiva un tal Ramón Blanco. Funa adiando, sempre con pretendidos asuntos máis urxentes, sempre con excusas para non escribir, ata hoxe. Ben sei que o regalo é cativo, mais o amor que o envolve é máis grande ca min. 

Esta torta tróuxoma Eva no 2012, para o meu aniversario.

Xoves, 16 de maio de 2013

 Denuncian a un hotel por negarse a alojar a jóvenes con síndrome de Down



Eva tiña uns días de vacacións. Eu empezara a traballar despois dun longo período forzado a vivir dos meus dereitos de autor (e dos aforros, claro). Viñamos pensando na posibilidade de facer unha pequena viaxe na ponte das Letras Galegas. O destino inicial era outro, mais iso non vén agora ao caso. Pasamos varios días planificando. Imos, non imos, imos, non imos...; marchamos o 16 pola tarde, marchamos o 17 pola mañá, se fai falta aínda collo libre o luns 20... As típicas tribulacións de quen non está afeito a estes transos. Eu son máis de erguerme calquera día libre e dicir: hoxe vou a ... Subo no coche e alá estou en menos de dúas horas (ou tres, excepcionalmente). Mais sabía que para Eva era importante facer esta escapada. A nosa primeira viaxe xuntos. 
Finalizara o contrato nun instituto de Carballo o día anterior, en pleno proceso de avaliación e cualificación. Tiña a mente dividida entre o cansazo e a preocupación: precisaba vacacións pero quería seguir traballando. Por sorte, o 16 era xoves e xa me asignaron un novo destino, Tui, onde ía comezar o luns. Un problema menos. Agora había que solucionar outro: o da viaxe que, supostamente, tiñamos que iniciar o 17, Día das Letras Galegas.
Era a primeira vez que Eva estaba na casa de meus pais. Despois de xantarmos, deixeina soa coa miña familia, aínda a risco de ser mal anfitrión ou de facer que pasase algunha vergonza, e púxenme a buscar por internet hoteis rurais de Asturies. Era a primeira vez na vida que facía unha pesquisa deste tipo por internet. Cando traballaba de vendedor, se tiña que pasar algún día sen vir á casa, nunca sabía en que vila ía durmir. Buscaba unha pensión onde estivese e punto. O mesmo que acostumo facer cando comezo nun novo instituto lonxe da casa. 
Busquei na zona oriental, cara aos Picos de Europa. Sabía, por  meus pais, por algúns coñecidos e por Manuel L. Rodrigues (fiábame máis da súa opinión), que non me ía arrepentir. Vin un con boa pinta. Marquei o número. O hotel estaba pechado temporalmente, non abría ata o verán. Aínda non comezara e xa estaba farto. Coa segunda chamada tiven máis sorte. Hotel rural El Llagar, en Cangas de Onís. Na páxina web tiña un aspecto demasiado bo como para ser certo, pensei. E o prezo, en temporada baixa en Asturies, óptimo. Mentres falaba con Blanca, a propietaria de El Llagar, intuía que aquel era o sitio ideal. Reservei para dúas noites. Sentinme moi contento e aliviado. Corrín escaleiras abaixo para dicirlle a Eva: "Xa temos cuarto!".

Debaixo deste fachinelo estaba a cabeceira da cama no cuarto de El Llagar.

continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.